O BNG sinala Casa Grande de Xanceda como mostra de proxecto "exemplar" no rural ameazado polo modelo eólico da Xunta

Ana Pontón e Victoria Armesto, na Casa Grande de Xanceda CC-BY-NC-SA BNG

Casa Grande de Xanceda como símbolo de proxecto de éxito no rural ameazado polo modelo eólico da Xunta. O BNG visitou este luns a gandería ecolóxica de Mesía para sinalar a "contradición" que ao seu xuízo supón que proxectos "emblemáticos de desenvolvemento local, dos que constrúen país" se vexan agora en risco "por este boom eólico que é unha bomba para o medio rural".

O BNG visita Casa Grande de Xanceda e apoia a batalla que os seus propietarios levan a cabo contra o modelo eólico do PP que ameaza o seu negocio

Ana Pontón, portavoz nacional do Bloque, acompañada doutros cargos do partido, levou a cabo unha visita guiada por Casa Grande de Xanceda, cuxos propietarios levan tres anos batallando legalmente contra o parque eólico de Gasalla, en tramitación xunto con outros que forman parte do macroparque de Ordes-Curtis. Os aeroxeradores previstos, duns 200 metros de altura, cercarían a explotación e varias das súas intalacións quedarían mesmo sobre terreos da gandería

Ana Pontón, durante a súa visita á Casa Grande de Xanceda CC-BY-NC-SA BNG

Nesta loita contra a planificación eólica desde un proxecto que é "exemplo" de innovación e aposta polo rural ve o Bloque o paradigma do que o discutido modelo eólico do PP --con 200 parques en tramitación, máis facilidades burocráticas para as empresas impulsoras ou a ampliación dos posibles terreos a ocupar-- provoca en moitas zonas. 

"É lamentable que o PP lle de as costas a este proxecto de país para favorecer as eléctricas", di Pontón

"Casa Grande de Xanceda é un exemplo do que todos nos temos que sentir orgullosos pola enorme capacidade de innovación, de protección de medio ambiente e de sustentabilidade; é lamentable que o PP lle de as costas a este proxecto de país para favorecer as eléctricas", dixo Pontón, que censurou que o modelo eólico do Goberno galego "feito á medida do lobby eléctrico" estea a "poñer en risco empregos e o desenvolvemento económico" por estar "ao servizo do lobby eléctrico que ten unha pata no Consello da Xunta e outro no Consello de Ministros". 

Pontón coincidiu no seu discurso co contundente rexeitamento que Victoria Armesto, avogada e unha das socias da Casa Grande de Xanceda, amosou contra a política eólica da Xunta en Praza.gal. Ao igual que unha das netas de Victoria Fernández-España e Felipe Fernández, fundadores da gandería ecolóxica, a portavoz nacional do BNG apostou por un novo modelo "que sexa sustentable, respectuoso co medio rural, con participación pública e un desenvolvemento equiplibrado e xusto" e no que "os beneficios queden no país". 

"En Galiza xa somos grandes produtores de enerxía e non temos compensación ningunha; na práctica permítese un espolio do noso territorio sen deixar os beneficios nel", explicou Pontón, que lembrou como "está medrando o rexeitamento a esta invasión eólica" na sociedade galega. "Todos estamos a favor das renovables, pero non desta maneira, non estando ao servizo dun modelo depredador que non respecta o territorio nin outras actividades", dixo. 

Ana Pontón, durante a súa visita á Casa Grande de Xanceda CC-BY-NC-SA BNG

Así, Pontón destacou que en Casa Grande de Xanceda "traballan 50 persoas, o 60% mulleres" mentres que "ningún" dos parques eólicos proxectados crea eses empregos nin moito menos "de maneira estable no tempo". "Hai unha contradición e un problema moi de fondo", insistiu tras denunciar as decisións no ámbito enerxético da Xunta que, segundo di. "explícase polas portas xiratorias". "A última, a dunha ex-conselleira de Medio Ambiente da Xunta de Feijóo", dixo en referencia a Beatriz Mato, conselleira en Greenalia, á que acusou, cunto a outras figuras, de "estar máis pendentes de ser útiles para o lobby eléctrico que para Galiza". 

"Seguiremos dedicando tempo, esforzo e diñeiro para evitar que o macroparque Ordes-Curtis se autorice", dicía neste diario Victoria Armesto, que ve a Xunta "un pouco cegada" ante os macroproxectos eólicos e que se pregunta se Galicia non se estará a converter "na zona de sacrificio enerxético de España".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.