O 22M rodea este sábado o Parlamento co apoio de AGE e BNG

Presentación de 'Rodea o Parlamento' Dominio Público @Anova_irmandade

O Parlamento galego será rodeado este vindeiro sábado nunha nova convocatoria das Marchas da Dignidade, que chega tras a exitosa manifestación en Madrid do pasado 22 de marzo -que dá nome ao movemento- e que volverá reclamar "pan, traballo e teito" non só no Hórreo, senón tamén noutras cámaras autonómicas do Estado. Será tamén unha denuncia do control destas cámaras "polo poder financeiro e o bipartidismo de PP e PSOE" nunha acción que, desta vez, terá un apoio máis amplo que anteriores iniciativas do colectivo. Ao que manifestaron xa desde o 22M numerosos colectivos sociais, políticos e sindicais e ao decidido de AGE desde os seus comezos uniuse desta vez o BNG, que di "apoiar" a mobilización promovida pola Plataforma Galega das Marchas da Dignidade.

Ao apoio decidido de AGE ás Marchas da Dignidade uniuse desta vez o do BNG

"Loitamos polos nosos dereitos, e seguiremos a loitar mentres non consigamos cambiar un sistema inxusto e antidemocrático e devolver o poder ás persoas, sometendo o poder político á vontade popular. Loitaremos por ter pan, traballo e teito para o noso país". Así remata o manifesto que acompaña a convocatoria Rodea o Parlamento, que chega poucos días despois de que o Bloque tamén arrodease a Cámara, neste caso para reclamar unha república galega e o dereito a decidir logo da abdicación do rei de España.

Desta vez, serán dúas das catro formacións con representación no Parlamento galego as que se poñan do lado da convocatoria que chama a arrodear a Cámara. AGE -que se identificou coa Columna Galega do 22M desde o seu inicio e que o mércores se reuniu cos seus representantes- e BNG apoian unha convocatoria na que Manuel Camaño, un dos voceiros da plataforma, entende "que hai unha clave frentepopulista e unha clave de unidade de clase e popular, que nos obriga a todos os que pensamos que este sistema é inxusto". Os dous grupos que xuntan o 20% da representación parlamentaria estarán cabo dos manifestantes.

"Hai unha clave frentepopulista e unha clave de unidade de clase e popular, que nos obriga a todos os que pensamos que este sistema é inxusto", di o 22M

O BNG di compartir a demanda de que o Parlamento "ten que ser a institución que recolla a voz da cidadanía que está a ser acosada polas políticas de recorte do PP en todas as instancias nas que goberna, políticas que provocan emigración, paro, exclusión social e mesmo fame". A formación nacionalista asegura que "está e estará sempre" ao carón da cidadanía galega que se mobilice contra unhas políticas inxustas, que causan "sufrimento e pobreza na maioría social, políticas que se deciden de costas ás institucións democráticas, coa complicidade dos partidos do sistema que actúan como verdadeiro brazo executor ás ordes da troika, da banca e das multinacionais, mentres asistimos a unha auténtica poda de dereitos básicos e se arrasa cos servizos públicos".

AGE chama a demandar "solucións" a través da "unidade popular"

Ademais, AGE chama nun comunicado a secundar a convocatoria e demandar “solucións a esta situación de fame e pobreza a través da “unidade popular” para destituír “a aqueles que non representan o pobo”. Alternativa di poñerse "a disposición" dos impulsores da protesta e fai un chamamento á "participación popular" na mesma. 

"A soberanía popular e nacional atópase usurpada e que na Cámara do Hórreo sentan os mandados dos mandados da troika. Contra a brutal ofensiva do capitalismo neolibera só a mobilización cidadá e das clases populares e traballadoras pode erguer un dique de contención", asegura AGE.

Os colectivos que integran o 22M galego denunciarán con esta iniciativa que desde o Parlamento galego "privatízanse servizos públicos esenciais, como a sanidade, servizos de emerxeencia ou educación" e péchanse camas de hospital e se reduce persoal do ension ao tempo que se "dilapidan os cartos públicos en obras inútiles". "Tómanse decisións que levan as persoas comúns a unha situación de miseria e excusión social; un goberno que permite que a súa poboación pase penurias non é lexítimo e o pobo ten dereito a se rebelar contra el, tal  como di a Declaración Universal dos Dereitos Humanos", advirten.

A Columna Galega do 22M cre que esta iniciativa demostra que asn anteriores marchas "non foron un fracaso, como algúns pretendían"

Ademais, Manuel Camaño destacou que a convocatoria do sábado e a continuidade do 22M demostra que as anteriores marchas "non foron un fracaso, como algúns pretendían", senón que son un exemplo de "continuidade" e de necesidade "histórica". A plataforma galega entende que as institucións lexislativas "non representan" o pobo e que existe un "clamor popular" para demandar solucións á situación actual, "de fame, antidemocrática e necesitada de crebar este réxime".

A marcha partirá da estación do tren de Compostela ás 12 horas, saíndo da mesma á avenida de Lugo, continuará pola rúa do Hórreo, rúa Ramón Piñeiro, volverá á avenida de Lugo e rematará por volta das 13 horas na Rotonda da avenida de Lugo (enriba do túnel) coa lectura do manifesto, que demanda dos poderes públicos "novas políticas que resolvan a grave situación que están a vivir amplísimos sectores populares de Galicia", comezando pola esixencia do "dereito a poder comer, o dereito ao traballo digno e o dereito a unha vivenda".

Dominio Público Praza Pública
Percorrido previsto para a manifestación Dominio Público Marchas da Dignidade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.