O 16 de febreiro de 1958 naceu Lois Pereiro en Monforte de Lemos. Hoxe faría, pois, 63 anos de idade. Este ano, ademais, conmemorarase o 25 aniversario do seu pasamento, o 24 de maio de 1996. Aproveitando estas dúas efemérides, este martes lánzanse e anúncianse dúas iniciativas ao redor do poeta, homenaxeado no Día das Letras Galegas do ano 2011.
Este martes Lois Pereiro faría 63 anos de idade. O vindeiro 24 de maio é o 25 aniversario do seu pasamento
No seu Monforte natal, o Ateneo Casino publicou o vídeo 'A luz de Lois', dividido en dúas partes, no que persoas do mundo das letras, da música ou da escena como Manuel Rivas, Olga Novo, Claudio Rodríguez Fer, Ledicia Costas, Abe Rábade, Mercedes Peón, Alfonso Zarauza, Miguel de Lira, Antón Lopo, Dores Tembrás, María Xosé Porteiro ou Antía Yáñez len versos de Pereiro, encabezados por unha presentación a cargo de Xurxo Souto.
O Ateneo Casino publica o vídeo 'A luz de Lois', no que persoas do mundo das letras, da música ou da escena len versos de Pereiro
O vídeo, publicado os días 16 e 17 de febreiro e realizado por Manuel Valcárcel, compártese nas distintas redes sociais coa etiqueta #LP25anos e busca ser o punto de partida para un conxunto de actividades ao redor do 25 aniversario do pasamento de Lois Pereiro
O Ateneo Casino destaca que a iniciativa está aberta á participación de calquera persoa que queira gravar e publicar o seu propio vídeo, que deberá empregar tamén a etiqueta #LP25anos. A entidade monfortina quere estender a celebración do 25 cabodano de Lois Pereiro, con actividades que se levarán a cabo nos vindeiros meses en función da situación sanitaria.
Chan da Pólvora publica un conxunto de cadernos inéditos do poeta, baixo o título de Cadernos persoais
Á celebración únese a editorial Chan da Pólvora, que publicará un conxunto de cadernos inéditos do poeta, baixo o título de Cadernos persoais, con edición e notas de Hector Cajaraville. Os textos que agora ven a luz están extraídos de cinco blocs escritos por Lois Pereiro entre os anos 1989 e 1993 e conservados polo seu irmán Xosé Manuel, ademais de incluír outros textos manuscritos inéditos.
A maioría das anotacións que os compoñen están realizadas coincidindo coas múltiples viaxes que realizou por diferentes países europeos (Francia, Alemaña, Bélxica e Reino Unido) durante eses anos. Ademais, o volume inclúe a transcrición dunha axenda de 1996 (regalo de Isabel, muller de Xosé Manuel) que contén apuntamentos realizados entre os meses de xaneiro e abril dese ano, o derradeiro da vida de Lois.
Os textos que agora ven a luz están extraídos de cinco blocs escritos por Lois Pereiro entre os anos 1989 e 1993 e conservados polo seu irmán Xosé Manuel, ademais de incluír outros textos manuscritos inéditos
Os textos amosan "novas perspectivas do seu proceso creativo" e devólvennos "a atmosfera fascinante dun poeta que atopou nas ondulacións da mente a palabra exacta da poesía", destaca a editorial. O valor dos cadernos "non é soamente documental ou biográfico, senón de grande intensidade literaria, en tanto que proporcionan un novidoso panorama sobre o proceso creativo dun escritor que concibiu a poesía como medio de liberarse da opresión social", engade.
Trátase, en conxunto, dun material heteroxéneo no que poden atoparse anotacións “a xeito de diario íntimo” ou poemas enteiros, ademais de ideas para relatos, aforismos, citas literarias e musicais, “pensamentos breves ou reflexións longas, vivencias e anécdotas das viaxes”, mesmo “sentenzas non exentas de enxeño e humor”.