Galícia de Bahia: o equipo dos galegos no Brasil cumpre 85 anos

Unha formación do Galícia nos anos 30, ao pouco da súa fundación © Galícia Esporte Clube

No seu escudo loce a cruz de Santiago, como o Celta, o Compostela ou o Racing de Ferrol. Tamén a bandeira galega, como o Deportivo, co que chegou a compartir uniforme. Con diferentes versións ao longo da súa historia pero sempre coas cores azul e branca presentes, "em referência à bandeira da Galícia". É "o clube dos galegos no Brasil", un histórico equipo que celebra este ano o seu 85º aniversario loitando por recuperar glorias pasadas e por difundir a súa historia no país no que se inspira. 

O Galícia de Bahia celebra o seu 85º aniversario e busca recuperar glorias pasadas e difundir a súa historia no país que o inspira

"Todos os galegos e pessoas de origem galega da Bahia adoptam torcer pela equipa, ademais de muitos outros aficionados sem relação com Galiza", explica o seu presidente, de nome ben galego, Manolo Muíños. Os seus pais son orixinarios do concello da Lama. Foron parte dos máis de 15.000 emigrantes que chegaron a este Estado brasileiro entre finais do século XIX e a primeira metade do XX, a inmensa maioría procedentes deste e doutros catro municipios máis: Ponte Caldelas, Pontevedra, Fornelos de Montes e Pazos de Borbén. Un daqueles chegados ao Brasil, Eduardo Castro Iglesias, foi un dos impulsores e primeiro presidente da entidade. 

Diferentes uniformes do Galícia de Bahia ao longo da súa historia / © Galícia Esporte Clube

"O clube foi fundado por imigrantes galegos na procura de se inserir na comunidade baiana, foi ganhando adeptos e as famílias foram passando a sua paixão de pais a filhos, criando um afecto muito grande pela entidade em todo o Estado", explica Muíños, que aclara que o Galícia é tamén "a segunda equipa de muitos baianos que torcem pelos dois grandes da zona: o Vitória e o Bahia". 

O club foi fundado en 1933 por emigrantes galegos que impulsaron un forte asociacionismo cultural e deportivo en Salvador

O Galícia Esporte Clube foi fundado no primeiro de xaneiro de 1933 por galegos que desenvolveron unha importante actividade cultural e social en Salvador, capital do Estado, onde tamén crearon hospitais, institutos e diferentes sociedades. O seu primeiro uniforme, habitual tamén noutras décadas, era camisa branca e banda azul, a imitación da bandeira galega. Ou ao revés, coa franxa branca e o fondo azul. 

Nun país inmenso, onde ata os anos 60 non se instaurou unha competición nacional e onde ata hai pouco non se celebraba unha Liga brasileira como tal, o Galícia presume de ser o primeiro tricampeón estatal en Bahia. Gañou o título xa en 1937 e logo tres seguidos entre 1941 e 1943. Foi subcampión cinco veces entre mediados da década dos 30 e dos 40, a súa época dourada. Volveu levantar o título en 1968 e acabou segundo catro veces máis, a última hai 23 anos. Da súa canteira xurdiron futbolistas como Dante, ex-central do Bayern de Múnic e internacional co Brasil no último Mundial.

O Galícia foi o primeiro tricampeón bahiano, nos anos 40, e é un dos clubs históricos no Estado

Daqueles antigos triunfos xurdiu un dos seus alcumes, Demolidor de Campeões, --tamén lle chaman granadeiros ou azulinos-- e un prestixio que non se perdeu nunca, sobre todo entre a comunidade galega no Brasil. A súa vinculación co país é intensa. O estadio, no barrio de Brotas de Salvador, chámase Parque Santiago, e nas súas instalacións inclúese unha capela "para adorar ao apóstolo Santiago". "Case todos aqui na entidade somos galegos, temos a dupla nacionalidade e mantemos aprecio por Galiza; está no nosso sangue e vem de sempre", explica Muíños, que leva apenas catro meses no cargo. 

Parque Santiago, sede do Galícia, en Salvador de Bahia / © Galícia Esporte Clube

Entre os seus obxectivos, lograr o ascenso á primeira división bahiana, loitar polo título e volver xogar o campionato brasileiro nun futuro. "O sonho é ganhar o campeonato estadual de novo", di. Ademais, busca tamén difundir a historia e afección polo equipo entre os galegos de alén do Atlántico e procura apoios na terra de seus pais, que visitou hai pouco e na que se reuniu con directivos do Pontevedra, Celta ou Lugo, entre outros, ademais de con diferentes empresas, institucións ou co secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda. Repetiu a viaxe que hai uns 25 anos fixo o propio club, cando xogou varios partidos amigables contra equipos galegos. "Foram muitos os contactos e agora aguardamos ver os frutos, eu são optimista", explica. 

O presidente da entidade viaxou a Galicia na busca de apoio institucional, empresarial e doutros clubs galegos

Entre o avanzado, as axudas que a Xunta concede a entidades que difunden a cultura galega no exterior, un proxecto para intercambiar xogadores co Pontevedra e conversas cunha marca deportiva.  Pero, sobre todo, a intención de Muíños de difundir e promover en Galicia a historia dun club histórico que leva o nome e a bandeira do país na terra onde o fútbol é máis que unha relixión. "Muitos galegos não sabem que aqui têm a sua equipa", explica, asumindo o descoñecemento que da entidade se ten a tantos quilómetros. 

"Muitos galegos não sabem que aqui têm a sua equipa", di Muíños

A segunda división do campeonato bahiano comezou neste mes de marzo con vitoria para o Galícia, que nas últimas xornadas sufriu varias derrotas. Sexa o que for, como cada fin de semana que hai partido, o himno da entidade galiciana volveu soar, cantando polo "Demolidor de Campeões, granadeiro da Cruz de Santiago, clube querido com muitas tradições": "O Galícia tem nome na história, no futebol tem títulos de glória. Salve, salve, pendão galiciano, alegria do futebol baiano". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.