Trátase do primeiro gran encontro científico e de investigación sobre o proceso da Transición en Galicia e céntrase nos actores e voces que decote fican ausentes do relato establecido ao redor deste tempo histórico
O Centro Universitario de Riazor acolle este venres e sábado o congreso 'As Outras Protagonistas da Transición', organizado pola Cátedra de Memoria Histórica da Universidade da Coruña, que conta coa colaboración do Concello da Coruña. Trátase do primeiro gran encontro científico e de investigación sobre o proceso da Transición en Galicia e céntrase especialmente nos actores e voces que decote fican ausentes do relato establecido ao redor deste tempo histórico.
O Congreso dálle continuidade a dúas citas anteriores, celebradas en Madrid en 2017 e en Barcelona en 2019, que co mesmo epígrafe de 'As Outras Protagonistas da Transición' e co impulso da Fundación Salvador Seguí perseguían o mesmo obxectivo de abrir o foco sobre os estudos históricos ao redor do período de Transición Política.
"Queremos pór o foco nunha realidade polifónica que escapa a un relato establecido que só se centra nunha serie de partidos políticos que pilotaron o proceso. Un proceso que, en realidade, foi moito máis complexo do que ás veces, de maneira reducionista, se busca facer ver"
14 relatores e relatoras exporán a súa visión e investigacións ao fío de distintos ámbitos temáticos, organizados en seis mesas: “A Transición e os partidos políticos na Galiza”; “Movementos sociais na Galiza do tardofranquismo e da Transición fronte ao franquismo: Asociacionismo cultural, Feminismo e Ecoloxismo”; “Sindicalismo agrario e obreiro na Galiza da Transición”; “Lingua, creación literaria e música na Galiza da Transición”; “O mundo editorial e a prensa na Galiza da Transición” e “O Tribunal de Orde Pública (TOP), o conflito carcelario e as medidas penitenciarias de excepción na Transición”.
Falamos co profesor Uxío-Breogán Diéguez Cequiel, que dirixe a Cátedra de Memoria Histórica que organiza un congreso pioneiro en Galicia que vén cubrir o baleiro existente ata o momento á hora de estudar e reflexionar sobre un período histórico fundamental na historia contemporánea do país.
O Congreso pon o foco nas "outras protagonistas" da Transición. Cómpre mudar a idea establecida de que ese período histórico foi un pacto entre elites no que a sociedade estivo ausente? A rúa, os movementos sociais e as forzas de ruptura tiveron un papel máis importantes que o que se deixa ver nese relato oficial?
"Estes movementos tiñan a nivel social unha amplitude enorme, dende o movemento obreiro, o ecoloxismo, o feminismo, o activismo cultural, a creación literaria e ata chegar a unha realidade partidaria amplísima e moi variada"
Nós queremos pór o foco nunha realidade polifónica que escapa a un relato establecido que só se centra nunha serie de partidos políticos que pilotaron o proceso. O proceso de Transición, en realidade, foi moito máis complexo do que ás veces, de maneira reducionista, se busca facer ver e nel os movementos que desafiaron a ditadura tiveron un papel moito máis importante. Estes movementos tiñan a nivel social unha amplitude enorme, tanto no que respecta á xente que movían coma á variedade de planos afectados, dende o movemento obreiro, ao ecoloxismo, o feminismo, o activismo cultural, a creación literaria e ata chegar a unha realidade partidaria amplísima e moi variada. Sen esquecer a importancia que neste tempo tivo o xornalismo. Ou, por exemplo, a realidade do mundo carcerario, pois había un gran número de persoas que a través do TOP estaban privadas da súa liberdade por mor das súas ideas e do seu posicionamento ideolóxico en clave democrática.
O estudo sobre a Transición Política estivo ata agora excesivamente desatendido? Faltan investigacións e reflexións sobre este tempo histórico, fundamental para entender o contexto político, social e económico actual?
"En Galicia a atención dos historiadores centrouse máis no Franquismo, en especial no período inicial da postguerra e de represión; e non se pode estar a todo"
Concordo contigo. Creo que en relación a outras realidades, o proceso histórico da Transición non tivo ata agora en Galicia a atención historiográfica que merece. Non houbo, por exemplo, iniciativas como este congreso, aínda que si houbo algunhas xornadas ou seminarios. Cal é o motivo? Pois en parte pode ser por unha falta de perspectiva ou de distanciamento temporal con respecto ao período histórico, pero a realidade é que hai case 50 anos que morreu o ditador. Eu creo que un dos factores fundamentais é que en Galicia a atención dos historiadores se centrou máis no Franquismo, en especial no período inicial da postguerra e de represión; e non se pode estar a todo: quen está a unha cousa non está a outra.
E despois, hai unha última cuestión: se entramos de cheo no proceso de Transición, nesa realidade e nese tempo histórico, estamos entrando probablemente nun tempo moi molesto de analizar en certas cuestións en relación ao propio presente, porque as continuidades do tardofranquismo na construción do tempo democrático están aí e como hai realidades moi incómodas -incluída a restauración monárquica- penso que a comunidade historiográfica non se atopa confortable á hora de estudar este tema
Dentro desta ausencia de investigacións e publicacións sobre a Transición en Galicia, hai ámbitos máis e menos traballados. Posiblemente, a actividade política si recibiu algo de atención e posiblemente o movemento obreiro, mentre que os resto de movementos e temas ficaron máis ausentes, non si?
"Para lexitimar o seu discurso os partidos practican unha recuperación da súa memoria histórica. En cambio os movementos sociais na maior parte dos casos non teñen a día de hoxe unha estrutura que reivindique o sucedido hai 40 anos atrás"
Si, probablemente o ámbito partidario foi moito máis traballado dentro do pouco que se traballou o período de Transición en Galiza, fronte a todo o que son os movementos sociais, o ámbito cultural, todo o movemento asociativo de base, por exemplo o veciñal, o feminismo, o ecoloxismo... Todos estes temas foron moi pouco estudados, efectivamente. Houbo achegas illadas, pero sería importante afondar nestes temas.
Por que sucede isto? Pois porque os partidos que se movían na Transición, aínda que moitos non existan como tal na actualidade, si que teñen herdeiros directos e para lexitimar o seu discurso os partidos practican unha recuperación da súa memoria histórica. En cambio os movementos sociais, agás a loita obreira e o sindicalismo, na maior parte dos casos non teñen a día de hoxe unha estrutura que reivindique o sucedido hai 40 anos atrás. Neses casos todo depende dalgún historiador ou historiadora que se interese polo tema ou que garde relación persoal con esa temática.
"Hai aínda moitas realidades pendentes xa non digo de descubrir, pero si de afondar suficientemente nelas para poñelas en valor e sobre todo dimensionar o traballo e o sacrificio que implicou ese desafío á ditadura"
Esta falta de investigación supón tamén unha falta de recoñecemento ás persoas que loitaron neses anos? Penso, por exemplo, nos traballadores e traballadoras que participaron na folga xeral de Vigo de 1972, uns acontecementos que 50 anos despois seguen a ser moi pouco coñecidos, mesmo na propia cidade viguesa...
Si, mesmo á hora de falar do movemento obreiro hai aínda realidades pendentes de ser estudadas. Por exemplo, este ano que se cumpre o 50 aniversario das mobilizacións de Ferrol e Vigo, todo o sucedido durante a folga xeral viguesa é aínda moi descoñecido, a pesar da relevancia histórica que tivo. Polo tanto hai aínda moitas realidades pendentes xa non digo de descubrir, pero si de afondar suficientemente nelas para poñelas en valor e sobre todo dimensionar o traballo e o sacrificio que implicou ese desafío á ditadura franquista.
"Se non houbera este desafío librado por partidos políticos e movementos sociais nas rúas, posiblemente o proceso da Transición tería sido moi distinto ao que foi"
Dende a actualidade é moi doado dicir que o Franquismo nos últimos anos estaba debilitándose e moito máis despois da morte do ditador, pero a realidade é que se non houbera este desafío librado por partidos políticos e movementos sociais nas rúas, por xornalistas e por artistas e representantes da cultura, posiblemente aquel proceso da Transición tería sido moi distinto ao que foi e probablemente a proxección do tardofranquismo sobre os anos seguintes tería sido maior.