Marcos Pérez Pena

Unha ducia de puntos de unión entre Galicia e o Brasil

Este domingo complétanse as eleccións no Brasil, nas que Lula da Silva e Jair Bolsonaro se enfrontan na segunda volta dos comicios presidenciais. Son moitas as pontes que ao longo da historia se tenderon sobre o Atlántico entre Galicia e Brasil. A emigración, a lingua, o fútbol, a música, a política... puntos de unión que nos achegan

  1. 01

    A emigración galega ao Brasil

    A emigración galega ao Brasil non foi tan numerosa como a que se dirixiu ao Río da Prata ou a Cuba. Aínda así decenas de milleiros de galegos e galegas foron vivir ao xigante sudamericano. Aínda hoxe residen no Brasil preto de 50.000 galegos e galegas, aínda que só 11.000 naceron en Galicia.

  2. 02

    Na hostalaría, no comercio ou na construción

    Unha parte maioritaria das e dos emigrantes galegos en Brasil procedían da provincia de Pontevedra, pode que pola súa proximidade con Portugal. Aínda que tamén houbo moitos e moitas emigrantes doutras zonas, especialmente de Santa Comba, Negreira, A Baña ou o Val do Dubra, que se asentaron sobre todo en Rio de Janeiro. A hostalaría e o comercio foron algunhas das súas ocupacións primordiais.

    Moitos dos galegos emigrados ao Brasil continuaron realizando os oficios que coñecían, como canteiros ou ferreiros, traballando no crecente sector da construción. 

    Na imaxe (procedente do Arquivo da Emigración Galega do CCG), canteiros procedentes da provincia de Pontevedra traballando nunha obra en Santos en 1953.

  3. 03

    Os "galegos" loiros

    Tan importante foi a pegada dos galegos no Brasil que no país mesmo se emprega (especialmente no Nordeste) a expresión "galego" para referirse a calquera persoa loira. Isto é así porque unha parte significativa dos emigrantes con cabelos de cor clara procedían nun comezo de Galicia.

    Na imaxe (procedente tamén do Arquivo da Emigración Galega do CCG), un grupo de galegos celebran o entroido en Salvador de Bahía no ano 1950

  4. 04

    A lingua

    Outro punto de unión é a lingua, por suposto. Neste vídeo Olaxonmario pregúntase polas diferenzas entre o galego e o portugués brasileiro e polas dificultades ou facilidades para entendernos.

  5. 05

    Os brasileiros en Galicia

    En Galicia hai máis de 9.000 brasileiros e brasileiras (o dobre de mulleres que de homes), maioritariamente entre 20 e 49 anos. Uns 3.500 residen na provincia da Coruña e case 3.400 na de Pontevedra, con grupos menores en Lugo e Ourense. Despois de portugueses e venezolanos, os brasileiros son a terceira comunidade esttranxeira máis numerosa en Galicia.

    Vigo é a cidade con máis persoas procedentes do Brasil, con 1.355, seguida da Coruña con 927. Hai tamén importantes continxentes en Lugo (475), Ourense (469), Pontevedra (371), Compostela (338) e Ames (224). Na imaxe, o restaurante brasileiro Boteco da Tininha, na Coruña

  6. 06

    Sérgio Tannus: "Son Brasilego"

    Hai, polo tanto, numerosos puntos de unión na historia que fan que moitas persoas se consideren a si mesmas "brasilegas", como cantaba Sérgio Tannus no álbum que publicou hai unha década. Nos últimos anos, grazas en boa medida a iniciativas como Cantos na Maré, puidemos coñecer un gran número de artistas procedentes do Brasil e a música configurouse como un punto de unión innegable.

  7. 07

    Brasil somos nós

    En 2012 Carlos Núñez impulsou o documental Brasil somos nós, no que o gaiteiro leva a cabo unha viaxe na procura do seu bisavó desaparecido no Brasil, que foi supostamente asasinado por outro músico. No camiño vainos descubrindo os vencellos dese país coas músicas e tradicións galaico-portuguesas.

  8. 08

    Nélida Piñón

    Nélida Piñón é filla de emigrantes galegos procedentes de Cerdedo-Cotobade. A escritora nunca perdeu a súa relación con Galicia e fai gala continuamente desta identidade mixta, constituíndo ela propia unha ponte sobre o Atlántico. Galicia, onde recibiu numerosos recoñecementos, está continuamente presente nos seus libros, tanto nas obras de ficción (por exemplo en A República dos Sonhos ) coma nas biográficas, coma a recente Uma furtiva lágrima, onde escribe "Gardo Galiza no nicho da memoria".

  9. 09

    O fútbol

    Se a música é un dos signos de identidade do Brasil, que dicir do fútbol? Nas últimas décadas foron moitísimos os xogadores brasileiros que chegaron a Galicia e algúns deles convertéronse nas estrelas de Deportivo, Celta ou Compostela. Bebeto, Mauro Silva, Mazinho, Donato, Fabiano... crearon unha ponte entre os dous países

  10. 10

    Galícia de Bahía

    O fútbol tamén é un nexo de unión a través de equipos coma o Galícia de Bahia, "o clube dos galegos no Brasil", que no 2018 celebrou o seu 85º aniversario, como contamos hai uns anos. Foi fundado por emigrantes galegos en 1933 e aínda mantén nas súas cores, no seu nome e no seu escudo as referencias á súa orixe.

    O fútbol uniu a Galicia e a Brasil, ou máis ben a Santiago Formoso e a Pelé, no Cosmos de Nova York, onde ambos os dous xogaron a finais dos anos 70, xuntou con outras estrelas mundiais coma Beckenbauer, Carlos Alberto ou Johan Cruyff. Formoso non fora unha estrela, senón que se criara en Nova York despois de emigrar aos 15 anos dende Galicia. Aquí contamos a súa historia e aquí a estrea do documental 'Alén do Cosmos', que relata a súa traxectoria.

  11. 11

    Estrella Galicia no Brasil

    Para falar da relación entre Galicia e Brasil hai que falar de cervexa. Estrella Galicia, que xa contaba cunha filial brasileira para a importación e a distribución dos seus produtos, iniciou esta primavera as obras da súa segunda fábrica, a primeira no estranxeiro, que estará situada na localidade de Araraquara, no estado de São Paulo, cun investimento de 300 millóns de euros. O obxectivo é producir 300 millóns de litros anuais para asentar a expansión da marca por toda Sudamérica, onde xa patrocina eventos e presentacións exclusivas como esta con ANAVITÓRIA.

  12. 12

    Foro Social Mundial

    No ano 2001 Porto Alegre organizou a primeira edición do Foro Social Mundial, que na década seguinte se converteu no punto de referencia da esquerda internacional. Por alí pasaron un gran número de activistas, políticos e líderes de movementos sociais galegos. E, por exemplo, na terceira edición do Foro, en 2003, ondeou a bandeira de Nunca Máis nunha manifestación na que o ex presidente portugués Mário Soares acompañou a Xosé Manuel Beiras e a Camilo Nogueira.