Chegou o 25-S: Así vai ser a protesta fronte ao Congreso

Depregue policial fronte ao Congreso © El Diario

A protesta busca ser un acto de afirmación e de forza máis da cidadanía, nin o primeiro nin o último, co obxectivo de presionar o Goberno central e forzalo a recuar na súa política de recortes. Os organizadores teñen na cabeza os recentes exemplos de Portugal ou de Quebec, onde as manifestacións na rúa obrigaron os gobernos a dar marcha atrás nas súas medidas. El Diario publicou hai uns días unha completa información sobre a forma en que se realizou a convocatoria e sobre como a súa metodoloxía se foi aproximando á do 15M.

Os organizadores teñen na cabeza os recentes exemplos de Portugal ou de Quebec, onde as manifestacións na rúa obrigaron os gobernos a dar marcha atrás nas súas medidas

A convocatoria realizada pola Coordinadora 25s recibiu xa o apoio da meirande parte das asembleas do 15M e tamén de partidos coma Izquierda Unida, Equo ou Izquierda Anticapitalista. Gaspar Llamazares anunciou hai semanas que estaría "cos cidadáns" para apoiar "un cambio na política económica" e Alberto Garzón dixo que os manifestantes: "teñen razón e hai que seguir convencendo a xente". Ademais, Cayo Lara defendeu que o Goberno debería ver "con normalidade" o 25-S e non resolvelo pola vía da represión. Porén, que os diputados de Esquerda Plural acudan a recibir os manifestantes dependerá de como se desenvolva a xornada. E a pesar de que Rubalcaba denunciou a convocatoria, outros deputados como Eduardo Madina afirmaron que "deberíamos tranquilizarnos: se unha protesta é pacífica non vexo ningún delicto".

Os convocantes repetiron unha e outra vez que a protesta será pacifica

A convocatoria tamén foi obxecto dos ataques do Goberno e do PP, que mesmo chegou a comparar a protesta simbólica fronte ao Congreso co intento de Golpe de Estado do 23F. E igualmente sufriu a presión policial e da Delegación do Goberno. De feito, non se coñece o desenlace da protesta, se os manifestantes rodearán o Congreso ou  non, ou se ao remate da protesta acamparán nas súas proximidades. O que xa é seguro é que a policía foi a primeira en rodear a cámara, con aproximadamente 1.300 axentes, un despregue que terá un custe só en dietas de máis de 200 mil euros. Segundo o SUP até 17 grupos de antidisturbios desprazáronse a Madrid dende outras cidades españolas. Os convocantes repetiron unha e outra vez que a protesta será pacifica.

O artigo 494 do Código Penal sanciona con pena de prisión de 6 meses a 1 ano, ou multa de 12 a 24 meses a quen "promovan, dirixan, ou presidan manifestacións ou outra clase de reunións ante as sedes do Congreso dos Diputados, do Senado ou dunha Asamblea Lexislativa de Comunidade Autónoma, cando estean reunidos, alterando o seu normal funcionamento". Porén, se a manifestación é pacífica e se permite a saida e entrada de deputados, non cabe a aplicación deste artigo. Porén, a Audiencia Nacional xa imputou 8 persoas pola suposta violación deste artigo, a pesar de que a manifestación ainda non se produciu.

Ás seis da tarde é a convocatoria para "rodear" o Congreso. Ás 22.30 a concentración trasladarase á Porta do Sol

Ás cinco e media da tarde comezarán marchas dende a Praza de España a Sol e dende o Paseo do Prado a Neptuno e Cibeles. E ás seis da tarde é a convocatoria para "rodear" o Congreso. Ás 22.30 a concentración trasladarase á Porta do Sol, onde se realizará unha asemblea informativa na que se convocarían máis accións para os días seguintes. Este é o plan "nun escenario no se impedira o rodeo do Congreso". Os activistas foron colocando nun mapa interactivo os distintos espazos que va ser protagonistas no 25S, tanto os lugares das concentracións, os cordóns policiais e comisarias, ou as cámaras e gravacións que se realicen para probar os "abusos" da policia.

 

Protesta fronte ao Parlamento galego

Seguindo o ronsel aberto por esta convocatoria, en Galicia tamén haberá mobilizacións este martes e que terán como obxectivo dous dos centros de poder da comunidade: o Parlamento e a sede do Goberno galego. 25S Compostela chama a concentrarse ás sete e media da tarde na Praza Roxa da capital galega con potas, tixolas e instrumentos musicais para dende aí iniciar unha marcha até o Parlamento e a Presidencia da Xunta na Praza do Obradoiro e levar a cabo unha cazolada polas rúas de Santiago. A organización fíxose dende a Asemblea Aberta de Compostela e nos últimos dias contactouse con outras asembleas de Ourense, A Coruña, Lugo, Pontevedra ou Vigo, para que tamén acudisen á protesta. 

Os organizadores denuncian que "o noso sistema político resultou ser unha fraude na cal os distintos gobernos nos traizoan facendo exactamente o contrario aos seus compromisos electorais, e no que a xustiza non actúa contra os banqueiros, políticos e empresarios culpábeis da situación". Esquerda Unida apoia a convocatoria e xa anunciou que a súa coordinadora nacional, Yolanda Díaz, asistirá xunto a outro membros da coalición, "en calidade de cidadáns".

Imaxe da convocatoria © El Diario

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.