"Na súa loita contra a droga -explican as comisarias- as nais ampliaron os límites dos marcos da protesta, puxeron o corpo para encarnar, interpretar e sinalar o que ata daquela estaba oculto", destacan as comisarias da mostra, que abre no MARCO ata xuño
Chámanse Érguete, pero tamén son con orgullo as nais contra a droga. Son o colectivo de mulleres que en 1985 decidiron unirse para rachar o muro da vergoña e sinalar os narcotraficantes que, advertiron, eran os responsables últimos das adiccións que padecían os seus fillos.
Corenta anos despois, a loita de Érguete segue viva no traballo e o labor social cotián da propia organización. Máis tamén está agora plasmado nunha exposición no Museo de Arte Contemporánea de Vigo, o MARCO, dende este 28 de febreiro e ata o 8 de xuño. A pegada das nais foi "un berro que cambiou a sociedade", evidencia o propio título da mostra, comisariada por Violeta Janeiro Alfageme e Mariña Carrasco Rivas.
A exposición ten moito de lembranza, pero outro tanto de interpretación do momento histórico en que xurdiu Érguete. Así, no MARCO atopamos unha escolma de documentos, fotografías dos principais xornais que retrataron as súas protestas contra os narcos e tamén as emblemáticas pancartas coas que racharon o silencio en momentos clave como a mobilización contra Laureano Oubiña ante o Pazo de Baión.
Fotografías, pancartas e documentos da asociación dialogan na mostra coa creación de once artistas contemporáneas
Porque "na súa loita contra a droga -explican as comisarias- as nais ampliaron os límites dos marcos da protesta", dende plantarse fronte ao pazo a "irromper nos portos pesqueiros para denunciar a quen transportaba cocaína", "fixeron visible a súa realidade a través dun cancioneiro" ou protestaron ante "bares e supermercados onde se comercializaban estupefacientes". Ao cabo, "puxeron o corpo para encarnar, interpretar e sinalar o que ata daquela estaba oculto".
Xunto á documentación que "reactiva a memoria social colectiva", a exposición polo cuadraxésimo aniversario de Érguete fai dialogar estes materiais históricos coa obra de once artistas. Teñen como ligazón "traballaren sobre a estigmatización tanto da muller coma dos corpos doentes, abordando estas problemáticas desde distintas perspectivas e linguaxes visuais".
Así, os corenta anos de Érguete son interpretados a través da fotografía de Anna Turbau, das creacións de Elvira Martínez Villa na Estampa Popular Galega, a pintura de Bea Rey ou a serie de espellos cóncavos e convexos de Ana Vieira. Maribel Domènech, Eugènia Balcells, Cecilia Barriga, Javier Codesal, Jana Leo, Alejandra Pombo Su e Paula Santomé están tamén presentes co seu traballo artístico que, a través de diversas linguaxes e soportes, "dan forma ao contexto político e social" da loita de Érguete.