Lino Braxe, Estíbaliz Espinosa, Rosalía Fernández Rial, Alfredo Ferreiro, Antía Otero, Mario Regueira, Manuel Rivas, Dores Tembrás... E así, ata vinte voces da palabra poética e musical para lembrar a Lois Pereiro. O teatro Rosalía Castro da Coruña acollerá este domingo (12:30, de balde) o recital O fillo da furia. 20 voces por Lois, unha homenaxe literaria, pero tamén cidadá, que recordará o poeta monfortino na que tamén foi a súa cidade e, ao tempo, inaugurará o ciclo 'Historias de almanaque', co que o concello coruñés realizará diversos recoñecementos a figuras culturais vinculadas á cidade.
Acompañado por Xosé Manuel Pereiro, decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, irmán do poeta e un dos produtores do recital, o concelleiro de Culturas coruñés, José Manuel Sande, explica que esta vintena de representantes da poesía galega, así como as actrices Manuela Varela e Sabela Hermida, levarán ao escenario do Rosalía unha obra tan "breve" como "contundente, radical e apegada". O acto, di, bebe do "súmmum da audacia académica" que supuxeron os actos sobre Pereiro que inzaron todo o país durante 2011, cando se lle dedicou o Día das Letras á súa figura, "crucial e necesaria".
A homenaxe a Lois Pereiro inaugura o ciclo 'Historias de almanaque'
Aquelas celebracións, di Sande, supuxeron o inicio "dun camiño de recoñecemento" no que ficou, se cabe, máis claro que "unha obra non se mide polo número de páxinas, senón pola súa valía". Todo isto será lembrado "nun espectáculo poético, pero tamén musical" que se engloba nun programa máis amplo, 'Cicloxénese cultural', centrado na figura de Lois Pereiro. Nel participan artistas de todo o mundo con videocración, ilustracións ou concertos, así como nunha exposición "que terá lugar nos vindeiros meses en Monforte".
No caso do acto da Coruña, Lois Pereiro será o primeiro persoeiro homenaxeado dentro do devandito ciclo 'Historias de Almanaque' que, recollendo o nome da obra de Bertolt Brecht, acollerá "dende actos que poden ser no salón de plenos" á "incorporación de nomes ao rueiro", exposicións ou recitais. "Levabamos tempo vendo a falta de tributos a figuras vivas ou mortas que entendemos que merecen recoñecemento" e "memoria, pola súa relevancia", indica Sande.
- NA TENDA DE PRAZA Lois Pereiro, na Tenda de Praza