Lula frea o asalto bolsonarista aos poderes do Brasil: "Todos eles pagarão com a força da lei"

Lula da Silva, visitando as instalacións do Palácio de Planalto na noite do 8 de xaneiro de 2023, tras o asalto bolsonarista © Ricardo Stuckert, fotógrafo oficial de Lula da Silva

A finais de outubro do pasado 2022 Luiz Inácio Lula da Silva impúxose por unha marxe de máis de seis millóns de votos ao ultradereitista Jair Bolsonaro. No seu discurso da vitoria, quen xa fora presidente do Brasil por dous mandatos prometeu retomar a súa ampla política social contra a fame, mais tamén un plan de acción para protexer as liberdades democráticas. "A maioria do povo brasileiro deixou bem claro que deseja mais e não menos democracia", resumira daquela.

Ante a aparente pasividade das forzas policiais dependentes de autoridades bolsonaristas, os asaltantes irromperon nas sedes dos tres poderes do Estado en Brasília

A pasada semana, co inicio do 2023, Lula tomou posesión como presidente e botou a andar o seu Goberno mentres Bolsonaro -que non recoñeceu oficialmente a derrota- fuxía aos EUA e, ao tempo, os partidarios do ex-presidente emprendían diversas mobilizacións entre proclamas abertamente golpistas a prol dunha intervención militar. Este 8 de xaneiro, cadrando case exactamente co segundo aniversario do asalto trumpista ao Capitolio estadounidense en vésperas da toma de posesión de Joe Biden, os bolsonaristas entraron pola forza nas sedes principais dos tres poderes do Estado: o Congreso (lexislativo), o palacio de Planalto (executivo) e Supremo Tribunal Federal (xudicial), as tres no mesmo complexo de Brasília.

As múltiples imaxes que axiña foron divulgadas a través das redes sociais polos medios de comunicación e polos propios asaltantes lembraban tamén o acontecido nos EUA. Incluíndo unha aparente pasividade das forzas policiais dependentes do goberno bolsonarista do Distrito Federal. Non en van, o ata este domingo secretario de Segurança Pública, Anderson Torres, foi ata o pasado 31 de decembro ministro de Xustiza do Goberno de Bolsonaro.

O presidente Lula da Silva, que tomou posesión o pasado 1 de xaneiro tras vencer a Bolsonaro por máis de 6 millóns de votos o pasado outono, decretou a intervención da seguridade no distrito federal

Actitudes claramente violentas e estragos materiais nas sedes oficiais convivían con iconografía a medio camiño entre o golpista e o folclórico -neste caso, tamén o futbolístico, con abondosas camisolas da selección brasileira de fútbol-, con proclamas fascistas recollidas en vídeos caseiros e accións abertamente delituosas contra os poderes do Estado recollidas en selfies e subidas por vontade propia a internet.

Foi neste contexto no que o propio presidente Lula da Silva compareceu dende Araraquara (São Paulo), onde viaxara para visitar zonas afectadas por asolagamentos, para anunciar a intervención das forzas de seguridade de Brasília, así como diversas medidas para conter o intento de golpe, unha "barbárie" executada por "aquelas pessoas que chamamos de fascistas, o que há de mais abominável na política". "Achamos que houve falta de segurança", advertiu, de inicio.

"Quem tem que fazer a segurança do DF [distrito federal] é a polícia do DF, que não fez. Por incompetência e má fé das pessoas que cuidam da segurança do DF", acusou Lula tras asinar o decreto de intervención. O presidente brasileiro non dubida de que "existem vários discursos do ex-presidente" Bolsonaro "estimulando" o acontecido e "isso também é responsabilidade dele e dos partidos que sustentaram ele".

 "Vamos descobrir quem são os financiadores de quem foi a Brasília". "Todos eles pagarão com a força da lei",

Mentres se producían máis dun cento de detencións dos asaltantes, Lula da Silva aseveraba que "vamos descobrir quem são os financiadores de quem foi a Brasília". "Todos eles pagarão com a força da lei", porque "a democracia garante o direito de livre expressão", pero tamén "exige que as pessoas respeitem as instituições". O asalto bolsonarista en Brasília "não tem precedente na história do país". "Por isso devem ser punidos", concluíu Lula, que horas despois acudiu persoalmente ao Palácio do Planalto, dende onde advertiu de que "os golpistas que promoveram a destruição do patrimônio público em Brasília estão sendo identificados e serão punidos". "Democracia sempre", concluíu. 

Unhas tres horas despois do asalto, o novo Goberno deu por controlada a situación. Mentres, dende os EUA, Bolsonaro negaba ter relación cos feitos

Apoio internacional a Lula

Mentres se desenvolvía o asalto ás sedes dos poderes democráticos brasileiros, o goberno de Lula da Silva recibiu numerosos apoios internacionais. "Todo o meu apoio ao presidente Lula e ás institucións electas libre e democraticamente polo pobo brasileiro", sinalou a través das redes sociais o presidente do Goberno de España, Pedro Sánchez, en senllas mensaxes en español e portugués nas que tamén condenou abertamente o asalto e esixiu "o retorno inmediato á normalidade democrática".

Numerosos mandatarios latinoamericanos como o chileno Gabriel Boric, o colombiano, Gustavo Petro ou o arxentino Alberto Fernández; o presidente do Consello Europeo, Charles Michel, o presidente francés, Emmanuel Macron; o secretario de Estado dos EUA, Antony Blinken, ou -xa na mañá deste luns- a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, foron só algunhas das múltiples voces internacionais que combinaron a condena ao asalto co apoio aberto a Lula da Silva.

En Galicia, as dúas forzas a oposición, BNG e PSdeG, secundaron tamén esta condena. "Todo o apoio a Lula e ao goberno democraticamente eleito polo pobo. É intolerábel este ataque ás institucións soberanas do Brasil. O trumpismo, tanto en versión orixinal como brasileira, é un perigo para a democracia, os dereitos e as liberdades públicas", resaltou a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón. Pola banda do PSdeG, Valentín González Formoso advertiu no inicio do asalto sobre as "preocupantes imaxes" que chegaban do Brasil. "As consecuencias do auxe dos extremismos que tratan de deslixitimar a democracia", reflexionou.

No ámbito estatal, as condenas o acontecido e as mostras do apoio a Lula tamén foron a tónica dominante. Resultaron tamén significativas, non obstante, que algunhas das declaracións lanzadas por parte da primeira forza da oposición, o PP, chegasen combinadas con críticas a Pedro Sánchez e ao seu Goberno. Así o fixo, por exemplo, a secretaria xeral dos conservadores, Concepción Cuca Gamarra, que unha hora despois divulgaría unha segunda mensaxe indicando que "o golpismo non ten cabida en ningún lugar".

Mentres, o ex-presidente da Xunta e actual líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, manifestou o seu "apoio ao pobo brasileiro" e realizou un "chamamento ao inmediato restablecemento da orde constitucional". "Non se pode ceder ante os populismos e a radicalidade, que tentan socavar o respecto ás institucións, á democracia e ás liberdades públicas", engadiu, sen mencionar en ningún punto o apoio ao presidente Lula da Silva. O PP de Galicia compartiu a mensaxe de Feijóo e o presidente da Xunta e dos populares galegos, Alfonso Rueda, non se pronunciou ao respecto durante a noite do domingo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.