Ampla vitoria do ultradereitista Bolsonaro e desacougante futuro no Brasil

Bolsonaro, nun evento cos seus seguidores Dominio Público PSL

Tal e como prognosticaban as enquisas do Ibope e do Datafolha da última semana, o ultradereitista Jair Bolsonaro (Partido Social Liberal) converteuse este domingo no 42º presidente da República Federativa do Brasil cun 55,14% dos votos fronte aos 44,86% do candidato do Partido dos Trabalhadores, Fernando Haddad.

Os resultados non sorprenderon. Dende hai dous meses, as sondaxes máis importantes do país apuntaban ao Capitão como líder indiscutible da contenda electoral. A tendencia afianzouse tras o acoitelamento do líder, o pasado 6 de setembro nun acto de campaña en Juiz de Fora e polo que estivo hospitalizado en São Paulo até o pasado 29 de setembro. O PT tentou até o último momento conquistar e convencer a un electorado profundamente anoxado, que estaba disposto a esquecer os grandes logros dos gobernos de Lula con tal de castigar e condenar aos petistas polos diferentes casos de corrupción.

De pouco serviu a estratexia do PT de apelar á defensa da democracia como casa común: o candidato da ultradereita venceu cun 55,14% dos votos

De pouco serviu a estratexia do PT de apelar á defensa da democracia como casa común dos brasileiros e brasileiras. Aínda que a iniciativa foi secundada in extremis por numerosos intelectuais, profesores, artistas, políticos e mesmo polo ex-presidente do Supremo Tribunal Federal, Joaquim Barbosa, esta non foi suficiente para mudar o parecer de millóns de persoas decepcionadas coas institucións e a política tradicional, das que din “sentir vergonha e nojo”, tal e como afirmaba onte Henrique Sadi nun colexio electoral de Brasilia.

Bolsonaro, nunha imaxe divulgada pola súa candidatura / PSL

O ultradereitista Bolsonaro gañou tras unha campaña asimétrica, de guerra total liderada en todo momento polo candidato do PSL, que empregou todo tipo de ferramentas maliciosas

Nunha campaña electoral asimétrica chea de fake news, violencia política e guerra total contra os adversarios, a axenda estivo liderada en todo momento polo candidato do PSL, que empregou todo tipo de ferramentas maliciosas -financiamento ilegal de fake news contra Haddad a través do WhatsApp sufragado por un conglomerado de empresas-, ameazas directas aos contrincantes invitándoos aos exilio -“se queren quedar, van ter que colocarse baixo as nosas leis. Ou marchan de aquí ou van para o cárcere"-, ou intimidación a medios de comunicación como a Folha de São Paulo, quen descubriu o financiamento ilegal da campaña dos Whatsapps. Ao ex-rexedor de São Paulo só lle quedou un ínfimo dereito á defensa, sen case transcendencia mediática e marcada pola pedagoxía da protección dos valores xustos dunha sociedade democrática. Desorientados ante as novas estratexias e cun desconcerto absoluto ante os plans do adversario, o PT perdeu as elección pero foi un digno contrincante que se intentou reinventar e non esmoreceu até ben chegado o final.     

Múltiples celebración e futuro incerto

O resultado, coñecido ás sete horas da tarde do Brasil, foi seguido polo estoupido de centos de bombas de palenque en todo o país, recreando a imaxe sonora do que será unha nova etapa chea de incerteza. Ao longo da tarde, as inmediacións da vivenda de Bolsonaro na Barra de Tijuca, en Rio de Janeiro, enchéronse de centos de persoas preparadas para comezar a festexar. O mesmo aconteceu nas principais cidades do país. Con bandeiras do Brasil e vestindo as cores nacionais -verde e amarelo- os seguidores do ex-militar proferiron cánticos contra o PT como “chora, PT” ou “vai pra Cuba que o pariu” e corearon en alusión ao novo presidente “ô, ô, ô, Bolsonaro é amor” mentres facían selfies co polgar e o anular estirados, simulando unha arma, símbolo da campaña do líder do PSL. Os medios de comunicación, Folha de São Paulo, e Rede Globo foron atacados verbalmente durante as celebracións.

Haddad, tras confirmarse a derrota / PT

Os seguidores do ex-militar proferiron cánticos contra o PT como “chora, PT” ou “vai pra Cuba que o pariu” mentres facían selfies co polgar e o anular estirados, simulando unha arma

Jair Bolsonaro fixo o seu primeiro pronunciamento público dende a súa casa a través do Facebook Live. O escenario escollido estaba acompañado de catro libros:  a Constitución Brasileira, a Biblia, O Mínimo Que Você Precisa Saber Para Não Ser Um Idiota de Olavo de Carvalho e Memórias da Segunda Guerra Mundial de Winston Churchill.  Referíndose aos exemplares o novo presidente brasileiro dixo nunha declaración de intencións: “Nós fomos declarados vencedores desse pleito. E o que eu mais quero é, seguindo ensinamentos de Deus, ao lado da Constituição brasileira, inspirando-me em grandes líderes mundiais, e com uma boa assessoria técnica e profissional ao seu lado, isenta de indicações políticas de praxe, começar a fazer um governo, a partir do ano que vem, que possa realmente colocar o nosso Brasil em lugar de destaque”. Tamén aproveitou para criticar á prensa e aos opositores afirmando que gañou “alguém sem um grande partido, sem fundo partidário, com grande parte da grande mídia o tempo todo criticando, colocando-me muitas vezes próximo a uma situação vexatória". Ademais engadiu que “não poderíamos mais continuar flertando com o socialismo, com o comunismo, com o populismo e com o extremismo da esquerda".

Xa no seu discurso na rede nacional cheo de relixiosidade, declarou que “faço de vocês minhas testemunhas de que esse governo será um defensor da Constituição, da democracia e da liberdade. Isso é uma promessa, não de um partido. Não é a palavra vã de um homem. É um juramento a Deus. A verdade vai libertar este grande país" e continuou facendo unha chamada á unión onde mencionou a varios dos colectivos a os que agrediu durante a campaña dicindo que “liberdade é um princípio fundamental. Liberdade de andar nas ruas. Liberdade de ir e vir em todos os lugares. Liberdade de empreender. Liberdade política e religiosa. Liberdade de informar e ter opinião. Liberdade de fazer escolhas e ser respeitado por elas. Este é um país de todos nós, brasileiros natos e de coração. Brasil de diversas opiniões, cores e orientações". Posteriormente engadiu que "não existem brasileiros do Norte nem brasileiros do Sul. Somos todos uma só nação. Uma nação democrática".

Haddad: "Não tenham medo, nós estaremos aqui, estaremos de mãos dadas com vocês, nós abraçaremos a causa de vocês"

Bolsonaro tamén fixo referencia á chamada de felicitación que recibiu por parte do seu admirado presidente dos Estasdo Unidos, Donald Trump. "Acabou de nos ligar e nos desejou boa sorte e, obviamente, foi um contato bastante amigável".

Intervención de Bolsonaro difundida a través de Facebook Live e YouTube tras a vitoria 

Pola súa parte, Fernando Haddad, na súa intervención após coñecer o resultado falou para os seus votantes afirmando que “eu coloco a minha vida à disposição deste país". "Não tenham medo, nós estaremos aqui, estaremos de mãos dadas com vocês, nós abraçaremos a causa de vocês. Contem conosco. Coragem. A vida é feita de coragem". E continuou facendo alusión á campaña solicitándolle aos seu seguidores "não aceitem ameaças nem provocações" e "lembrando o Hino Nacional", di que "verás que um professor não foge à luta”. “Nem teme, quem adora a liberdade, a própria morte" concluiu.

Nun país dividido só queda agardar se Bolsonaro, que xa falou con Trump, cumprirá as súas promesas autoritarias, racistas, homófobas e clasistas

Nun país dividido, onde unha boa parte da sociedade se sentiu fortemente atacada e desprezada polo ex-militar durante a campaña electoral, e onde a violencia cara ás minorías e os adversarios se viu lexitimada polas declaracións incendiarias do agora presidente, so cabe esperar cales serán os primeiros pasos a dar. Se ben cumprirá as promesas antidemocráticas, autoritarias, racistas, homófobas e clasistas que proferiu, ou se ben moderará o seu discurso e tentará políticas de reconciliación. En calquera dos casos, conta coa segunda maior bancada do parlamento e estará apoiado tamén polo sector relixioso, o agronegocio e os militares, sumando un bo reforzo para chegar ao Planalto o próximo xaneiro.

Mentres tanto, diferentes OING de defensa dos dereitos humanos como Amnistía Internacional, ou Human Rights Watch, alarman do perigo que supón ter a Bolsonaro á fronte do Brasil definíndoo como unha “pésima noticia para a democracia” despois de “promover abertamente a violación de dereitos fundamentais de minorías, mulleres, negros e gays”. Green Peace pola súa parte quixo poñer o foco sobre as consecuencias que pode ter esta escolla electoral nas condición medioambientais do país e fundamentalmente na preservación do Amazonas. O Capitão avanzou hai dúas semanas que fusionaría o Ministerio de Medio Ambiente co de Agricultura, sacaría ao país do Acordo de París e permitiría deforestar unha parte maior do Amazonas para poñela a producir.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.