As revelacións da conspiración xudicial contra Lula deixan en evidencia a separación de poderes no Brasil

Lula, antes da súa entrega para ingresar no cárcere Dominio Público @LulapeloBrasil

No Brasil hai xa un novo argumento para quen cre que as condenas e a prisión do ex-presidente Luiz Inácio Lula da Silva son unha persecución política e un ataque á democracia. O principal inimigo do líder do Partido dos Traballadores, Sérgio Moro -ex-xuíz federal que unha vez eliminado Lula da carreira electoral pasou a ser ministro de Xustiza de Jair Bolsonaro-, vén de ver a súa estratexia divulgada nunha filtración de mensaxes publicada polo xornal The Intercept.

Non son unhas mensaxes calquera. Son comunicacións de Moro cos procuradores da República que forman parte dos traballos de investigación na primeira instancia da Xustiza Federal do estado de Paraná, onde naceu a Operación Lava Jato, que impactou de golpe en case todos os representantes políticos brasileiros en 2014 e dura até hoxe. O principal interlocutor de Moro nas mensaxes filtradas é Deltan Dallagnol, procurador do Ministerio Público Fiscal e coordinador da operación. Esta relación está prohibida para un xuíz para manter a imparcialidade dos procesos e para respectar o código ético da profesión. "Non é moito tempo xa sen ningunha operación?", preguntáballe o xuíz Moro ao procurador Dallagnol nunha das mensaxes, marcando o ritmo segundo o seu parecer. E púñase en marcha un novo ciclo de acusacións e inculpados.

O xuíz e o procurador pactaban mesmo os momentos clave nos que se filtraban audios á prensa, como o proceso de destitución de Rousseff ou os días previos á primeira volta das eleccións presidenciais

Nas súas conversas privadas, o xuíz e o procurador pactaban mesmo os momentos nos que se filtraban audios baixo segredo de sumario á prensa. Momentos clave todos eles, como as semanas máis duras do proceso de impeachment contra a ex-presidenta Rousseff, ou os días previos á primeira volta das eleccións presidenciais de 2018. "A liberación das gravacións foi un acto en lexítima defensa", dicía Dallagnol. "Non me arrepinto de levantar o segredo de sumario", respondía Moro. "Era a mellor decisión, pero a reacción non foi boa". As gravacións eran, nin máis nin menos, intervencións telefónicas á daquela presidenta, e unha conversa con Lula da Silva. Sen maior transcendencia nin interese xurídico, pero que ía facendo madeixa na opinión pública mentres se decidía a destitución da mandataria por un suposto delito de responsabilidade fiscal, que consistía en maquillar as contas públicas para cadrar un final de exercicio.

O ex-xuíz Moro, nunha intervención como ministro de Bolsonaro © Governo do Brasil

Nas conversas privadas filtradas por unha fonte anónima a 'The Intercept', o procurador Dallagnol recoñece aos seus compañeiros de investigación non estar seguro das probas contra Lula no proceso que xerou a súa primeira condena: a reforma nun apartamento que sempre negou que fose da súa propiedade. "Dirán que estamos a acusar baseándonos en noticias de xornais e indicios fráxiles", recoñecía o coordinador da maior operación anticorrupción da historia de Brasil.

"Desconfío da relación entre Petrobras e o enriquecemento (...) e tamén da historia do apartamneto", admitía o procurador

"Este tema ten que estar ben atado", e engadía: "Á marxe diso, até agora desconfío da relación entre Petrobras e o enriquecemento, e, segundo o que me contaron, tamén desconfío da historia do apartamento". Finalmente, para o xuíz Moro prevaleceron as delacións premiadas e os testemuños doutros inculpados que buscaban reducir as súas condenas. Tampouco era de Lula a leira remodelada pola que lle chegou a segunda condena de prisión, por corrupción activa e pasiva e lavado de diñeiro. Repetiuse o mesmo esquema de actuación.

O obxectivo do impeachment non era Dilma, senón Lula

O novo argumento que se abre agora -houbo outros, como a división do Tribunal Supremo sobre as condenas de prisión en segunda instancia- incide no que boa parte da poboación xa intuía: a articulación completa, alén de afastar a ex-presidenta Dilma Rousseff do poder, pasaba por non permitir que Lula da Silva volvese gañar unhas eleccións. Pola contra, de nada servía o esforzo da dereita brasileira. Lula lideraba con solvencia todas as enquisas de intención de voto, en todos os escenarios posibles e contra todos os rivais.

Malia todo, Lula lideraba todas as enquisas. Por iso un dos episodios máis celebrados polos procuradores da Lava Jato foi o veto a que o ex-presidente puidese ofrecer entrevistas dende o cárcere

Por iso un dos episodios que os procuradores da Operación Lava Jato máis celebraron nas súas conversacións privadas foi que o Tribunal Supremo negase o dereito a Lula da Silva de ofrecer entrevistas desde a súa cela, conscientes do seu potencial, cando xa nomeara a Fernando Haddad como substituto na carreira cara á presidencia: "Unha rolda de prensa antes da segunda volta [das eleccións] pode facer que saia elixido Haddad", escribía Laura Tessler, unha das investigadoras.

O sintomático do Brasil actual é que é complicado que ningunha destas polémicas faga que os seguidores de Bolsonaro -e de Moro- dean as costas aos seus referentes. Sérgio Moro é un heroe nacional para millóns de brasileiros, as súas controvertidas e calculadas decisións forman parte da historia recente do país, e non deixarán de selo. O domingo xa se elevaron bandeiras a favor da Operación Lava Jato nas redes sociais. O apoio é total, tal e como se demostrou o pasado 26 de maio nas manifestacións progobernamentais.

O seguinte xesto de Jair Bolsonaro co ex-xuíz federal Sérgio Moro, despois de nomealo ministro de Xustiza e Seguridade Pública, tal e como o propio presidente recoñeceu publicamente, será recomendalo para a próxima praza vacante no Tribunal Supremo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.