"Gañe Lula ou non, haberá que ver como é o ambiente despois das eleccións, iso definirá os próximos catro anos no Brasil"

Lula da Silva, nun acto público da súa campaña electoral, esta semana © Lula

O Brasil dedice o seu futuro este domingo. A segunda volta das eleccións decidirá non só quen é o presidente nos vindeiros catro anos, Lula da Silva ou Jair Bolsonaro, senón tamén os gobernadores estadais. Na primeira volta, celebrada hai catro semanas, Lula ficou moi preto do 50% (48,4%), pero viuse obrigado a concorrer neste segundo turno ante un Bolsonaro (43,2%) que nas últimas semanas recuperou un discurso máis agresivo. 

"Bolsonaro, ao ver os resultados da primeira volta, que lle deron unha maioría de deputados na Cámara de Representantes, sentiu que recibira unha validación por parte da sociedade, e nestas últimas semanas fixo unha campaña moito máis agresiva"

En principio, Lula ten grandes opcións de gañar. Non só pola vantaxe de cinco puntos obtida na primeira volta, senón por ter sumado o apoio da terceira (Simone Tebet) e do cuarto (Ciro Gomes) candidatos máis votados. Así o amosan as últimas enquisas publicadas, que prevén unha vitoria do petista por catro ou seis puntos. Porén, as sondaxes xa infravaloraron a Bolsonaro no primeiro turno e todo pode suceder.

Nesa primeira volta, ademais, o actual presidente e os seus partidos aliados obtiveron un gran resultado na Cámara Lexislativa (onde conta cunha renovada maioría) e tamén nos comicios estatais. Wesley Guerra, colaborador do IGADI afincado en Ourense, Coordenador do OGALUS (Observatório Galego da Lusofonia), doutorando en Socioloxia e máster en Políticas Sociais e Migracións, destacaba xa hai unhas semanas as dificultades que Lula da Silva podería atopar, mesmo en caso de vitoria, para levar a cabo o seu programa ante o dominio bolsonarista na Cámara.

Lula da Silva, nun acto público da súa campaña electoral, esta semana © Lula

Agora, de novo, lembra que tan importante coma o que suceda este domingo é o que pase nos días seguintes. Pedímoslle unha análise sobre o sucedido nas últimas semanas de campaña, as opcións de Lula de gañar as eleccións e o escenario que se pode abrir para os vindeiros catro anos.

Como foron estas últimas semanas de campaña? Que estratexia escolleu Bolsonaro para tentar derrotar a Lula?

"Hai cálculos de que as posibilidades de vitoria de Lula son do 66%. As opcións son grandes, pero non están aseguradas. Hai que lembrar que existe a posibilidade de votar en branco e de votar nulo, e seguramente moitas persoas que na primeira volta apoiaron a Ciro Gomes ou a Simone Tebet van optar por esta opción"

Bolsonaro, ao ver os resultados da primeira volta, que lle deron unha maioría de deputados na Cámara de Representantes, sentiu que recibira unha validación por parte da sociedade, e nestas últimas semanas fixo unha campaña moito máis agresiva, enfocada en dúas dimensións. Unha primeira centrada en desacreditar o Lula e outra dirixida a desacreditar o propio proceso democrático. Neste contexto o bolsonarismo mesmo se enfrontou á Igrexa Católica ou á ministra Carmen Lúcia, do Tribunal Superior Eleitoral, que é unha persoa moi respectada no Brasil. A base de Bolsonaro segue sendo a mesma, está moi consolidada. El non tentou ampliar esa base, senón convencer a aquelas persoas que estaban indecisas.

Bolsonaro tentou algo que lle funcionou hai catro anos: sensacionalismo e chamar a atención con ataques persoais como o que levou a cabo Jefferson, o seu coordinador de campaña. Bolsonaro tamén está a sufrir unha conxuntura económica moi negativa; a situación do país non é en absoluto favorable, aínda que nos meses anteriores ás eleccións el tentou ofrecer unha imaxe distinta, entregando axudas sociais que non existiran nos primeiros anos do seu mandato. Todo isto acabou por enfraquecer o seu discurso e non lle deixou máis alternativa que ser máis agresivo na campaña.

Jair Bolsonaro CC-BY-SA Jeso Carneiro

E Lula? Na primeira volta ficou moi preto do 50%; que fixo para tentar acadar os votos que lle faltaron para a maioría absoluta? Simone Tebet e Ciro Gomes, terceira e cuarto candidatos máis votados, pediro agora o voto para Lula? Isto será suficiente para gañar?

"As enquisas danlle a Lula unha vantaxe de seis puntos. Pero hai que ter coidado, porque eses seis puntos de diferenza entran dentro da marxe de erro das sondaxes. Ademais, hai que ter en conta o feito de que Bolsonaro dificultou moito o traballo das empresas que realizan estas pesquisas"

Lula foi moito máis aberto porque necesita o apoio deses partidos. Pero ao mesmo tempo eses partidos saben que con Bolsonaro non van conseguir absolutamente nada, porque el xa conta coa maioría nas cámaras. Así conseguiu Lula o apoio dos partidos de Simone Tebet e de Ciro Gomes; Ciro Gomes era reticente a apoiar a Lula, pero recibiu unha importante presión do seu partido, o PDT. A favor de Lula estivo tamén o feito de que o banqueiro João Amoêdo, fundador do partido NOVO, que é un partido liberal, semellante ao que en España pode ser Ciudadanos, acabou apoiando a Lula indirectamente, pois dixo que o obxectivo agora é acabar con Bolsonaro.

Hai cálculos de que as posibilidades de vitoria de Lula son do 66%. As opcións son grandes, pero non están aseguradas. Hai que lembrar que en Brasil existe a posibilidade de votar en branco e de votar nulo, e seguramente hai moitas persoas que na primeira volta apoiaron a Ciro Gomes ou a Simone Tebet que van optar por esta opción.

Actualmente as enquisas danlle a Lula unha vantaxe de seis puntos. Pero hai que ter moito coidado con este dato, por varios motivos. Primeiro, porque eses seis puntos de diferenza entran dentro da marxe de erro das sondaxes, que poden dar tres puntos arriba ou abaixo a cada candidato. Pero, ademais, hai que ter en conta o feito de que Bolsonaro dificultou moito o traballo das empresas que realizan estas pesquisas. Como dicía Tom Jobim, “o Brasil não é para amadores”, Brasil sempre acaba dando sorpresas.

Wesley Guerra © IGADI

Lula tentou nas últimas semanas penetrar no electorado evanxélico, que na súa maioría apoia a Bolsonaro. Que importancia teñen estes sectores?

"A igrexa evanxélica no Brasil constitúe unha das bases máis fortes do bolsonarismo. Nos últimos anos houbo moitos intentos do PT e do PSDB de entrar neses sectores, pero non tiveron moitos resultados"

A igrexa evanxélica no Brasil constitúe unha das bases máis fortes do bolsonarismo. Nos últimos anos houbo moitos intentos do PT e do PSDB de entrar neses sectores, pero estes intentos non tiveron moitos resultados. Estes sectores sociais, que se localizan nas periferias das cidades, eran máis tendentes ao votar ao PT, pero o PT foi expulsado das igrexas debido á presión que exerceron os bolsonaristas. Lula tentou crear un discurso máis abranguinte e aberto, incidindo ademais en cuestións que son importantes para estas persoas, como a malnutrición infantil, que fora un dos temas clave nos gobernos de Lula e que nos últimos anos volveu crecer no Brasil.

Mesmo se Lula gaña e se converte en Presidente, vai ter que entrar en negociacións cos partidos representados nunha Cámara lexislativa moi fragmentada e na que o bolsonarismo acadou un gran poder. Tamén cos gobernadores estadais, uns comicios nos que o bolsonarismo ten opcións, por exemplo, de facerse co poder no Estado de Sao Paulo, o máis poboado do país. Tan importante (ou case) como as eleccións deste domingo é o que pase nas semanas seguintes?

"O que sucedeu agora en moitos estados foi que durante a pandemia creceu o descontento contra moitos gobernos estadais, porque eran os encargados de aplicar restricións e de xestionar a política sanitaria"

Exactamente. Brasil, por ser unha federación, ten o poder moi dividido. O bolsonarismo pode gobernar, efectivamente, o Estado de São Paulo, pero isto non significa necesariamente que este estado virase á dereita, pois temos que lembrar que durante os gobernos de Lula, o estado de Sao Paulo xa estaba gobernado polo PSDB, que naquel tempo estaba oposto ao PT. O que sucedeu agora en moitos estados foi que durante a pandemia creceu o descontento contra moitos gobernos estadais, porque eran os encargados de aplicar restricións e de xestionar a política sanitaria.

Creo que Lula ten grandes opcións de gañar, pero vai haber que contar ata o último voto. Pero, gañe ou non, despois haberá que ver como é o ambiente despois das eleccións, iso determinará tamén como van ser os próximos catro anos no Brasil.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.