Zarandela, o futuro da zanfona galega, consolida Lugo como capital europea deste instrumento

Unha imaxe do grupo Zarandela © Zarandela

Zarandela, unha formación inédita composta por catro intérpretes moi novos que nace no seo da Tradescola, presentarase este martes 7 de outubro no San Froilán

O vindeiro martes 7 de outubro ás 20 horas as festas de San Froilán van ser escenario dunha estrea moi especial, a do cuarteto Zarandela, unha formación inédita composta por catro intérpretes moi novos que nace no seo da Tradescola (AGG), auténtica canteira da música tradicional galega. Os catro rapaces e rapazas que forman Zarandela -Marina Salgado, Uxío Blanes, Álvar Jalón e Álvaro Marijuan- sorprenden co seu virtuosismo e madurez musical a pesar da súa curta idade, converténdose xa nun símbolo do futuro deste instrumento en Galicia. 

O seu repertorio percorre a historia da zanfona en Galicia e no mundo, desde pezas de Milladoiro ou Bal y Gay ata composicións de Gilles Chabenat, pasando por arranxos e obras creadas expresamente para eles, como a Xota de Riotorto de Florencio, arranxada por Pedro Lamas. No escenario estarán acompañados por músicos de prestixio: Lucía Eiros, Pedro Pascual, Miguel Anxo López, Noemi Basanta e Germán Díaz.

Os catro rapaces e rapaza sorprenden co seu virtuosismo e madurez musical a pesar da súa curta idade e percorren a historia da zanfona galega nas súas cancións

No escenario están acompañados por músicos de gran prestixio: Lucía Eiros (clarinete, clarinete baixo e gaita en Sol), Pedro Pascual (acordeón diatónico e bouzouki), Miguel Anxo López (percusión) e Germán Díaz (zanfona). O cuarteto é tamén un laboratorio vivo, aberto á creación, ao encargo de novas obras e ao futuro da zanfona en Galicia.

O concerto terá lugar nun espazo especial denominado Escenario Zanfona, na Praza de Santa María, que reafirma a vontade de Lugo de ser recoñecida como capital europea da zanfona. Despois do concerto de Zarandela (20 horas), o público poderá gozar ás 21 horas do Concerto dos Irmaus da Raia Seca, grupo no que destaca a presenza de Gutier Álvarez, un dos grandes virtuosos da zanfona en Galicia.

Zarandela conta tamén co apoio da Deputación de Lugo, sendo o grupo residente do Centrad, pois encarna á perfección a misión do Centro: preservar e proxectar a historia dun instrumento que forma parte esencial da identidade de Lugo

Zarandela conta tamén co apoio da Deputación de Lugo, sendo o grupo residente do Centrad, pois encarna á perfección a misión do centro: preservar e proxectar a historia dun instrumento que forma parte esencial da identidade de Lugo. Non en van, o Centrad garda e difunde o legado da zanfona vinculado a figuras como o mecenas Antonio Fernández, Santalices e Paulino Pérez, continuando unha tradición que conecta pasado, presente e futuro. Grazas a este apoio, os novos zanfonistas de Zarandela poden seguir facendo medrar un instrumento que define a nosa memoria cultural.

Con este novo Escenario Zanfona, Lugo dá un paso máis no seu camiño para reivindicar a súa identidade e liderado como capital europea da zanfona, celebrando o talento das novas xeracións e a forza dun instrumento milenario que segue a marcar o presente e o futuro da nosa cultura.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.