"O futuro de Galicia pasa por non deixar o seu sector produtivo en mans de empresas con intereses fóra"

Carmen Lence, presidenta do grupo Lence © Grupo Lence
https://api.praza.gal/storage/uploads/cintino-mans-da-galicia-que-ven-0514ace.jpeg

O grupo Lence inclúe, entre as súas marcas, Leche Río, Leyma ou Solar, ademais doutras compañías. Con varias décadas de historia e máis de 300 millóns de litros de leite comercializados por ano, nel confórmase principal grupo lácteo galego e un dos máis importantes de España. Á fronte, Carmen Lence (Lugo, 1970), que asumiu a responsabilidade en 2019 logo do falecemento do seu pai e fundador. Deixou a súa vida nos Estados Unidos, onde xa se formara en varias universidades, logo de ter traballado tamén en diferentes cidades de Asia ou Europa. E agora pula por un sector onde é clave un rural que, reclama, en Galicia "ten que ser máis atractivo para a xuventude e as mulleres, con mellor calidade de vida e oportunidades laborais". Con ela conversamos nesta terceira entrega da serie Mans da Galicia que vén.

"Temos que solucionar os problemas do rural galego; hai falta de servizos, de man de obra e de recambio xeracional, hai un éxodo de mulleres en idade fértil"

Cales son os principais retos do sector lácteo en Galicia no futuro inmediato? 

O número de vacas en España pasou nos últimos doce meses de 830.000 a 802.000. Isto, vencellado ao aumento do custo dos pensos, que ten como consecuencia unha variación na dieta das vacas, e como consecuencia, a falta de leite no campo, está a provocar un aumento considerable do prezo en orixe. Moitos poden pensar que a suba dos prezos en orixe levará a un exceso de leite nun par de anos, teño as miñas dúbidas. O rural galego enfróntase a problemas como a falta de servizos, a mala conectividade, o éxodo de mulleres en idade fértil, a falta de recambio xeracional, a falta de man de obra, a mala distribución da terra entre outros moitos retos. Se non solucionamos estes problemas, o rural será cada vez menos atractivo para as seguintes xeracións e como consecuencia teremos menos leite e menos produtos agrícolas en xeral.

E os retos da empresa?

A nosa empresa prepárase para todo isto apostando pola innovación e buscando novas oportunidades que nos permitan valorar máis o leite. Tamén estamos a investir na mellora da eficiencia das plantas e na dixitalización da empresa. Temos que ser cada vez máis competitivos, porque cada vez é máis difícil trasladar o aumento dos custos aos nosos clientes.

Instalacións do grupo Lence en Lugo © Grupo Lence

Está afectando moito a suba dos prezos das materias primas ao sector e á empresa?

Hoxe atopámonos nunha situación de alza dos custos de produción debido principalmente ao encarecemento das materias primas, da enerxía, e do leite en orixe. Tamén un aumento dos tipos de interese, e unha caída da confianza dos consumidores que leva a unha diminución do consumo. Nos produtos lácteos obsérvase unha maior sensibilidade ao prezo, o que fai que a marca de distribución teña hoxe unha participación do 74,5% nos produtos lácteos e se reduzan as marxes. A empresa ten que ser moi áxil en trasladar o incremento dos custos á distribución porque as nosas marxes son moi baixas e poderemos atoparnos con perdas dun mes para outro se non somos o suficientemente rápidos. Ao mesmo tempo, non podemos permitirnos ningunha ineficacia e estar moi atentos a como estamos atendendo a demanda agora que falta leite.

"Aos galegos gústanos ir por libre; ás veces cústanos comprometernos e sacrificar un pouco do noso polo ben de todos"

Galicia nunca deu conformado un gran grupo lácteo galego... 

Coa compra de Leyma por parte na nosa empresa no 2005 iniciábase a posibilidade de crear un gran grupo lácteo galego, pero desafortunadamente o meu pai pensou que era demasiado complicado liderar a asociación de máis empresas galegas baixo un só grupo, e ese soño quedou sen realizar. 

Por que? 

Quizais está no noso carácter galego. Ás veces parece que nos custa comprometernos. Vese en expresións como 'por un lado ti xa sabes e por outro que queres que che diga' ou o famoso 'depende'. Gústanos ir por libre e, ás veces, cústanos sacrificar un pouco do noso polo ben de todos. 

Canto de positivo sería crear ese gran grupo lácteo galego?

Penso que sería moi positivo. Estamos nunha industria madura na que competimos con multinacionais. Ao mesmo tempo, os nosos clientes son a gran distribución, liderada tamén por grandes multinacionais e que teñen moita forza negociadora. Ter un tamaño relevante é importante para competir, senón estás nunha posición vulnerable. Xuntos, os galegos teríamos unha posición máis forte e conseguiriamos transformar máis leite en Galicia en lugar de deixar que o leven outros fóra, deixando fóra o valor engadido.

"Un gran grupo lácteo galego sería moi positivo, poderiamos transformar máis leite en Galicia e non deixar que outros leven fóra o valor engadido"

As queixas polo baixo prezo do importe que se paga polo leite é común nos gandeiros galegos desde hai anos. A que cre que se debe? Cal é a solución?

O leite utilízase desde hai anos como produto reclamo, o que fixo que o consumidor se acostumase aos prezos baixos, por iso é moito máis sensible aos prezos nos produtos lácteos que noutras categorías de produtos. Hoxe, coa confianza dos consumidores baixa e o auxe da marca de distribución, aínda máis. Agora estamos pagando as consecuencias destes baixos prezos coa falta de materia prima e, polo tanto, como hai máis demanda que oferta, o prezo en orixe e no supermercado está a subir. Unha solución é buscar produtos que dean máis valor ao leite e deixen marxes máis altas. Estamos traballando niso, aínda que non é tan sinxelo e leva tempo ver os resultados. Outra solución é a concienciación por parte dos consumidores de que detrás dun prezo hai moitas cousas. Se os prezos non pagan o esforzo que supón poñer o leite no supermercado, eventualmente, quedaremos sen leite. 

"Fai falta concienciación nos consumidores: se os prezos non pagan o esforzo de poñer o leite no supermercado, eventualmente quedaremos sen el"

Galicia produce o 40% do leite consumido en España pero transforma menos do 50%. Como se aborda ese problema e cal sería a solución para mellorar as cifras?

A Xunta presentou a finais de 2020 o Plan Estratéxico do sector lácteo onde están as claves para que isto suceda. Por unha banda, cómpre seguir apoiando proxectos empresariais relacionados co sector lácteo na nosa comunidade, seguir apostando pola marca Galega 100% e unha maior implantación da marca Galicia Calidade no sector lácteo. Tamén é importante seguir traballando na Lei de Recuperación das Terras Agrarias, e no anunciado Banco de Explotacións, que permitirá que as explotacións sen remuda poidan ceder terreos e instalacións aos empresarios. É importante reforzar a formación e a investigación. Hai que apoiar a organizacións como a Aula Láctea de Lugo. Empresas como a nosa necesitamos organizacións así para o desenvolvemento de novos produtos. Sen dúbida, a creación do famoso grupo lácteo galego daría tamén un impulso substancial o obxectivo de aumentar a cantidade de leite galego que se transforma en Galicia.

Carmen Lence, presidenta do grupo Lence © Grupo Lence

Os problemas no sector van sempre vencellados aos problemas do rural. Que precisa o rural galego para ter máis futuro? 

O rural galego ten que ser máis atractivo para a xuventude e as mulleres. Isto significa que a calidade de vida e as oportunidades laborais deben de ser mellores. Para iso precísanse máis servizos, mellor conectividade e apoio específico ao emprendemento no rural, especialmente ao emprendemento feminino. As mulleres en idade fértil marchan do rural, con isto desaparece a posibilidade de ter máis nenos no rural, e sen nenos non hai futuro. Ademais, de novo, a educación e a dixitalización son importantes. As ganderías teñen que estar cada vez máis profesionalizadas e xestionadas como empresas. Así, como a nosa empresa ten que ser moi eficiente para poder competir, as explotacións tamén teñen que ser eficientes e ter parte do seu beneficio no aforro de custos. Para iso é importante unha boa formación e dixitalización das empresas para tomar decisións baseadas nunha boa información.

"O rural galego ten que ser máis atractivo para a xuventude e as mulleres, con mellor calidade de vida e oportunidades laborais e apoio ao emprendemento"

Canto leite recolle nestes momentos o grupo Lence? Aumentaron volume de recollida nos últimos anos?

Estamos cerca dos 800.000 litros ao día; temos aumentado un pouco. 

Seguen comparando moito o seu labor co que facía seu pai?

Quizais, a verdade é que non me preocupa. Considero que o que os demais pensan de min non é o meu problema, responde máis aos seus valores e á súa forma de ver a vida que ao que son eu como persoa ou como empresaria. Teño claro que meu pai era meu pai, e eu son eu. Non sinto a necesidade de ser ou emular outra persoa, e se a alguén non lle gusta, é o seu problema.

Nas súas entrevistas e entre os propósitos da empresa sempre se cita a “defensa de Galicia”. Canto de importante é o vencello á terra para a empresa? 

A nosa é unha empresa familiar cunha traxectoria de máis de 50 anos creando valor para Galicia. Para nós, como para a maioría das empresas familiares, a vinculación coa terra é sumamente importante. Hai estudos que amosan que, cando se vende unha empresa familiar, normalmente, pérdese ese vínculo coa sociedade. Ese compromiso xa non existe; convértese nun centro de custos máis. Somos a única empresa galega entre as seis maiores empresas lácteas do país. Ademais, mercamos todo en Galicia e transformamos todo en Galicia, deixando todo o valor engadido na nosa terra. Non só apoiamos o rural galego con diferentes iniciativas como Tecnicow, Smart4milk, Milkchain, Gandeiras con actitude Río... senón que apoiamos o deporte como patrocinadores do Leyma Básquet, do Río Breogán, Ensino ou Estudiantes eoutras institucións como o Banco de Alimentos, Cruz Vermella ou a Asociación contra o Cancro. O que é importante para Galicia é importante para nós.

"O futuro de Galicia pasa por non deixar o seu sector produtivo en mans de empresas con intereses fóra; temos que defender o noso"

Como albisca o futuro de Galicia?

O futuro de Galicia depende de que os galegos creamos na nosa capacidade de ser unha terra que poida seguir creando e mantendo empresas punteiras, en lugar de deixar que veñan outros a comprar o que temos, deixando o noso sector produtivo en mans de empresas que teñen os seus intereses fóra da nosa comunidade. Temos que crer en nós e defender o noso. 

É CEO dun gran grupo lácteo nun mundo e nun sector que adoita estar dominado por homes. Como o leva? Sentiuse algunha vez discriminada por ser muller? Precísase máis feminismo no sector empresarial?

Creo que a maioría das mulleres sufrimos algún tipo de discriminación nalgún momento, ás veces inflixida por nós mesmas, debido ao prexuízo inconsciente que todos temos. Isto é consecuencia da educación que recibimos, onde se espera que as mulleres fagan certos sacrificios que non se esperan dos homes, como poñer sempre por diante das nosas ambicións as ambicións, soños e necesidades dos demais, da familia. É necesaria unha sociedade onde homes e mulleres teñan as mesmas oportunidades. Desafortunadamente, este non é o caso hoxe. A medida que sexa máis normal ver mulleres en postos de liderado xunto cunha educación igualitaria, as cousas cambiarán, pero nada se pode dar por feito. 

Carmen Lence, presidenta do grupo Lence © Grupo Lence

Traballou en moitos países do mundo. Que ten Galicia que non teñan outros?

Galicia non ten nada que envexar ao resto do mundo. Temos xente traballadora, emprendedora e creativa. Tamén temos unha retranca única que mostra un gran sentido do humor e a capacidade de non tomarnos a nós mesmos demasiado en serio. Isto é unha boa técnica de supervivencia e superación.

"Hai que aceptar o fracaso como unha oportunidade de aprendizaxe, pero ter tolerancia cero coa preguiza, a superficialidade e a falla de responsabilidade"

Impartiu cursos de formación a directivos de empresas destacadas como Google ou Facebook. Que aplica no grupo Lence do que aprendeu da cultura empresarial nos Estados Unidos e noutros países?

Contar a historia da túa empresa, a diferenza que fai, valorando o que somos. Se non o contas, outros non teñen por que sabelo. En Galicia, ás veces somos demasiado humildes, para min é a humildade mal entendida. Non hai nada malo en poñer en valor o que fas e o que es. En canto o estilo de liderado, rodearse de xente boa e saber preguntar, saber escoitar, saber delegar, saber xerar confianza mediante a comunicación, o propósito, os obxectivos claros e liderando co exemplo. Tamén aceptar o fracaso como unha oportunidade de aprendizaxe, pero ter tolerancia cero coa preguiza, a superficialidade, a falla de responsabilidade ou a falla de compromiso coa empresa.

Como destacou antes, o grupo Lence destina boa parte do seu orzamento de márketing ao patrocinio deportivo. Por que esa aposta? Canto de importante é vincular a marca ao deporte?

Os valores do deporte son os valores da nosa empresa; a coraxe para ser un mesmo, a perseveranza para acadar obxectivos, a iniciativa para facer que as cousas pasen e a excelencia, porque a vida é demasiado curta para vivila de forma mediocre. O espírito de superación do deporte tamén forma parte do noso ADN como empresa. Somos froito da historia de superación do noso fundador, Jesús Lence, e da historia de superación diaria dos nosos traballadores, gandeiros e de todos os que axudan a que os nosos produtos estean nos supermercados deste país; competindo con empresas moito máis grandes e con moitos máis medios que nós.

Que é, logo, a actitude Río?

É a cultura do esforzo, de ir polo que queres, polos teus soños e non conformarse con menos. É ter unha ambición sa de acadar os teus obxectivos a través do traballo; loitando por eles a pesar de todas as dificultades que poidas atopar no camiño. É crer en ti e ser ti mesmo, sen desculpas, a pesar da presión que poidas ter dos demais para conformarte, ou para ser outra persoa máis cómoda para os demais. É ser xeneroso e buscar o ben de todos aínda que supoña un sacrificio para ti. É a actitude do heroe de todos os días, xente común que fai cousas extraordinarias e que énchenos de esperanza e ilusión de que esta vida paga a pena vivila; porque hai xente así, loitadora, que fai que este mundo sexa mellor para todos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.