"Sagrario defendeu o dereito a querer e a que a queiran"

Margarita Ledo Andión no Festival de Cine Europeo de Sevilla © Atalante

Margarita Ledo estrea o filme Prefiro condenarme, no que conta a historia de Sagrario, unha muller que vogou pola igualdade na ditadura desde a convicción do seu dereito ao amor e ao desexo sen saberse feminista 

O momento no que unha película empeza a existir, para Margarita Ledo, é cando comezan as proxeccións. Di que ao seu cinema –pequeno, independente e en galego– hai que acompañalo. Esa experiencia de relación cos diferentes públicos forma parte do proceso de facer cine para Ledo que, liberada da etiqueta do cinema documental, abraza o concepto contemporáneo dos filmes de non ficción e as posibilidades de experimentación que lle brinda. Se xa viña percorrendo un camiño feminista e de clase no seu audiovisual, con Nación sublimou esa viaxe dende o poder colectivo das mulleres e agora, en Prefiro condenarme, explora a heroicidade dunha muller que vogou pola igualdade na ditadura desde a convicción do seu dereito ao amor e ao desexo.

“É unha historia de adulterio, que nos parece moi lonxana, pero que convoca asuntos tan vixentes como os malos tratos, e como non abordamos nunca que os afectos son algo que tamén nos iguala. Falamos de que non che paguen o mesmo por facer o mesmo traballo ou das dificultades no acceso á determinados espazos da formación para as mulleres, pero nunca se trata dos afectos e aí está unha das cuestións centrais dos feminicidios. Todo o que ten que ver co corpo, máis aínda co corpo das mulleres, está mal resolto porque é un dos espazos de auténtica negación: as relacións sexuais, o aborto, o adulteiro... A propiedade e a función reprodutora que se lle asigna ao corpo da muller trasládase ás faces do sistema e da política”, debulla a cineasta.

Iria Pinheiro, Melania Cruz e Mónica Camaño en 'Prefiro condenarme' © Atalante

Margarita Ledo Andión (Castro de Rei, 1951), catedrática en comunicación audiovisual, escritora, investigadora e cineasta, estreou Prefiro condenarme no Festival de Cine Europeo de Sevilla, onde recibiu unha mención do xurado da sección Las Nuevas Olas. O filme proxectouse no festival Cormorán da Coruña e no Cineuropa de Santiago, e chega ás salas este venres, 22 de novembro, cun pase especial nos cines Duplex de Ferrol, pois a maioría do filme foi rodado na comarca de Ferrolterra, onde estará a protagonista real da historia. A Coruña, A Estrada, Barcelona, Bilbao, Caldas de Reis, Lleida, Lugo, Madrid, Pamplona, Sant Feliu de Llobregat, Santiago de Compostela, Tenerife, Valencia, Valladolid e Vigo son as demais vilas e cidades nas que se pode ver.

Para Margarita Ledo, Sagrario "é unha Antígona e unha feminista sen sabelo"

A protagonista desta historia é Sagrario Ribela Fra, mariscadora da ría de Ferrol, que fixo valer as súas conviccións diante do seu marido maltratador durante a ditadura franquista e chegou a estar acusada de adúltera. Un xuízo que levou o Tribunal eclesiástico de Santiago de Compostela, que asume competencias civís, e que contra todo prognóstico a absolve dos cargos, condenando o marido a pasarlle unha pensión –que nunca chega– polos fillos. É o ano 1972 e falta case unha década para a lei do divorcio. "No fondo, Sagrario defendeu o dereito a querer e a que a queiran. Ela nunca se considerou vítima", salienta Margarita Ledo.

Para a cineasta, Sagrario “é unha Antígona e unha feminista sen sabelo”. Foi a través da filla, que tamén se chama Sagrario, como coñeceu a súa historia e desde o primeiro momento prendeu nela unha chama de interese. “O que me move para facer cine sempre é algo do real. Neste caso, o que máis me custou foi converter todo o material que tiña nunha obra, darlle forma; pero estou moi satisfeita co resultado final”, asegura.

Sagrario aceptou reunirse con Margarita Ledo en canto a filla llo propuxo, algo que a cineasta vincula moito con esa circunstancia de “non sentirse vítima”. “Viviu unha vida dura, de moito sufrimento. Intentou fuxir varias veces desa situación, como se podía fuxir, metendo terra por medio, pero non o consigue. Ela tivo que tirar adiante e defender as súas decisións nun sitio moi pequeno, Maniños, no Concello de Fene. Pero interesoume moito que aceptase tan rápido porque significaba que ela sabía que tiña algo que contar”, conta Ledo.

A sororidade en Prefiro condenarme comeza na propia concepción da película, pois Ledo busca “que non haxa xerarquías entre os propios materiais”. “Vou aos lugares, traballo con materiais reais e con arquivos, e con corpos que recollan esa experiencia, que neste caso son os corpos das actrices. Deuse unha relación amorosa cos espazos onde filmamos, coas actrices e mais Sagrario, con como se conseguen os arquivos... É unha verdadeira historia de amor”, destaca.

As actrices Mónica Camaño, Iria Pinheiro e Melania Cruz acompañan a Sagrario ao longo de toda a película, interpelándoa e interpretando á vez a súa historia

Mónica Camaño, Iria Pinheiro e Melania Cruz acompañan a Sagrario ao longo de toda a película, interpelándoa e interpretando á vez a súa historia. “Esas escenas das catro falando arredor dunha mesa, rodadas na cafetería á que Sagrario ía co seu amante, eran realmente un ensaio”, revela Ledo, como pasa noutros momentos do filme nos que se mestura a posta en escena do real coa presenza da protagonista visionando esas escenas. “Gústame ensinar moitos resortes que permitan, ao espectador que lle interese iso, ver como está construída a película”, agrega Ledo.

No filme ponse en valor “a escolla da luz fronte á caverna” que Sagrario fixo pola súa propia supervivencia e Margarita Ledo explica que na concepción do filme tamén vai “da escuridade á luz”. “Aínda sendo unha historia que ten esa parte tráxica, a luz acabou instalándose –sinala–. E penso que, en grande medida, vén da boa relación entre Sagrario e as actrices. O que a diferencia é que ela é unha Antígona que non escolle a caverna”.

“Para Antígona a única maneira de igualarse é na morte co seu irmán, porque na Grecia de Pericles –con todas as virtudes– as mulleres eran menos que os escravos. Antígona era unha muller filla de rei, pero as mulleres eran subalternas. O escravo podía chegar a liberarse, pero a muller nunca. Era eternamente negada. Entón, a única maneira que ela reclama é a lei non escrita, é dicir, ter dereito a ser cidadán”, apunta Ledo, pois esta concepción de Antígona inflúe moito no enfoque que finalmente ten Prefiro condenarme.

Parte do equipo da película no Festival de Cine Europeo de Sevilla © Atalante

Ledo presenta por primeira vez un filme centrado nunha persoa concreta e faino para abordar o amor como insubmisión, porque considera que moitas das violencias parten das relacións íntimas. “É necesario dar a coñecer os dereitos afectivos das mulleres. Por iso, interesábame unha historia persoal dunha muller de clase traballadora. Aquí falamos de desexo, desobediencia e clase social. É o indicador de que as cousas mudan, temos que ir á cerna de calquera sociedade, que está na explotación, porque aí é onde se manifesta a capacidade da gran transformación colectiva e de clase”, defende.

Despois de ver a película no pase do Festival de Sevilla, a filla de Sagrario comentou coa cineasta o preto que estiveran ela e os seus irmáns de acabar nun orfanato e a súa nai nun manicomio. Cantas mulleres foron ingresadas no psiquiátrico de Conxo pola súa familia, que nunca foi buscalas... “Temos que intervir porque por un tris podemos mudar as cousas”, sentencia a cineasta.

"Sagrario fala como muller e fala de si, pero ao facelo está falando de algo que nos atinxe a todas e a todos, á sociedade enteira"

Margarita Ledo confesa que lle produce moito medo a crenza que se está a espallar na sociedade de que as mulleres temos “dereitos de máis”. “Isto implica que, de novo, imos ser obxecto de maltrato en todos os sentidos”, denuncia a cineasta, consciente das “mil facianas” do patriarcado para colocar a súa mensaxe, máis aínda nun momento no que “o neoliberalismo precisa da extrema dereita”.

“O primeiro que agroma sempre é a acusación sobre as mulleres”, argumenta a catedrática da USC, que describe como esas acusacións, aínda que sexan mentiras, vanse incorporando ao corpus social a través dun sistema de ‘marketing feroz’ mentres as mulleres vanse encollendo de novo, porque volvemos sentir medo.

Ledo lembra como Stuart Hall lle dixo ás súas colegas nunha reunión “non faledes en nome da muller, falade como mulleres”. De aí a idea do persoal no político, non só o persoal é político. Todo isto, que agora o digo con toda normalidade, significa que hai que falar dende dentro, meténdote na situación, que é cando podes falar da organización das mulleres. “Sagrario fala como muller e fala de si, pero ao facelo está falando de algo que nos atinxe a todas e a todos, á sociedade enteira”, salienta.

Mariscadoras no filme de Margarita Ledo © Atalante

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.