Adeus a Anna Turbau, a fotógrafa que retratou as loitas e a alma de Galicia

Anna Turbau CC-BY Marisa González

A fotoxornalista catalá Anna Turbau finou este mércores aos 76 anos de idade. Ela colocou no mapa a realidade do poboado xitano do Vao, retratou as persoas ingresadas no hospital psiquiátrico de Conxo, seguiu as mobilizacións contra a construción da autoestrada AP-9, acompañou as grandes manifestacións do naval en Vigo e, en definitiva, retratou as loitas e a alma de Galicia nos anos da Transición

Hai unhas semanas a fotógrafa participou coa súa obra na feira Arco, da man da galería Nordés da Coruña. O departamento de Cultura de Generalitat de Catalunya fíxose alí con parte do seu traballo de documentación e fotoxornalismo correspondente a década dos setenta. O pasado 10 de marzo, con motivo dos actos polo Día internacional da muller, Turbau participou no Museu Nacional d'Art de Catalunya nunha conversa a propósito da incorporación da súa obra á colección do museo. 

Anna Turbau foi quen de presentar unha Galicia distinta a do discurso habitual a través das súas fotografias

A propia Anna Turbau (Barcelona, 1949-2025) reflexionou anos despois de realizar o seu traballo como fotoxornalista en Galicia entre os anos 1975 e 1979 que aquelas imaxes son parte da memoria histórica do noso país. A súa mirada axúdanos hoxe a comprender acontecementos que marcaron a contemporaneidade e a non esquecer o noso pasado recente. Preto de dez mil fotografías do seu fondo galego presérvanse no Consello da Cultura Galega, obras que tamén forman parte dos fondos do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía de Madrid

O Consello da Cultura editou no ano 2017 o volume antolóxico Anna Turbau. Galicia 1975-1979, con textos de Emilio Grandío, Margarita Ledo, Rebeca Pardo e Cristina Zelich, e unha presentación a cargo de Ramón Villares, que estivo coordinado por Natalia Poncela. Un libro que se acompañou dunha exposición que se puido ver en distintos puntos do país, A intimidade da imaxe, comisariada por Margarita Ledo, que se pode visitar en liña desde o sitio web do CCG

"Fotoxornalista fundamental para entender a historia do país, converteuse nunha das reporteiras máis importantes en documentar a historia contemporánea", lamentan desde o Museu Nacional d'Art de Catalunya, que destaca o "gran valor documental" das súas reportaxes de carácter social e antropolóxico. "Hoxe a fotografía catalá perde unha mirada profunda e comprometida coa sociedade", aseguran. 

Anna Turbau foi quen de presentar unha Galicia distinta a do discurso habitual a través das súas fotografias. Como destacan desde o CCG, foi pioneira na escolla das temáticas, en narrarse no acto de narrar, na independencia como actitude persoal e como linguaxe, nesa operación na corda frouxa que ten como albo construír unha obra pegada ao real.

Obras na AP-9. Piquetes de Guísamo, 1977 © Anna Turbau

Turbau estudou deseño gráfico en Barcelona, na escola Massana (Centre d’Art i Disseny) e na ELISAVA (Escola Universitària de Disseny i Enginyeria de Barcelona). O seu primeiro contacto coa fotografía chegoulle en 1975, cando recibiu o encargo de facer unha serie de fotografías na Ciutat Vella de Barcelona, onde descobre unha cidade marxinal e oculta.

Anna Turbau destacou cun traballo moi persoal, respectuoso e incisivo

Esta experiencia foi decisiva na súa escolla da fotografía como medio expresivo e na súa procura de visibilizar o invisible. Ese mesmo ano entrou en contacto con Galicia, onde fixou a súa residencia e traballou como fotoxornalista nun contexto maiormente masculino, no que destacou cun traballo moi persoal, respectuoso e incisivo. Nesta etapa foi colaboradora independente das revistas Interviú e Primera Plana.

"Atopeime coa realidade galega case por casualidade. Eran os principios dos setenta. Os movementos populares xurdían cunha forza que coincidía coa miña (...). O meu traballo era moi claro: saltar as barreiras do caciquismo, a censura e a represión policial", contou a fotoxornalista, nunhas palabras que recollen na folla de sala da exposición A pegada das nais, onde contan con fotografías da catalá, e que se pode visitar no MARCO de Vigo.

Hospital Psiquiátrico de Conxo. Santiago de Compostela, 1977 © Anna Turbau

"Todos os que traballamos naquel tempo temos claro que era a factura que tiñamos que pagar, simplemente, por estar alí facendo o que había que facer", asegurou Turbau sobre a súa etapa como fotoxornalista en Galicia

Ao longo da súa vida mantivo unha estreita relación con Galicia, a onde chegou xunto con Llorenç Soler para retratar as vivendas para familias xitanas construídas por César Portela e Pascuala Campos en Campañó (Poio). A presión policial obrigouna a marchar en 1979, cando regresa a unha Barcelona onde comeza a traballar na revista Actual. En 1984 entra na realización televisiva, eido no que se especializou en programación educativa e cultural. Foi profesora de fotoxornalismo na Escola Internacional de Fotografia Grisart de Barcelona.

O traballo fotográfico de Anna Turbau puxo o foco nas mulleres alí onde colocou o obxectivo da súa cámara

"Eu era a única muller fotógrafa que había. Daquela era algo novidoso. Era fotógrafa de conflitos e a policía víame coa cámara cada vez que pasaba algo. Eu facía o que tiña que facer e punto, que era o que faciamos homes e mulleres. Pero claro que acabei tendo problemas coa policía. Non cos compañeiros, que sempre me apoiaron. Pero todos os que traballamos naquel tempo temos claro que era a factura que tiñamos que pagar, simplemente, por estar alí facendo o que había que facer", asegurou Anna Turbau nunha entrevista con Praza.gal en decembro de 2017.

O traballo fotográfico de Anna Turbau puxo o foco nas mulleres alí onde colocou o obxectivo da súa cámara. Na obra que realizou en Galicia destacan as súas fotografías das mariscadoras, daquela xa loitando polo seu recoñecemento como traballadoras do mar; das mulleres traballadoras nas fábricas, as mulleres que participaron nas manifestacións contra a construción da AP-9 ou as mulleres que estaban ingresadas no hospital psiquiátrico de Conxo, grandes esquecidas. Algunhas destas fotografías aparecen no último filme de Margarita Ledo, Prefiro condenarme

Primeira edición do Festival do Mundo Celta. Ortigueira. A Coruña, 1978. Anna Turbau Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.