ANOTAMENTOS DESDE A PRODUCIÓN
Eva, Nieves, Lauriña, Nut, Heydi, Lela, Ester, Carmen, Xoana, Mónica... a sorte de Nación e a súa futura estrea é a luz destas mulleres, mulleres que sobordan a cerca, varias xeracións unidas cun fin que son moitos pero que mantén unha idea colectiva no pasado , presente e futuro : ser cidadás de plenos dereitos.
Un filme de Non Ficción que se estreará en salas comerciais de todas as cidades agora no 2021. A data escollida sempre foi o 5 de marzo, efemérides do 8M. Esperamos que esta pandemia que o invade todo nolo permita.
Un filme con actrices profesionais e non profesionais que contan historias reais sempre desde a ficción, que se mesturan sen saber que parte é real é que parte non.
Un filme documental onde cada arquivo, cada material escollido, cada segundo ten relación co resto do filme. Un traballo de documentación de moitos anos da súa autora e que levaría ao guión definitivo de Margarita Ledo.
Unha directora e guionista que fai cinema militante, que crea películas co fin de que perduren, é de crer firmemente que o cine é unha arte que vai máis alá das emocións, que busca deixar pegada e transmitir mensaxe.
Unha mensaxe empoderadora, unha historia que acontece unha e outra vez na vida real pero que poucas veces se conta desde o punto de vista das mulleres. Unha loita de clases e de xénero, unha historia dentro de moitas historias.
Un reparto de luxo, Mónica Camaño , actriz que sae en todos os filmes de Margarita Ledo e que colabora nunha parte do guión e Mónica de Nut, que xogan ao real e a ficción coas mulleres da fábrica Pontesa. Mulleres, as da Pontesa, que se estrean no traballo de actrices de maneira excepcional, con moita preparación e tempos vividos coa directora, unha demostración de profesionalidade das ex-traballadoras dunha fábrica que pechou, como tantas outras, deixando a deber indemnizacións e salarios. Mulleres que sobordaron a cerca e que agora se fan actrices.
Unha Música e un tratamento de son impresicndíbeis para o filme. Mercedes Peón é arte e vese neste filme. Ledo e Peón traballan xuntas, cren a unha na outra, transmiten o mesmo en diferentes eidos, fanse únicas, máis unha vez, cando o fan xuntas.
O exemplo de que todos os elementos son necesarios para que un filme fique na memoria e na historia.
Unha produción traballada, coidada, con voz de muller (tamén) onde todos os escenarios son en lugares reais, por todo o país: unha illa na costa da Morte, unha granxa e unha Fraga na Terra Chá, cerámicas do Castro en Sada, rega do Millo en Noalla (Salnés) e un Soutomaior e Pontevedra que son o escenario real do acontecido na Pontesa. Unha fábrica gravada por primeira vez desde o peche e onde até daquela tiñan prohibido entrar as mulleres que traballaron nela. Unha equipa que percorreu un país e que o fixo crendo nunha historia, nunha película necesaria. Un traballo de produción no que a profesionalidade, o corazón, os imprevistos solvéntanse porque todo ten que saír ben nos tempos marcados, nos sets que se movían cada día polo país. Un filme que lle foi outorgado o distintivo do ICAA de “fomento de la Igualdad de Género”
Unha directora e guionista, unha cineasta que vai alén do cine, que conseguiu neste traballo premio á mellor dirección en Sevilla e coincidiu co premio Cineuropa á súa carreira, que mestura todo o seu coñecemento audiovisual para sacar un proxecto colectivo. Unha sorte contar con ela e a súa confianza no que fai e, tamén, na equipa coa que traballa, maioría mulleres e referentes xa do cinema como Anxos Fazáns, Silvia Fuentes... filme onde o feminino o cubre todo. Algunha excepción: un director de fotografía, Alberte Branco, que traballa desde a experiencia e nunha película que o alonxa das marxes do convencional, con materiais diferentes pero que teñen nesta ocasión que encadrar.
Unha montaxe excepcional, cun Marcos Flórez na dirección desta etapa e unha posprodución de Son que suma, que envolve sempre á mellor imaxe, o mellor plano, a mellor secuencia, o mellor material de arquivo.
E unha esfinxe, Eva Veiga a poeta, con ela comeza unha “Nación” de mulleres libres. E xa por último, dicirvos que estreamos en marzo, ide ás salas.
Desexando falarvos dela, que faledes dela. De momento nada de spoilers pero... permitídeme que o diga, agora que chegastes ao final porque quizais eu non debería facelo mais así o sinto e así reafirmo o pensamento: Margarita é unha das imprescindíbeis, imprescindíbeis dunha Nación que precisa de moito traballo, de avanzar moitos camiños e de que o cinema tamén estea preparado para sobordar a cerca. E niso, agora vou ao que me toca, de todos os mundos nos que vivo e constrúo que puidera participar co meu traballo nunha produción no que se mesturan tantas cousas que o fan especial é sempre un orgullo, facelo desde a humildade pero coa cabeza alta de saber do esforzo que supón un filme de baixo orzamento pero que está feito desde a calidade e desde a memoria que aposta polo futuro é unha sorte que che leva a querer seguir camiñando e abrindo paso.