Cando a Pepa Vega, amiga común, nos presentou, Lois Pereiro xa era Lois Pereiro. Quero dicir que, mesmo antes daquel momento, a principios dos anos 90, cando xa tiña publicado boa parte da súa obra e xa era unha icona da nosa poesía, xa era Lois Pereiro. Porque Luis Ángel Sánchez Pereiro sempre foi Lois Pereiro. Os xenios xa traen o talento consigo e moi cedo se aprecia a súa grandeza. Sábeo ben quen o coñeceu de novo e así o escribiu, Xosé Manuel Pereiro, nun magnífico artigo titulado “Retrato de Lois como artista adolescente”, publicado no diario El País.
Isto que eu sospeitaba, confirmoumo unha excelente profesora de historia de moitas xeracións de monfortinas e monfortinos, Mari Carmen Acebedo, a benquerida Pirula, hai uns meses, cando se levou a cabo o acordo do pleno da corporación do Concello de Monforte de nomear a Casa da Cultura e a Biblioteca Pública Municipal co nome “Poeta Lois Pereiro”. Ela, coa clareza, a dozura e o rigor que a caracteriza, contoume o singular que era aquel alumno.
Moitos anos antes, cando aínda eu era un neno, os meus pais construíron unha casa na rúa que despois se chamaría Eduardo Pondal, poeta e bardo, debería engadirse ao rótulo. Lembro, de forma nítida, as xanelas daquel edificio en construción, con grades letras brancas nos vidros que dicían “CG”, iniciais de Cristalería “La Galaica”. Eran mediados os anos 70; daquela Lois xa estaría en Madrid, ou tal vez non, tal vez xa volvera a Monforte, despois de deixar a socioloxía e el mesmo axudou a colocar eses vidros; porque el sempre estivo do mesmo lado e non me refiro ao escalafón, senón á posición ética, ou dito nas súas propias palabras: “Sigo a estar de parte da Beleza, dos que nos sentimos na obriga de loitar, desde que o mundo é mundo, polo que sempre nos resultou moralmente xusto e evidente [...]”
Penso, ao escribir este texto, que non é casual o de exercer de cristaleiro porque, en realidade, é unha bonita metáfora: de pór os cristais que gorecen á xente das inclemencias meteorolóxicas, pasou a escribir textos que translocen sentimentos que, dunha forma íntima e profunda, nos dan acubillo para sobrevivir neste “imperio «zombie» de Microsoft mental”. Porque a súa escrita transparenta un ideario inspirado no amor, na liberdade e na loita contra todas as inxustizas; porque, como dixo o seu amigo Manuel Rivas:
“Así son as palabras de Lois Loisón Pereiro. Son tan verdadeiras que semellan pecado. Como hai unha beleza do enigmático. Porque iso é un don da poesía cando é excepcional: que enigmatiza aquilo que desvela.
Hai que ser moi valente para chegar aí.”
Naqueles anos, contábame o Carruxo, na súa versión de pinchadiscos da Xolda, que Lois era un dos que traía discos de fóra coas novas músicas que soaban e que, nese páramo cultural que era a España do fascismo eran imposíbeis: David Bowie, Joy Divison ou a Velvet, músicas que facían da Xolda unha embaixada de Europa na autarquía franquista. El achegaba eses valiosos discos coa xenerosidade que o acompañou toda a súa breve e intensa vida, como poden acreditar todas as persoas que o coñeceron.
2
Eran os anos 90, en que Monforte aínda contaba coa librería Mapa e a Xistral, coa Saleta, ao leme da nave, e o Manuel, dos da tropa da “Terra, Lingua, Cultura, Mente aberta ao mundo... e nada máis”, parapetado na barricada de libros e formas que rodeaban a súa mesa, á que toda persoa boa e xenerosa era ben recibida. Co Manuel, que xa falaba dos irmáns Pereiro no autolimiar do Cancioneiro do Val de Lemos, e o Lois, coincidín neses anos en Monforte. O Manuel María foi quen promoveu a presentación na Casa da Cultura, hoxe “Poeta Lois Pereiro”, a presentación do poemario “Poesía última de amor e enfermidade 1992-1995”, nun magnífico acto que, a bo seguro, aínda lembramos con emoción quen tivemos a fortuna de vivilo.
Acabada a presentación, un grupo de xente alongámola polos bares, onde o pracer da conversa pola conversa, sen os protocolos que impón a formalidade dos actos, casa ben co gozo da amizade do poeta. Lembro como me sorprendeu a súa bondade e sensibilidade, a humildade que só posúe a xente sabia; a xenerosidade que só practica quen de verdade non ten nada seu porque todo lle é dado aos demais. E ao amor, no seu sentido máis extenso: o amor do amante, do irmao, do amigo e, en especial, das amigas, porto seguro na súa singradura. O amor intenso e extenso: todo o amor do mundo era para Piedad e todo o amor do mundo lle quedaba para dar ao resto, de forma ilimitada:
“a Ti, única desde por e para sempre,
fagas o que fagas ou esteas onde esteas
para Ela, que me reanudou sen dor entre
Poemas; todo o que podo e que aínda teño
por Ela, Ela e Ela,
á miña beira sempre, e eu nelas
e a todas Elas, as que foron, son e serán
obxecto e causa
deste amor que resucita ilimitado.”
Di o trobador Silvio Rodríguez, “sólo el amor engendra la maravilla”, por iso a poesía de Lois Pereiro é marabillosa porque, aínda na enfermidade, aínda na ausencia, aínda na dor, o amor acompáñaa sempre, mesmo na súa última poesía de amor e enfermidade: “contra a morte o amor que vai comigo”.
3
Por iso Monforte homenaxea ao seu poeta. Foron moitos os actos desenvolvidos, en Monforte e no mundo, con motivo de dedicarlle a Real Academia Galega o Día das Letras Galegas de 2011. Con anterioridade, xa lle fora dedicada unha rúa e, no mes de abril do ano 2011, por unanimidade do pleno da corporación monfortina, foi declarado fillo predilecto de Monforte de Lemos; e, este ano 2015, o pleno da corporación acordou, na súa reunión do 26 de xaneiro, declarar o ano Lois Pereiro e nomear a Casa da Cultura e a Biblioteca Pública Municipal como “Poeta Lois Pereiro”.
Todos estes merecidos recoñecementos que lle levamos tributado como pobo ao noso veciño son necesarios, porque xusto é que un dos nosos mellores poetas, cuxa obra está traducida a outras linguas como o castelán, o vasco, o inglés, o catalán e, mesmo, o búlgaro, sexa profeta na súa terra; porque non calquera pode gabarse de contar cun veciño que fose recoñecido pola RAG coa dedicatoria do Día das nosas letras e, sobre todo, porque Lois Pereiro e a súa poesía fortalecen a presenza de Monforte no mundo e, desde ese punto de vista, nos reforza como comunidade e como lugar de interese para todas as persoas que aman a beleza.
Sempre nos tivo presentes. Monforte é omnipresente na vida e na obra de Lois Pereiro, unha persoa que coñecía varias linguas, que tanto andou polo mundo e que sempre volveu, porque, en certo sentido, nunca marchou:
“Volví. Nunca había partido.
Alejarme tan sólo fue el modo
de quedar para siempre.”
Escollo estes versos do ourensán José Ángel Valente, poeta que el tanto admirou, para asegurar que, mesmo agora, Lois Pereiro nunca se foi e con nós permanece para sempre.
Porque é bo homenaxear a Rosalía de Castro, Alexander Flemming, Castelao, Concepción Arenal, Cervantes ou Clara Campoamor, polo que representan, polo que teñen achegado ao noso país e á humanidade, pero é imprescindíbel homenaxear ao noso veciño porque, ademais da súa contribución literaria, constitúe un fío que tece a nosa sociedade, que nos une como pobo, que nos vincula; que entrelaza á miña nai e ao meu pai coa poesía de Manuel María, a través dos cristais da súa casa, elemento protector das inclemencias do mundo; que relaciona á profesora Acebedo co Carruxo, unidos xa de forma eterna polo Lois Pereiro adolescente, alumno singular que escoitaba os discos de Bowie que o Carruxo pinchaba na Xolda; que conecta á bibliotecaria Elisa con vostede que está a ler este texto, tal vez, na Biblioteca Pública Municipal “Poeta Lois Pereiro”.
Temos, no amor e na poesía do noso ilustre escritor, un punto en común que nos une alén de todas as diferenzas e a casuística que condiciona a nosa vida cotiá.
Como monfortino militante, como el foi, como somos cada unha de nós que con orgullo proclamamos a nosa monfortinidade, agradezo o recoñecemento brindado ao noso poeta máis universal, polo que representa, polos valores de xustiza, igualdade e amor que el defendeu e que se identifican cos ideais máis altos que recoñece e sublima a mellor versión da nosa sociedade e que, a bo seguro, todas as xentes de ben compartimos.
“A amizade protexe e o amor cura
o odio contaxia e fire
a indiferencia mata.”
Lois Pereiro naceu en Monforte o 16 de febreiro de 1958. En vida publicou dúas obras de referencia na nosa poesía: Poemas 1981/1991 (1992) e Poesía última de amor e enfermidade 1992-1995 (1995). Participou en obras colectivas e na fundación e difusión de instrumentos culturais de primeira magnitude, como foi a revista “Loia” e “Luzes de Galiza” e deixou inconclusa a novela Náufragos do Paradiso, da que toma o seu nome unha asociación cultural monfortina; e tamén o extraodinario texto titulado “Modesta proposición para renunciar a facer xirar a roda hidráulica dunha cíclica historia universal da infamia”, onde el propio explicou o seu pensamento, “aforrando un inxente traballo aos eséxetas”, como desa forma, tan del, que ten de falar o seu irmán Xosé Manuel, dixo nos actos de homenaxe celebrados no mes de abril do ano Lois Pereiro.
Lois Pereiro faleceu o 24 de maio de 1996, cando contaba tan só trinta e oito anos. Fago miñas as palabras do poeta Miguel Hernández, na súa “Elegía a Ramón Sijé”, para lamentar a súa morte prematura:
“Temprano levantó la muerte el vuelo,
temprano madrugó la madrugada,
temprano estás rodando por el suelo.”
E con nós quedou a noite, a mesma sensación de inmensa tristeza e frustración que, de forma tan brillante, xa expresara, respecto do seu propio amigo, o poeta oriolano:
“No perdono a la muerte enamorada,
no perdono a la vida desatenta,
no perdono a la tierra ni a la nada.”
Do Lois Pereiro, ademais da súa doce lembranza, quédanos a súa obra, inmorrente, imprenscindíbel. Se queredes coñecela ou revisitala, podedes facelo na nosa Biblioteca Pública Municipal “Poeta Lois Pereiro”, onde sempre seredes ben recibidas, porque, como el mesmo escribiu:
“Se me permite seguir axudando á defensa que non procura dominar nin agredir, seguirá a ser unha loita compartida por min: da tropa dos vencidos. Terra. Lingua, Cultura, Dereito á diferencia. Mente aberta ó mundo... e nada máis”.
*Este texto foi publicado no libro da Festas de Monforte 2015