Lula da Silva regresa á orixe para empezar a combater a Bolsonaro

Seguidores de Lula da Silva rodéano ás portas da superintendencia da Policía Federal de Curitiba, ao pouco de ser posto en liberdade © Ricardo Stuckert / Instituto Lula

A enerxía coa que o ex-presidente Luiz Inácio Lula da Silva abandonou a cela na que quedou recluído o 7 de abril de 2018 está á altura do seu currículo. O cóctel de mensaxes nas súas primeiras palabras, repartindo amor e esperanza, pero mirando directamente aos ollos da Fiscalía e do ex-xuíz federal Sérgio Moro, augura tempada de loita para un dos máis veteranos símbolos da esquerda latinoamericana

A política brasileira viu xa moito, pero nunca presenciou un verdadeiro corpo a corpo entre Bolsonaro e Lula; o desafío arrinca agora

A política brasileira viu xa moitas cousas, pero nunca presenciou un verdadeiro corpo a corpo entre Jair Bolsonaro e Lula da Silva. Nin tan sequera entre Bolsonaro e o Partido dos Traballadores. Lula xa estaba preso cando arrincou a precampaña electoral de 2018, e nos primeiros debates entre candidatos non permitiron que acudise no seu nome Fernando Haddad, que logo o substituiría. 

Cando a remuda se confirmou, Bolsonaro fora apuñalado, e negouse a participar nos últimos debates --as enquisas dábanlle vantaxe daquela--, nos que si estaba presente o novo candidato da PT. O desafío, polo tanto, arrinca agora, e Lula está disposto a propagalo por cada recuncho do país, rumbo ás eleccións municipais de 2020, como punto de partida. A esquerda brasileira, incapaz de responder o ímpeto de Bolsonaro, necesítao. 

Primeiras palabras de Lula tras a liberación, no campamento de vixilia instalado desde abril de 2018 © Gibran Mendes / CUT Paraná

No último discurso antes de entregarse á Policía Federal, hai 580 días, Lula ergueu os brazos vitoriosos e optimistas de dous novos valores da esquerda brasileira, Manuela D'Ávila (Partido Comunista do Brasil) e Guilherme Boulos (Partido Socialismo e Liberdade, PSOL). Onte saíu de prisión e lanzou as primeiras mensaxes rodeado da plana maior da súa agrupación, o Partido dos Traballadores. Custodiábano, entre outros, o mencionado Fernando Haddad --candidato presidencial, ex-ministro de Educación e ex-alcalde de São Paulo--, Gleisi Hoffmann --deputada federal e presidenta da PT--, Wadih Damous --ex-deputado e membro do equipo de defensa do ex--presidente--, e a súa actual parella, a socióloga Rosângela da Silva. 

Lula entregouse ao agarimo que lle outorgou durante todo este tempo preso a vixilia que o agardaba nun campamento

Apoiando e recibindo a Lula tamén estaban, como sempre estiveron, boa parte dos sindicatos e os principais movementos sociais. Un dos primeiros agradecementos, facendo unha chiscadela a estes fieis escudeiros, foi para o Movemento dos Trabalhadores Rurais Sem Terra (MST) e para o sindicato CUT (Central Única dos Trabalhadores). Entregouse o ex-presidente ao agarimo que lle outorgou durante todo este tempo a vixilia que o agardaba nun campamento, baixo a súa xanela, marcándolle puntualmente as horas de luz cun bos días, unhas boas tardes e unhas boas noites. "Fixéstesme máis valente", aseguroulles, emocionado. 

Saída desde o quilómetro cero: o sector metalúrxico 

Insistiu Lula, nada máis suxeitar o micrófono tras a súa liberación, nunha mensaxe que deixou tamén hai un ano e sete meses: "Non detiveron un home, tentaron matar unha idea. E unha idea non se pode matar". Agora, a idea, case coa mesma potencia que daquela, necesita volver ao quilómetro cero. E até ese punto dirixiuse Lula da Silva no seu primeiro amencer tras abandonar Curitiba. A orixe política do seu personaxe sitúase no Sindicato de Metalúrgicos do ABC paulista (área industrial da rexión metropolitana de São Paulo), en São Bernardo do Campo. As asembleas e as folgas na época da ditadura militar foron o seu berce, a súa escola e a súa familia. "Convosco aprendín a loitar por un país mellor", escribía aos seus ex-compañeiros, desde a cadea, o pasado mes de xullo, con motivo do noveno congreso do sindicato. 

Na mesma misiva animáballes a seguir facendo fronte ás novas medidas do Executivo de Bolsonaro: "É realmente delituoso o que están a facer co noso país, entregando as nosas riquezas, atacando os nosos dereitos e as conquistas históricas dos traballadores". Foi desde ese trampolín, como secretario xeral da organización sindical, desde o que Lula saltou ao Partido dos Trabalhadores, e de alí á primeira liña política, gañando sona a nivel nacional a base de perder e perder eleccións. Ata que se colgou a franxa de presidente en 2003. Por iso Lula pasou a súa última noite en liberdade alí, na sede do sindicato, e por iso desde alí, desde a orixe, comezará a combater a Bolsonaro. Os ollos de todos os brasileiros, defensores e detractores, craváronse este sábado en São Bernardo do Campo.

"Non detiveron un home, tentaron matar unha idea. E unha idea non se pode matar" , advirte Lula da Silva

Os detractores, ao mesmo tempo que seguen as primeiras horas en liberdade de Lula, non quedaron de brazos cruzados. Reaccionaron desde as rúas e tamén desde os escanos da Cámara de Deputados e do Senado. Houbo concentracións tamén convocadas para este sábado en repulsa do veredicto do Tribunal Supremo, anulando a execución de penas en condenas en segunda instancia. No Congreso, aproveitando que o presidente do Supremo lembrou que os parlamentarios poderían redefinir o texto constitucional que rexe cando han de cumprirse as penas, xa se están articulando iniciativas para tramitar propostas de emenda á Constitución. Trátase dun longo camiño, pero desde este luns os movementos en ambas as dúas Cámaras agudizaranse. 

Lula da Silva, pola súa banda, terá que afrontar dentro dunhas semanas outro xuízo noutro dos procesos xudiciais nos que está imputado: o do predio de Atibaia, un suposto suborno en forma de remodelación dun espazo que o ex-presidente frecuentaba, propiedade duns amigos. Xa foi condenado en primeira instancia, pero a súa defensa alega que o proceso está igual de viciado e contaminado pola parcialidade do ex-xuíz Sérgio Moro e a Fiscalía que o caso do apartamento de Guarujá --Moro nunca conseguiu probar que fose propiedade de Lula, pero condenouno por corrupción pasiva e lavado de diñeiro--. 

Os avogados de Lula necesitan a inocencia do seu cliente, a absolución, ou a anulación dos procesos, para que o ex-mandatario poida volver presentarse como candidato a un cargo público, en base á Lei da Ficha Limpa, que impide, en condicións normais, presentar a candidatura a un acusado condenado xa en segunda instancia. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.