A granxa ecolóxica Casa Grande de Xanceda, en Mesía, terá dentro dos seus terreos o Espazo Privado de Interese Natural, o primeiro na provincia da Coruña. As Fragas e Brañas do Alto Gaiteiro contarán con esta protección logo de ser aprobado pola Consellería de Medio Ambiente e á espera de ser publicado no DOG o vindeiro 4 de maio.
A conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez e o xerente de Casa Grande de Xanceda, Guillermo Martínez, inauguraron este mércores a área, unha iniciativa que naceu hai dous anos cando a Casa Grande propuxo á Xunta a creación deste Espazo de Interese Natural en 74,5 hectáreas de terreos nos que, como recoñece a Administración autonómica, acreditáronse "paraxes naturais que posúen valores singulares" e que reúnen as condicións para esta declaración.
As Fragas e Brañas do Alto Gaiteiro son recoñecidas polas súas paraxes naturais de valores singulares ou a importante diversidade de insectos polinizadores
Casa Grande de Xanceda, que conserva 200 hectáreas de pastos, bosques e humedais libres de herbicidas, pesticidas e fertilizantes químicos desde hai décadas, presentara ante a Xunta un informe técnico no que recolleu “a considerable diversidade de insectos e polinizadores, así como a "notable mostra de sebes, brañas, fragas e vexetación" que fan que a zona teña uns valores naturais que merecen ser "preservados e potenciados”.
Tamen destaca a Casa Grande de Xanceda que o abandono da súa actividade agraria ecolóxica "poría en risco a diversidade da zona, con degradación da paisaxe e perda de biodiversidade". Entre os espazos que agora aumentan a súa protección: o Rego de Xanceda, dúas carballeiras galaico-portuguesas de gran valor natural e etnográfico, brañas, pozas ou as sebes nas marxes das fincas, que a Xunta recoñeceu por "constituír corredores ecolóxicos e refuxio para multitude de especies animais e vexetais”.
O informe para a solicitude do espazo natural protexido Casa Grande de Xanceda identificou na área 145 especies de plantas, 92 de aves (dúas delas especie vulnerable), 26 especies de mamíferos, 13 de anfibios (sete delas vulnerables), 9 réptiles (dúas delas en réxime de protección especial), 60 especies de invertebrados e 3 especies de peixes continentais.
Ademais, o espazo natural ten arredor unha paisaxe agraria galega "clásica, libre de grandes construcións ou infraestruturas industriais que o contaminen" e inclúe unha casa agraria do século XVIII xunto co seu hórreo, recoñecido como BIC pola Xunta por ter máis de 100 anos de antigüidade.
A declaración de espazo natural protexido nunha ampla área dos terreos da Casa Grande de Xanceda chega, precisamente, cando a propia entidade leva meses advertindo da "ameaza" que din que representa para o seu modelo e proxecto ecolóxico un dos catro parques eólicos proxectados, case de maneira contigua, entre aldeas de Ordes e Mesía, nos que se prevén 21 muíños duns 200 metros de altura entre diferentes núcleos de poboación.
Esta declaración de espazo protexido impediría a instalación prevista dun aeroxerador e dunha subestación eléctrica que ocuparían parte da área, pero non evitaría en principio, que puidesen seguir adiante aqueles muíños que queden fóra do perímetro das Fragas e Brañas do Alto Gaiteiro.
Por outra banda, na actualidade en Galicia existen outros dous Espazos Protexidos de Interese Natural declarados: o de Sobreiras do Faro en Oia —no ano 2008— e os Lagos de Lousadaen Xermade —en 2019—, así como 12 espazos naturais de interese local (ENIL), que son aqueles declarados pola Xunta a raíz das súas singularidades.