Lois Pereiro é unha marioneta

Os responsables da compañía © Fantoches Baj

No 2011, coincidindo co ano de celebración das Letras Galegas dedicadas a Lois Pereiro, a compañía Fantoches Baj asumiu, sen ningún tipo de axuda institucional, a producción dun espectáculo de monicreques para adultos a partir de textos do autor, titulado PULP (Poesía Última Lois Pereiro). Malia o interese xeral que espertou Pereiro no ano en que foi homenaxeado, o espectáculo tivo unha distribución limitada no seu momento, "a pesar das entusiastas críticas que moitos espectadores nos fixeron chegar e da idoneidade do proxecto para o momento en que foron feitos", destacan os responsables da compañía. Quizais foi debido, suxiren, a "unha falta de tradición de teatro de monicreques para adultos en Galicia", á "modernidade destas propostas" ou por ser Fantoches Baj naquel momento "unha compañía incipiente, cunha estructura de distribución moi debil".

Agora veñen de lanzar unha campaña de crowdfunding para editar un e-audiolibro e caderno de escena a partir de PULP. Buscan recadar 6.200 euros nos vindeiros dous meses, ofrecendo a descarga do libro electrónico a quen achegue 5 euros, o envío do libro físico ao que poña 20, e recompensas máis importantes (incluíndo entradas para a reestrea do espectáculo) para quen ofreza unha cantidade maior.

PULP era un espectáculo de teatro de obxectos, con música en directo, baseado en poemas de Pereiro. A partir dos seus textos, e mediante o recurso explorado polo propio Lois de converterse en narrador de si mesmo, relátanse en primeira e terceira persoa os dous últimos anos da súa vida. As letras que conforman o título do espectáculo van construíndo palabras que nomean os espazos, obxectos e sentimentos que acompañaron a Lois e as súas relacións e amizades, personaxes que se materializan baixo a forma das iniciais dos seus nomes. A sonoplastia, creada por Benxa Otero e tocada en directo por el mesmo con sintetizador e lupeadora, axuda a crear os ambientes necesarios e a ilustrar algúns dos espazos que percorreu Lois (o hospital, a praia de Barrañán, o bar Parrús no Orzán, a súa casa…). Esta banda sonora mestura composicións propias con fragmentos de pezas queridas e escoitadas por Lois de Pata Negra, Zeca Afonso, Satie, Mahler, Bach, etc…

Este espectáculo dáballe continuidade á liña estética iniciada en 2010 co Asombro, montaxe feita sobre textos de Uxío Novoneyra e producida coa axuda do AGADIC. As semellanzas entre estes dous espectáculos van mais alá do feito de ser a protagonista a palabra poética, tamén son dirixidos a público adulto e neles úsase a marioneta como un obxecto, cun tratamento mais abstracto e constructivista que figurativo. Tamén é reseñable a importancia do espazo sonoro nestes dúas propostas.

Dende Fantoches Baj salientan tamén as opinións manifestadas no seu día por Paco Macías e Pepe Lago en Letra en Obras: "Os que vimos esta montaxe quedamos marabillados coa lucidez da mesma, co profundo coñecemento da poesía de Lois Pereiro, e da persoa, coa proposta “distinta”, coa beleza das imaxes acompañando á rotundidade dos textos… E, sen desmerecer ninguén, é para nosoutros esta Poesía Última de L.P. o máis fermoso que vimos este ano de todo o relacionado con Lois Pereiro". "Coincido hoxe tamén con este Paco Macías. Eu tamén vin este espectáculo no Ultramarinos de Santiago. E sorpréndeme o descoñecemento que sobre el teñen os xornalistas, os estudosos de Lois, os congresos realizados, e outros moitos mundos bastante reducidos e reducionistas. O caso é que a min tamén me marabillou o traballo realizado por estes fantoches".

Poesía Última de L.P. © Fantoches Baj
Deseño do espectáculo © Fantoches Baj
Os responsables da compañía © Fantoches Baj

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.