Anna Turbau: “Cando cheguei, Galicia era unha batalla permanente. Non era, para nada, un pobo pasivo”

Obras na AP-9. Piquetes de Guísamo, 1977. © Anna Turbau

Atopeime coa realidade galega case por casualidade. Eran os principios dos setenta. Os movementos populares xurdían cunha forza que coincidía coa miña. O seu obxectivo era o meu, tanto vital como político. E alí quedei. Os tópicos sobre Galicia derrubáronse logo dunha historia repleta de silencio e sufrimento. O meu traballo era moi claro, saltar as barreiras do caciquismo, a censura e a represión policial”. Así falaba a fotógrafa catalá Anna Turbau nunha entrevista coa profesora Rebeca Pardo no 2012. Estas palabras súas, tan definitorias do que foi o seu labor no noso país naquel tempo, están recollidas en varios dos artigos do catálogo Anna Turbau. Galicia 1975-1979, a publicación que acompaña a exposición A intimidade da imaxe, organizada polo Consello da Cultura, que pode verse ata o próximo 16 de xaneiro no Colexio de Fonseca.

“O meu traballo era moi claro, saltar as barreiras do caciquismo, a censura e a represión policial”

Turbau, un dos grandes nomes do fotoxornalismo da Transición, chegou a Galiza sendo moi nova, no 1975, para facer unha reportaxe sobre as vivendas deseñadas polos arquitectos César Portela e Pascuala Campos para as familias xitanas de O Vao, Poio, Pontevedra. Instalouse durante quince días co seu compañeiro, o realizador Llorenç Soler, na caseta de obras, desde onde a convivencia diaria coa comunidade cigana lle deu unha perspectiva que fixo único o seu traballo alí realizado, e que anunciará o que virá despois, ata 1979. Porque por aquí quedou, sen nun principio agardalo e, como ela mesma di, “penso que atinei”. Turbau vén de cederlle ao Consello da Cultura máis de 10.000 negativos do seu arquivo desa época que volven, así, ao lugar onde naceron corenta anos despois. Unha escolma deles conforma a mostra A intimidade da imaxe, comisariada por Margarita Ledo.

Anna Turbau coñecera a César Portela a través do tamén arquitecto Salvador Tarragó, para o que fixera antes unha serie de fotografías de corte social no distrito de Ciutat Vella de Barcelona, onde vivía. Estudara Deseño Gráfico, pero xa antes de chegar a Galiza fora decatándose de que a súa era unha vocación máis xornalística. O seu traballo, daquela, tratou de reflectir o estado das vivendas e as condicións de vida da veciñanza que habitaba a cidade vella. Cando chegou ao Vao, sabía ben xa o que quería facer. “Alí había” -lembra- “unha muller, unha matriarca, que se chamaba Odila. Unha persoa moi intelixente e con grande capacidade de comunicación. Penso que foi a empatía entre nós o que me abriu as portas”, explica, en declaracións a PRAZA.

“Había no Vao unha muller, unha matriarca, que se chamaba Odila. Unha persoa moi intelixente. Penso que foi a empatía entre nós o que me abriu as portas”

O seu traballo no Vao e a súa amizade con César Portela facilitáronlle o contacto coa Coordinadora Nacional de Afectados pola Autoestrada do Atlántico e coas loitas pola recuperación dos montes comunais. Iniciábase, así, o seu -inmenso- labor de documentación das mobilizacións dos movementos sociais galegos da época. “Chegabas a Galicia coa idea de que era un pobo moi bonito, que o é, no que se comía moi ben. Unha serie de tópicos, pero cando comezabas a coñecer a realidade descubrías unha historia completamente diferente. Uns movementos sociais moi importantes: as loitas contra o trazado da autoestrada, polos montes comunais, polos dereitos laborais en Ascón… Cando cheguei, estaba todo por facer e Galicia era unha batalla permanente. Non era, para nada, un pobo pasivo. Era un pobo moi activo que pelexaba polos seus dereitos”, indica.

“Cando comezabas a coñecer a realidade descubrías unha historia completamente diferente dos tópicos. Uns movementos sociais moi importantes”

O catálogo Anna Turbau. Galicia 1975-1979, editado por Natalia Poncela, recolle boa parte das imaxes máis icónicas daquel tempo. As mobilizacións contra as consecuencias sociais, económicas e ambientais da construción da autoestrada do Atlántico -con fotografías de rotunda potencia expresiva, como as que recollen o protagonismo das mulleres, enfrontándose aos grises, nos piquetes de Guísamo-; as protestas da Coordinadora para a recuperación dos montes comunais; as manifestacións en apoio aos traballadores de Astano e Bazán en Ferrol e Ascón en Vigo ou as convocada no 1978 pola Asociación Galega da Muller tras a violación de tres nenas nesta mesma cidade; as protestas paralelas ao acto de asunción do cargo de presidente na Xunta preautonómica por parte de Antonio Rosón; a conmemoración, no 1978, do Estatuto de Autonomía do 1936, a manifestación pro-autonomía do 4 de decembro do 1979 en Vigo; o primeiro atentado mortal dos GRAPO; as marchas polo Día da Patria ou as eleccións municipais do 1979.

Mais a documentación de todas aquelas mobilizacións sociais e políticas tiña que amolar ao poder. “Eu era a única muller fotógrafa que había. Daquela era algo novidoso. Era fotógrafa de conflitos e a policía víame coa cámara cada vez que pasaba algo. Eu facía o que tiña que facer e punto, que era o que faciamos homes e mulleres. Pero claro que acabei tendo problemas coa policía. Non cos compañeiros, que sempre me apoiaron. Pero todos os que traballamos naquel tempo temos claro que era a factura que tiñamos que pagar, simplemente, por estar alí facendo o que había que facer”, asegura.

“Eu era a única muller fotógrafa que había. Daquela era algo novidoso. Era fotógrafa de conflitos e a policía víame coa cámara cada vez que pasaba algo”

O 31 de xaneiro de 1978 afundiuse o buque Marbel. Faleceron 27 persoas naquela traxedia no mar -unha de tantas en Galicia-. E Anna Turbau acompañou as familiares dos afectados durante a deriva e afundimento deste pesqueiro nas Cíes. Escolleu fotografalas a elas, segundo explica, para evitar un enfoque “morboso”. Mais esta serie é unha mostra máis, das moitas que se perciben no seu traballo, da conexión especial que tiña e ten coas mulleres. “É algo do que eu mesma non me decatara pero, revisando o meu traballo, vin que nas miñas fotos saían moitas máis mulleres que homes. Eu viña de Barcelona e atopeime con aquel rural galego tan duro, con aquelas mulleres que conseguían sobrevivir soas naquela sociedade caciquil, porque os seus maridos ou morreran na guerra, ou emigraran… Pero é que ademais as mulleres tiñan un rol moi activo nos conflitos sociais. As mulleres galegas -todas as mulleres- son tan potentes… En Galicia vía mulleres fortes, loitadoras... Tamén ten que ver, supoño, coa miña propia historia. Eu viña dunha familia moi marcada pola represión franquista e o silencio. Iso axudoume a aprender a abrir os ollos”, sostén.

"As mulleres galegas -todas as mulleres- son tan potentes… En Galicia vía mulleres fortes, loitadoras..."

O traballo desta fotógrafa caracterizouse ademais, segundo salienta Rebeca Pardo no catálogo Anna Turbau: Galicia 1975-1979 por un “documentalismo humanista directo”, nado, en parte da resposta ás imaxes “estandarizadas, anódinas e repetitivas do franquismo”. Exemplo deste xeito de entender o traballo sería o traballo de Turbau no psiquiátrico de Conxo. A propia Turbau lembra, desta serie, que “non se podía entrar nos psiquiátricos. Eu conseguino a través dun médico e estiven só como unha hora. Fun facendo unha sorte de travelling visual do que atopei. Case non había luz. Alí estaba unha nena duns 14 anos cunha discapacidade psíquica que sempre ía coa súa boneca, ou mulleres que eu vía gordas, cousa que me sorprendía porque moito non comían. Despois decateime de que estaban embarazadas…”.

“En Conxo case non había luz. Alí estaba unha nena duns 14 anos cunha discapacidade psíquica que sempre ía coa súa boneca, ou mulleres que eu vía gordas. Despois decateime de que estaban embarazadas”

En confluencia con Pardo, Cristina Zelich subliña no mesmo catálogo que o traballo de Turbau pode enmarcarse na renovación da fotografía española nos 70. Os fotógrafos que se interesaron polo rural -indica Zelich- “fotografaron unha realidade que estaba lonxe de se adecuar á iconografía oficial, estereotipada e centrada no pintoresquismo que se difundira durante o franquismo. Herdeiros, en certo modo, do realismo humanista dos fotógrafos da xeración anterior, o que distingue estes daqueles é a súa mirada, afastada dos tópicos neorrealistas, marcada por unha franqueza -poderiamos mesmo falar de dureza en determinadas ocasións- non exenta nalgúns casos de ironía, coa súa forma directa de observar e documentar a realidade fuxindo de poéticas edulcoradas”.

Preguntada por esta cuestión, Turbau foxe de discursos teóricos sobre o seu propio traballo. “En verdade” -afirma- “sempre fun autodidacta. Na miña xeración non había escolas. Eu fotografaba o que vivía. Tiña vinte e pico anos, ademais. Agora, se teño que facer unha foto xa sei ben como facer. Pero daquela era máis botar a antena, co obxectivo de facer fotos do que pasaba, naquela España na que tentaban enganarnos e agochar a realidade”. 

“Na miña xeración non había escolas. Eu fotografaba o que vía”

Turbau instalouse, tras decidir ficar un tempo en Galiza, en Santiago, desde onde colaboraba coas publicacións Interviú e Primera plana. Mais o seu legado non inclúe só, tal como salienta Zelich, imaxes dos movementos populares ou das protestas sindicais, senón que “tamén investigou coa súa cámara a realidade rural, as festas e romarías, o traballo das mariscadoras ou o universo dos curandeiros”, sendo estas obras as que entroncan mellor co “novo documentalismo xurdido en España na metade dos setenta”, con Cristina García Rodero entre os seus representantes.  A autora permaneceu en Galiza, de xeito máis ou menos continuado, entre o 1975 e 1979. De cando en vez retornaba a Barcelona, até que tivo que facelo dun xeito máis definitivo cando a presión da policía chegou ao límite. E foi difícil, para ela, adaptarse á súa nova contorna profesional. “En Galicia sempre me sentín moi libre no aspecto profesional. En Cataluña non. Nin daquela, nin despois nin hoxe. Como dicía antes, paguei un prezo por facer o meu traballo. Pero volvería pagalo contenta”, conclúe.

Anna Turbau con Ramón Villares, na presentación do catálogo Dominio Público Praza Pública
Hospital Psiquiátrico de Conxo. Santiago de Compostela, 1977. Dominio Público Praza Pública
Primeira edición do Festival do Mundo Celta. Ortigueira. A Coruña, 1978. Dominio Público Praza Pública
Obdulia, a meiga do pasteco (Pax Tecum). Tomeza, Pontevedra, 1977. © Anna Turbau

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.