Un coloquio audiovisual ao redor de Begoña Caamaño da man de Ponte nas Ondas

De esquerda a dereita: José Manuel Diego, María Xosé Porteiro, Uxía Senlle, Bea Caamaño e Irma Silva © PNO

A conversa, estruturada en catro episodios temáticos, está moderada polo xornalista José Manuel Diego, e conta coa participación da irmá da escritora, Bea Caamaño, da cantante Uxía e da xornalista María Xosé Porteiro, así como da vicedirectora do IES Alexandre Bóveda, Irma Silva

A menos dun mes da celebración do Día das Letras Galegas dedicado a Begoña Caamaño, a Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte nas Ondas! vén de lanzar unha serie audiovisual en catro episodios dedicada á súa figura. Trátase dun "coloquio íntimo e plural" que percorre a traxectoria vital, profesional e literaria da xornalista e escritora e que xa se pode ver na web e na canle de Youtube da entidade.

A conversa está moderada polo xornalista José Manuel Diego, e conta coa participación da irmá da escritora, Bea Caamaño, da cantante Uxía e da xornalista María Xosé Porteiro, así como da vicedirectora do IES Alexandre Bóveda, Irma Silva, integrante de Ponte... nas Ondas! (PNO!). Precisamente nese centro, no que a propia Caamaño estudou no barrio de Coia (Vigo), é onde se desenvolveu o coloquio, que está estruturada en catro bloques temáticos: A radio, Xornalismo e pedagoxía, Portugal e Andando a Terra.

A conversa pon sobre todo en valor a súa faceta pedagóxica, “presente de maneira transversal en toda a súa obra”, tanto xornalística como literaria

A conversa pon sobre todo en valor a súa faceta pedagóxica, “presente de maneira transversal en toda a súa obra”, tanto xornalística como literaria, e que a presenta como un “exemplo marabilloso dos valores que inspiran a actividade de PNO!”, destaca a entidade.

O primeiro episodio, “A radio”, aborda a chegada de Caamaño ao medio radiofónico, case por casualidade: formada inicialmente para a docencia, descubriría a súa verdadeira vocación en Radio Noroeste, iniciando así 
unha traxectoria marcada pola paixón polo xornalismo e, especialmente, pola radio. 

O coloquio levouse a cabo no IES Alexandre Bóveda do barrio de Coia (Vigo), onde estudou a propia Begoña Caamaño

O segundo capítulo, “Xornalismo e pedagoxía”, afonda na dimensión pedagóxica tanto da súa obra xornalística como literaria, subliñando a súa capacidade para divulgar, formar e xerar pensamento crítico a través da palabra. 

No terceiro episodio, “Portugal”, explóranse os vínculos da autora co país veciño, e o cuarto e último capítulo, “Andando a Terra”, céntrase no emblemático programa cultural que dirixiu na Radio Galega, "destacando as súas afinidades co labor actual de Ponte... nas Ondas! na recuperación e difusión do patrimonio cultural inmaterial". 

Neste bloque tamén se introduce a dimensión internacional do seu legado, cunha referencia á experiencia de Caamaño en China e ás conexións persoais e culturais co país asiático, así como ao papel de Ponte nas Ondas! na futura plataforma da UNESCO sobre boas prácticas en patrimonio inmaterial, que será presentada neste mesmo ano en Xiamén (China).

De esquerda a dereita: José Manuel Diego, María Xosé Porteiro, Uxía Senlle, Bea Caamaño e Irma Silva © PNO!

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.