"A corporación decidiu dedicarlle a Casa da Cultura e a Biblioteca municipal á persoa do mundo das letras e da literatura que máis pode honrar a Monforte". As concelleiras Pilar López e María Xosé Vega presentaron os actos que este sábado se levarán a cabo na vila en homenaxe ao poeta e con motivo do Ano Lois Pereiro. Pereiro daralle nome, ademais, á propia Casa da Cultura e á Biblioteca Municipal e será protagonista de actividades nos centros de ensino. A decisión fora adoptada polo Pleno municipal o pasado mes de xaneiro, a pesar das críticas do PP, que propoñía un recoñecemento ao Conde de Lemos e que abstivo sinalando que a homenaxe ao poeta non era "unha cuestión pacífica".
María Xosé Vega destacou que Pereiro "sempre foi un monfortino de nacemento e de vida, foi unha persoa que sempre tivo a Monforte no seu corazón e na súa alma e parte da súa obra literaria non se explicaría se non houbese unha profunda pegada de Monforte na súa vida". Ademais, subliñou que "é un escritor singular, que rompeu moldes aínda sendo un escritor clásico; foi quen de facer unha poesía moi vangardista. Podemos sentirnos orgullosos como cidade da súa calidade literaria". Pola súa banda, Pilar López dixo que con estes recoñecementos "queremos que Lois Pereiro continúe vivo entre nós e que os máis mozos coñezan e descubran a súa importante figura".
Pereiro "sempre foi un monfortino de nacemento e de vida, foi unha persoa que sempre tivo a Monforte no seu corazón e na súa alma e parte da súa obra literaria non se explicaría se non houbese unha profunda pegada de Monforte na súa vida"
Os actos deste sábado, abertos á participación da cidadanía, comezarán ás 11:45 coa recepción á familia de Lois Pereiro, e ás autoridades e convidados e convidadas. Ás 12 terá lugar o acto de nomeamento da Casa da Cultura de Monforte de Lemos como Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro e da Biblioteca Pública Municipal como Biblioteca Pública Poeta Lois Pereiro. Ás 12:15 abrirase a Biblioteca e realizarase o selado de diferentes libros co novo selo coa imaxe do poeta.
A partir das 12:30 no salón de actos da Casa da Cultura, desenvolverase un acto aberto ao público no que participarán varios autores pertencentes á Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG). Este acto comezará co saúdo do presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, e continuará coa lectura de textos de Lois Pereiro por parte de Rosalía Fernández Rial, Manuel Rivas, Xurxo Souto, Antón Lopo, Mario Regueira, Iago Martínez ou Mercedes Queixas. A xornada conmemorativa rematará ás 21 horas cun concerto na Praza de España a cargo dos grupos Vera Lynn e Os Tres Trebóns.
Ao longo de 2015 desenvolveranse varios actos sobre a figura de Lois Pereiro
Ademais das actividades programadas para este sábado, ao longo de 2015 desenvolveranse varios actos sobre a figura de Lois Pereiro. O primeiro deles levarase a cabo este xoves día 9 de abril e terá coma escenario os tres IES da cidade. García, integrante do grupo Dios ke te crew, e o cantautor punk Leo, ofreceranlle ao estudantado de bacharelato unha charla-actuación para divulgar e motivar a mocidade na participación dos actos do sábado día 11.