"Bolsonaro saíu fortalecido e Lula vaino ter moi complicado: mesmo se gaña a segunda volta vaille ser difícil gobernar"

Lula da Silva nun acto electoral o pasado sábado © Lula

Brasil celebrou este domingo a primeira volta das súas eleccións xerais para elixir o seu novo presidente, renovar as dúas cámaras e escoller gobernadores estatais. Favorito nas sondaxes, que nalgúns casos apuntaba á posibilidade de que superase o 50%, finalmente Lula ficou no 48,4%, que o obriga a buscar a vitoria nunha segunda volta na que Bolsonaro (43,2%) se presenta moi fortalecido.

"Bolsonaro ten grandes posibilidades de gañar. Os debates amosaron unha gran proximidade entre os candidatos que ficaron por debaixo do 5%, entre eles Tebet e Gomes, e Bolsonaro"

O bolsonarismo gañou poder na Cámara de Deputados e fíxose co control de importantes estados. O propio Bolsonaro mellorou amplamente as previsións das sondaxes, que en moitos casos o situaban máis de dez puntos por detrás de Lula. Todo queda aberto, polo tanto, para unha segunda volta, o 30 de outubro, que decidirá o novo presidente do Brasil. Falamos con Wesley Guerra, colaborador do IGADI afincado en Ourense, Coordenador do OGALUS (Observatório Galego da Lusofonia), doutorando en Socioloxia e máster en Políticas Sociais e Migracións.

Aínda que Lula foi o candidato máis votado, non puido superar o 50% dos votos, o que obriga a acudir a unha segunda volta ante un Bolsonaro que mellorou as previsións das sondaxes. Bolsonaro sae fortalecido desta primeira volta?

"Lula vaino ter moi complicado, mesmo se finalmente acaba gañando a segunda volta, se observamos a composición que resultou tanto nas dúas cámaras coma nos Estados"

Si, Bolsonaro saíu máis fortalecido, a pesar de non ser o candidato máis votado. Pero saíu fortalecido porque conseguiu que os seus principais núcleos de apoio fosen reelixidos, mesmo os seus ministros. Outro indicador da fortaleza de Bolsonaro foi que aqueles candidatos anteriormente afíns que se desvincularon del, tiveron polo xeral un baixo rendemento. O bolsonarismo ten esa forza porque conecta moi ben coa estrutura e coa forma de expresarse dunha parte importante da poboación brasileira. E Lula vaino ter moi complicado, mesmo se finalmente acaba gañando a segunda volta, se observamos a composición que resultou tanto nas dúas cámaras coma nos Estados. Vaille ser moi difícil gobernar.

Cales son as opcións dos dous candidatos? Lula poderá acadar os votos que lle faltan para chegar a ese 50%? Ou Bolsonaro ten grandes opcións de gañar se sumar os apoios que recibiron Tebet e Gomes?

"O bolsonarismo ten esa forza porque conecta moi ben coa estrutura e coa forma de expresarme dunha parte importante da poboación brasileira"

Ten grandes posibilidades de gañar polo feito de que na primeira volta os debates amosaron unha gran proximidade entre os candidatos que ficaron por debaixo do 5%, entre eles Tebet e Gomes, e Bolsonaro. Agora comezarán negociacións e Bolsonaro vai tentar atraelos, ofrecéndolles postos no Executivo, buscando ademais ofrecer unha nova imaxe do bolsonarismo, diversificando o seu Goberno. Por iso creo que infelizmente Bolsonaro ten grandes opcións de gañar.

"Lula perdeu moito espazo nas clases máis baixas nos últimos anos e ese espazo foi ocupado polos evanxélicos, que forman unha base moi sólida e que creceu moito nas últimas décadas"

Que ten que facer Lula para gañar?

Lula perdeu moito espazo nas clases máis baixas nos últimos anos e ese espazo foi ocupado polos evanxélicos, que forman unha base moi sólida e que creceu moito nas últimas décadas, chegando a superar mesmo o número de católicos practicantes. E Lula, que non dialoga con eses grupos, non chega a eles, ten aí unha das claves. A outra clave está na negociación que estableza cos outros candidatos, un diálogo no que o PSDB ten unha grande importancia, pola súa proximidade a determinados partidos do centrodereita. Aí a figura do seu candidato a Vicepresidencia, o Alckmin, vai ser fundamental.

Brasil está partido en dous?

Esa división moitas veces é presentada como unha división xeográfica, pero non é xeográfica, senón que é unha división que sempre existiu no Brasil e que é unha división de clase. O Brasil si que está polarizado, pero é unha polarización social.

Jair Bolsonaro nun acto da campaña electoral © EBC

Existe a posibilidade de que, no caso de perder, Bolsonaro non acepte a derrota, poña en cuestión os resultados con acusacións de fraude ou con algún tipo de movemento nas rúas, mesmo involucrando o Exército?

"Despois de ver os éxitos que o bolsonarismo obtivo nas eleccións a gobernador e nas dúas cámaras, semella pouco probable que agora poña os resultados electorais en cuestión"

Eu creo que a posibilidade de que iso suceda é moi pequena. A pesar de el ser un falastrão, unha persoa que gusta moito de facer este tipo de espectáculos, dubido moito que vexamos algún movemento deste tipo. E o mesmo podemos dicir do exército, onde é certo que o bolsonarismo ten grandes apoios, pero hai outros sectores cun pensamento moi distintos. Ademais, despois de ver os resultados que o bolsonarismo obtivo nas eleccións a gobernador e nas dúas cámaras, semella pouco probable que agora poña os resultados electorais en cuestión.

Que está en xogo nestas eleccións? Cales son os modelos de país que presentan Bolsonaro e Lula?

"Bolsonaro foi bastante intelixente nos últimos tres ou catro meses, nos que ampliou moito as axudas sociais, difundindo un discurso de que nos últimos anos non fixera isto por culpa da pandemia"

Bolsonaro foi bastante intelixente nos últimos tres ou catro meses, nos que ampliou moito as axudas sociais, difundindo un discurso de que nos últimos anos non fixera isto por culpa da pandemia. E, así, culpou á pandemia e ás restricións impostas para contela de todos os problemas e da situación económica actual. O Brasil de Bolsonaro é o resultado dun proxecto ideolóxico, que se basea nunha liberalización case plena da economía, cun enfraquecemento da estrutura pública e das axencias nacionais, o que pode xerar uns dividendos que poden marchar do país e que cando queden no Brasil se van concentrar nunhas poucas mans, nas clases máis altas.

Lula, en cambio, busca un crecemento do país a partir do aumento do consumo interno, do incremento da mobilidade social e un fortalecemento das axencias públicas; hai que lembrar que o PT privatizou moitos sectores, pero por iso fortaleceu as axencias públicas para controlar a xeración que riqueza e que esta ficase no Brasil.

Wesley Guerra © IGADI

Cambiaría tamén a política internacional do Brasil?

"Brasil é líder do sur global, pero nos últimos anos ese liderado ten caído con Bolsonaro, que sobre todo en América Latina case non ten relacións con ningún outro país"

Brasil é líder do sur global, pero nos últimos anos ese liderado ten caído con Bolsonaro, que sobre todo en América Latina case non ten relacións con ningún outro país. De seguir Bolsonaro no poder, continuará ese distanciamento con América Latina e co Mercosur e tamén con África, especialmente coa África lusófona. En cambio, se gañar Lula, habería unha recuperación do papel internacional de Brasil, cunha maior presenza do país nos foros globais, unha reconexión co Mercosur e con América Latina no seu conxunto, e tamén unha mellor relación coa China, que é o principal socio comercial do Brasil, a pesar de que Bolsonaro se dedica a criticala a través do Twitter.

No caso de gañar Lula, que dificultades atoparía polo feito de ter unhas cámaras que viraron á dereita e onde o bolsonarismo creceu?

En Brasil, por ser un país bicameral, co Senado e a Cámara, todo o proceso lexislativo é moi demorado e implica unha serie de negociacións e alianzas, nas que son fundamentais as famosas negociacións do centrão, que de facto dominou a política brasileira nas últimas décadas independentemente de quen estaba na presidencia. Pode suceder o que pasou na Presidencia de Dilma. 

"Se o PT chega finalmente á Presidencia, vai ter que negociar moito, porque sen negociacións non vai poder aprobar ningunha medida"

Por iso, se o PT chega finalmente á Presidencia, vai ter que negociar moito, porque sen negociacións non vai poder aprobar ningunha medida. O positivo é que para a maior parte das cousas que o PT quere aprobar hai xa un gran consenso na Cámara e no Senado. O que o PT ten que facer para facilitar este proceso é mostrar a verdade de Bolsonaro, desacreditalo e conseguir así cooptar a algunhas persoas para o lado do PT, podendo aprobar así os seus proxectos.

Lula da Silva nun acto electoral o pasado 25 de setembro © Lula

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.