0 Gardados para despois

Lois Pereiro terá Casa da Cultura en Monforte a pesar do PP

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


O Día das Letras de 2011 foi o máis popular dos últimos anos. A homenaxe a Lois Pereiro derivou en que onde só adoitaba haber, agás excepcións, conmemoracións oficiais máis ou menos rituais se celebrasen todo tipo de actos cívicos e artísticos en numerosos puntos do país nos que se transcendeu, con moito, a programación impulsada dende a Xunta ou a Real Academia. O carácter popular da figura e a poesía de Pereiro e o feito de tratarse "dun escritor excepcional" levou o Goberno local de Monforte a propoñer que a Casa da Cultura da cidade leve o seu nome e que, ademais, o 2015 sexa o Ano Lois Pereiro na capital de Lemos. O pleno municipal monfortino ratificou este martes unha decisión que tivo enfronte o PP, cuxa voceira defendeu centrar os recoñecemento en Pedro Fernández de Castro, sétimo Conde de Lemos, político e mecenas dos séculos XVI e XVII.

No nome do BNG, que sustenta o equipo de goberno, a súa voceira María Xosé Vega subliñou durante o debate a calidade literaria da poesía de Pereiro e a necesidade, ao seu xuízo, de que Monforte se identique co literario como acontece, por exemplo, en Mondoñedo con Álvaro Cunqueiro ou en Dublín con James Joyce. "É de xustiza" que as autoridades monfortinas recoñezan "un poeta da magnitude de Lois Pereiro" que ademais, lembra Vega, impulsou a que "a xente nova" se implicase na celebración das Letras Galegas mentres "outros anos" esta data "pasa sen pena nin gloria".

A iniciativa recabou o apoio do PSdeG, que a través de José Tomé eloxiou o "indiscutible" valor da obra literaria de Pereiro, pero atopouse cos receos do PP. A voceira popular e candidata á Alcaldía, Julia Rodríguez, asegura non dubidar de que Pereiro sexa "merecedor de todos os recoñecementos e de moitos máis, seguramente", pero cumpriría iniciar "un proceso de reflexión" para "ver cantas figuras" teñen "méritos" para que se lles dedique a Casa da Cultura monfortina. "Teñamos altura de miras, pensemos que nalgún momento haberá que iniciar a senda do recoñecemento" do sétimo Conde De Lemos, di Rodríguez, que propuñar comezar con esta dedicatoria en 2015 cadrando co cuarto centenario da publicación da segunda parte do Quijote, do que o conde foi mecenas.

A voceira popular defendeu que a homenaxe fose para o sétimo Conde de Lemos

Segundo os conservadores "hai outros recoñecementos que se lle poden dedicar a Lois Pereiro" pero, "postos a poñerlle o nome da casa da cultura a alguén", o indicado sería "unha personalidade de gran altura cultural e merecedora deste recoñecemento, como é o caso do conde. "Propóñolles que deixemos este asunto sobre a mesa porque é evidente que non coincidimos", instou Rodríguez, quen considera que ligar a figura de Lois Pereiro a Monforte "non é unha cuestión pacífica aquí nin na rúa".

A dedicatoria e a celebración do Ano Lois Pereiro aprobouse co aval de BNG e PSdeG e a abstención do PP, que coida que "non é unha cuestión pacífica"

"O Conde de Lemos polo que destacou foi por ser unha figura política, non literaria", lembrou María Xosé Vega, toda vez que "ser virrei" non está ligado á literatura. "Outra cousa é que fose mecenas de moitos artistas, ese é o aspecto máis literario que ten, por moito que escribise algo". "Hai moita xente que escribe cousas en privado, pero aquí non estamos falando diso", retrucoulle á popular, de quen lamenta ademais que teime en "enfrontar dúas figuras que nada teñen que ver". "Que argumentos tería para non poñerlle o nome de Lois Pereiro á Casa da Cultura e á Biblioteca no caso de que non se celebrase o cuarto centenario da obra de Cervantes?", pregúntase. "Vostede -conclúe- deberái unir á cidade, non dividila".

Vista a correlación de forzas foi o propio alcalde, Severino Rodríguez, quen confirmou que a proposta ficaría aprobada toda vez que "a familia de Lois Pereiro comentoume que, se tiña maioría, seguise adiante coa proposta" aínda que o propio goberno local preferiría que estivese avalada por unanimidade. "Se o que me queren dicir é que están comparando a Lois Pereiro con James Joyce é a súa apreciación", teimou Julia Rodríguez. Para o PP "esta actitude" é un "fraco favor" para Monforte, nun contexto no que cuestiona, asemade, que a dedicatoria se sustente no "interés persoal da familia" do autor". "Hai outras posibilidades e outras opcións", reiterou antes de optar pola abstención na votación.

María Xosé Vega (BNG) defende a homenaxe a Lois Pereiro e lamenta que o PP "enfronte" a súa figura coa do Conde de Lemos

CC BY-SA Praza Pública

Julia Rodríguez (PP) argumenta que homenaxear a Pereiro non é "unha cuestión pacífica" e defende sustituílo polo sétimo conde de Lemos

CC BY-SA Praza Pública

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.