Brasil no labirinto Lula

Lula este sábado antes da súa entrega para ingresar no cárcere Dominio Público @LulapeloBrasil

Os militantes do Partido dos Trabalhadores (PT) aferráronse durante os últimos meses a un berro: "Eleição sem Lula é fraude". Unhas eleccións sen a candidatura de Lula, segundo os seus partidarios, non serían lexítimas. O lema expandiuse mesmo máis aló dos círculos petistas. Ninguén conseguía imaxinar unhas eleccións presidenciais sen Lula como candidato. Nin os militantes de esquerda nin boa parte do establishment que viviu a bonanza da era Lula. Eleição sem Lula é fraude. E a cita electoral de 2018, sen Lula, é un misterio explosivo. Ata a orde de encarceramento de Lula todo pivotaba, na esquerda e na dereita, ao redor da súa candidatura. Lideraba todas as enquisas electorais. Apenas había que despexar quen sería o seu rival na segunda volta.

A prisión de Lula, que se produciu este sábado despois dun proceso xudicial cheo de irregularidades, deixa en dúbida á democracia brasileira. Incluso algúns xornalistas conservadores, como Reinaldo Azevedo, denunciaron unha persecución xudicial chea de lagoas: “Lula foi vítima dun tribunal de excepción”. Lula xogou ata o último minuto as súas cartas. E deixou caer o seu órdago, insinuando que a súa detención daría novas ás ao PT: "Se me deteñen serei heroe. Se me matan, serei un mártir, e se me deixan solto, serei presidente de novo".

 

Dous chíos da conta de Twitter de Lula deste sábado

Proceso espectáculo

O proceso que o xuíz Sérgio Moro iniciou contra Lula excede o xudicial. Sérgio Moro, transformado en heroe polos medios, condena a Lula por recibir supostamente un apartamento da construtora OAS en Guarujá, a cambio de favores políticos. Con todo, non hai probas documentais.

O proceso que o xuíz Sérgio Moro iniciou contra Lula excede o xudicial. Sérgio Moro, transformado en heroe polos medios, condena a Lula por recibir supostamente un apartamento da construtora OAS en Guarujá, a cambio de favores políticos. Con todo, non hai probas documentais. Os veciños do edificio do suposto tríplex de Lula volvéronse contra o ex-presidente, non porque o viran moito por alí, senón porque a TV Globo "ten moitas probas". O caso do tríplex de Lula é xudicialización da política en estado puro, un caso de lawfare de libro. Sérgio Moro, ao que acusan desde as páxinas de The New York Times de uso partidista da xustiza, transformou o proceso nun espectáculo de masas.

O xuíz Moro, con vocación de xusticeiro e desexos de fama, chegou a ter que pedir perdón en 2016 ao Supremo Tribunal Federal por divulgar ilegalmente conversas entre Lula da Silva e a presidenta Dilma Rousseff. Todo vale. O xuíz Moro foi unha peza clave dun plan orquestrado para esmagar o posible retorno de Lula. O obxectivo final é destruír o mito Lula, "o filho do Brasil", o pobre que chegou a ser o presidente máis popular de Brasil. A recente serie de Netflix O Mecanismo, dirixida por José Padilha, que describe a corrupción na política brasileira, foi fortemente criticada desde a esquerda. Acusan a Padilha de cebarse contra personaxes que remiten a Lula e a Dilma. E de deixar ben parado a un xuíz que podería ser Sérgio Moro. Outros políticos afectados pola operación anti corrupción Lava Jato, como o mesmísimo Aécio Neves, que foi candidato presidencial do Partido da Social Democracia Brasileira (PSDB), non parecen estar na mira do director de O Mecanismo. Tampouco no radar do xuíz Sérgio Moro.

Poderán os medios conservadores brasileiros, Netflix e unha xustiza en dúbida acabar co mito de Lula? O certo é que sen Lula, o PT está descabezado. As esquerdas quedan orfas. O relato do ciclo progresista de América Latina vese seriamente danado. E as eleccións de outubro de 2018 convértense nunha verdadeira incógnita.

Fla-flu, a metáfora

Nos últimos anos, a metáfora futbolística para explicar o clima político do país foi o fla-flu, como se coñece o clásico entre os equipos Flamengo e Fluminense de Rio de Janeiro

En Brasil, o fútbol brinda metáforas para todo. Nos últimos anos, a metáfora futbolística para explicar o clima político do país foi o fla-flu, como se coñece o clásico entre os equipos Flamengo e Fluminense de Rio de Janeiro. O fla-flu, que o escritor Mário Filho definía como "o clásico das multitudes", resume o estado de paixóns políticas binarias do Brasil actual. "Brasil necesita librarse do fla-flu político", escribía en setembro de 2013 o avogado e profesor Pedro Estevam Serrano. Case cinco anos despois, o fla-flu político radicalizouse. Todo o mundo parece ter unha postura con respecto a Lula. Dun lado, arguméntase que defender a Lula é salvagardar a democracia. Do outro, que a súa detención é un síntoma de que ninguén está por encima da lei. No medio, un deserto político habitado pola visceralidade, sen un debate en profundidade sobre o modelo de país. E sen autocrítica. Ata o día de hoxe, o PT aínda non entoou ningunha autocrítica. Paradoxalmente, os militantes das manifestacións pro Lula están a ser detidos coa Lei Antiterrorista que Dilma Rousseff aprobou antes do Mundial de Fútbol de 2014 e tanto indignou aos movementos sociais.

As revoltas xeneralizadas que sacudiron Brasil a partir de xuño de 2013 rompían as dicotomías políticas previas. A reacción inicial do goberno de Dilma Rousseff foi a escoita. Aos poucos, ante a incapacidade de entender unha onda de protestas que non se encadraban na política representativa, a postura do PT cos manifestantes fíxose belixerante. O PT apostou todas as fichas a unha polarización que a dereita xa colocara no ambiente. Durante a celebración do Mundial, o goberno Dilma acusou de pouco patriotas aos manifestantes, actitude que foi comparada ao lema da ditadura Brasil, ame-o ou deixe-o. Para as eleccións de 2014, o PT entregou a súa estratexia á máquina binaria. En lugar de buscar o enfrontamento co seu rival histórico, o PSDB de Aécio Neves, o PT arremeteu contra a centro esquerdista Marina Silva, ex-ministra de Lula, para aniquilar calquera terceira vía posible. E un infernal clima fla-flu instaurouse definitivamente no país, tras a vitoria de mínimos de Dilma Rousseff. Todo se transformou aparentemente nunha batalla con dous únicos lados posibles, entre coxinhas e petralhas.

O retorno de Lula estaba en marcha antes de que Dilma Rousseff sufrise o impeachment en agosto de 2016

O retorno de Lula estaba en marcha antes de que Dilma Rousseff sufrise o impeachment en agosto de 2016. Dilma non estaba a conseguir navegar nas lóxicas do acordão, o pacto que Lula fixo co dereitista Partido do Movimento Democrático Brasileiro (PMDB) e os poderes económicos. As pontes con boa parte dos movementos sociais e cunha nova onda de protestas de cariz cidadanista estaban danados.

O petismo entregou as rúas e a pauta anti corrupción á dereita. E as dereitas, vellas e novas, aproveitaron o seu momento. A primeira gran manifestación convocada por grupos dereitistas en xaneiro de 2015 desbordouse con manifestantes que non empuñaban pautas conservadoras. O estudo realizado polos académicos Pablo Ortellado, Lucia Nader e Esther Solano revelou que os supostos manifestantes coxinhas da Avenida Paulista de São Paulo defendían moitas pautas progresistas. Con todo, a estratexia do PT seguía pasando polo binarismo. E por criticar aos novos manifestantes. E as novas dereitas saíron do armario, desacomplexadas de neoliberalismo e odio. E mentres, o goberno de Michel Temer, que chegou tras o golpe parlamentario do impeachment, activa as reformas que o mercado non conseguiu tras as urnas.

Se Getúlio Vargas, o mesiánico presidente da década dos trinta, volveu ao poder en 1951, por que Lula non ía seguir os seus pasos?

O ultra dereitista Jair Bolsonaro, un militar da reserva transformado en deputado súper star, xorde nese clima visceral, alimentado por un anti petismo irracional. João Dória, que conquistou a alcaldía de São Paulo en 2015 vendéndose como un xestor "non político", chegou a definirse como o "anti Lula". Ante a falta de liderado dun PT desgastado, Lula erixiuse como única posibilidade. Nun país onde o sebastianismo, baseado no mito profético da Portugal do século XVI que auguraba o retorno do falecido rei Sebastião, ten peso na cultura popular, Lula o Retornado toca a alma do pobo. Se Getúlio Vargas, o mesiánico presidente da década dos trinta, volveu ao poder en 1951, por que Lula non ía seguir os seus pasos?

Esquerdas divididas

A prisión de Lula deixa o PT tocado e (case) afundido. A lei Ficha Limpa impide a candidatura de Lula, aínda que saia da prisión antes das eleccións. O mito Lula era o plan A. E non hai plan B.

A prisión de Lula deixa o PT tocado e (case) afundido. A lei Ficha Limpa impide a candidatura de Lula, aínda que saia da prisión antes das eleccións. O mito Lula era o plan A. E non hai plan B. A ausencia de auto crítica afasta a moitos militantes que desde 2013 denuncian a deriva cara ao extremo centro do PT. O mito Lula axita o relato popular, pero hai un abismo entre as políticas públicas dos últimos anos de Dilma e esas narrativas roxas. O mito Lula é o maior paradoxo da historia do petismo: Lula é a única figura vinculada a forzas con historia progresista con capacidade de gañar as eleccións e ao mesmo tempo o principal obstáculo para a renovación das esquerdas.

Non existe nin un indicio de renovación no PT. Sen Lula, non hai líderes petistas capaces de gañar as eleccións. Todas as quinielas apuntan a dous nomes: Fernando Haddad (ex-alcalde de São Paulo) e Jaques Wagner (ex-gobernador de Baía). Haddad perdeu as eleccións municipais de São Paulo na primeira vola e non ten tirón electoral no seu propio Estado. Jaques Wagner, fóra de Baía, non goza da suficiente popularidade. Con todo, se Lula fai campaña para calquera dos dous, o PT coaríase en segunda volta. Con Lula no cárcere, esta posibilidade é máis remota.

Tras a aceleración do proceso de encarceramento de Lula, a teoría de que o PT non teña candidato propio ás eleccións empeza a soar

Tras a aceleración do proceso de encarceramento de Lula, a teoría de que o PT non teña candidato propio ás eleccións empeza a soar. O PT podería apoiar a candidatura do esquerdista Ciro Gomes, ex-ministro de Lula. Ciro Gomes xa é precandidato do Partido Democrático Trabalhista (PDT), do líder histórico Leonel Brizola. Os outros partidos de esquerda non teñen o suficiente peso para ser unha alternativa. O Partido Comunista do Brasil (PCdoB), encabezado por Manuela D'Avila, non ten expresión nacional, a pesar de estar a gobernar desde 2014 o Estado de Maranhão e algunhas cidades. O Partido Socialismo e Liberdade (PSOL), que estuda unha candidatura conxunta do activista urbano Guilherme Boulos e a indíxena Sônia Guajajara, ten poucas posibilidades. Con todo, a mestura do imaxinario do Movimento dos Trabalhadores Sem Teto (MTST) de Boulos e das causas indíxenas de Guajajara podería ventilar o debate, abrindo por fin a necesaria renovación das esquerdas.

O paradoxo: ambos os dous partidos están presos no labirinto Lula. Tras o proceso de encarceramento, pecharon filas co ex-presidente. E non conseguen ter voz propia á marxe do lulismo. Tarso Genro, un peso pesado do PT, leva meses destacando a necesidade de construír unha fronte ampla para as esquerdas brasileiras. Cun candidato do PT, esa fronte unitaria das esquerdas parece difícil. Se o PT decide apoiar a Ciro Gomes, abriríase unha pequena posibilidade.

Marina Silva, precandidata presidencial do partido REDE, é a gran incógnita. Marina aínda non se recuperou da hostil campaña das eleccións de 2014. Tampouco dos seus erros. O seu apoio na segunda volta ao conservador Aécio Neves afastouna do campo das esquerdas. E, sobre todo, dun voto novo crítico co PT pero que abraza valores progresistas. O seu pasado vinculado ao goberno Lula esperta receos nesa parte da cidadanía ancorada no anti petismo, que empeza a vincularse emocionalmente á ultradereita.

Durante o duelo entre Moro e Lula, Marina Silva tentou manterse, sen moito éxito, fóra do fla-flu político. "A prisão de um ex-presidente é um acontecimento triste em qualquer país. No entanto, numa democracia, as decisões da Justiça devem ser respeitadas", declarou tras coñecer a orde de prisión de Lula. Difícil, aínda que non imposible, que Marina volva conseguir a confianza de parte das esquerdas. Difícil que seduza aos fanáticos do xusticeiro Sérgio Moro.

A prisión do ex-presidente non é a saída da crise política e económica de Brasil. É unha saída falsa, outra máis, para un país extraviado no labirinto Lula.

Coa candidatura de Lula, a única incógnita para a segunda volta das eleccións era saber quen sería o seu rival. Nalgunhas enquisas, o ultradereitista Jair Bolsonaro chegaría á segunda volta. Noutras, o sempre sólido PSDB enchía a cota conservadora da segunda volta. A ausencia de Lula fai saltar as alarmas na esquerda. Custa imaxinar que Geraldo Alckmin, precandidato do PSDB e ex-gobernador de São Paulo, non chegue á segunda quenda. E nestes momentos, non é un disparate pensar que poida chegar a darse un duelo final entre a dereita de Alckmin e a ultradereita de Bolsonaro. As enquisas apuntan, de feito, a que o baleiro de Lula beneficia á dereita.

Todo segue en aberto. A política brasileira continúa pechada no labirinto. Difícil calcular o efecto das imaxes de Lula na cadea. Ninguén consegue medir o tamaño da indignación de moitos cidadáns que sen ser petistas recoñecen o legado de Lula e critican un proceso xudicial inxusto. A prisión do ex-presidente non é a saída da crise política e económica de Brasil. É unha saída falsa, outra máis, para un país extraviado no labirinto Lula.

Lula entre os seus seguidores en 1980 nunha imaxe divulgada este sábado pola súa conta de Twitter Dominio Público @LulapeloBrasil

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.