O documentalista valenciano Llorenç Soler finou este martes aos 86 anos de idade. Décadas de traballo convertérono nun dos grandes referentes do documental social e independente no Estado na segunda metade do século XX.
Nos anos sesenta comezou a realizar documentais poñendo o foco nos problemas que sufrían minorías marxinadas ou en conflitos sociais abertos en distintos puntos do Estado. Así chegaron, por exemplo “Será tu tierra”, “El largo viaje hacia la ira” ou “52 domingos”, centrados todos eles na vida de traballadores que emigraran a Barcelona e que sufrían duras condicións laborais e de vida. E tamén "D’un temps, d’un pais", sobre o cantautor Raimon.
Autopista, unha navallada na nosa terra recolleu as mobilizacións contra a construción da autoestrada AP9
Nos anos seguintes o seu destino uniuse a Galicia de forma moi importante, pois realizou varios traballos no noso país, comezando pola filmación do I Seminario de Arquitectura en Compostela en 1976. Dese ano é tamén Gitanos sin romancero, un documental sobre o asentamento xitano do Vao, en Pontevedra.
As súas dúas obras máis coñecidas en Galicia chegarían en 1977, ano no que recolleu coa súa cámara varios conflitos que estaban a ter un gran impacto social e medioambiental. O primeiro foi Autopista, unha navallada na nosa terra, que recolleu as mobilizacións contra a construción da autoestrada AP9, que nun comezo se planificou con moi poucos pasos entre as dúas beiras e con moi cativas compensacións económicas aos propietarios de terras afectados.
De 1978 é O Monte é noso, un documental sobre a defensa do monte en man común en Galicia
O segundo foi O Monte é noso, un documental sobre a defensa do monte en man común en Galicia. O filme foi producido pola Coordinadora de Montes Comunais en 1978 e recolle tamén o intenso proceso de eucaliptización do monte que se viviu nesa década, ademais da loita das comunidades por recuperar os montes que nos anos anteriores lles estaban sendo arrebatados. Soler realizou tamén un documental sobre 'O alcoholismo en Galicia' e o filme Antisalmo, que tamén inclúe imaxes gravadas en Galicia.
Ademais, durante o proceso de Transición política realizou o documental 'Votad, votad malditos', con imaxes da campaña electoral e da xornada de votacións das primeiras eleccións democráticas de 1977. Nos anos seguintes, Soler mantivo a súa traxectoria de compromiso político con “Cada tarde a las cinco” (1989), "Ciudadanos bajo sospecha" (1992) ou "Francesc y Luis" (1992), centradas respectivamente na problemática obreira, da poboación inmigrante e dos homosexuais.
En 2009 realiza "La mirada de Anna" (2009), relato sobre Anna Turbau, coa que compartiu experiencia fotográfica na Galicia da Transición
Así mesmo, en 1998 leva a cabo a súa primeira longametraxe de ficción, "Said", centrada na vida dun inmigrante ilegal marroquí en Barcelona. En 2000 realizou o documental “Francisco Boix, un fotógrafo en el infierno”, retrato deste fotógrafo que recolleu coa súa cámara a realidade do campo de concentración nazi de Mauthausen. En 2009 leva a cabo "La mirada de Anna" (2009), relato sobre Anna Turbau, compañeira coa que compartiu experiencia fotográfica na Galicia da Transición.