Todos narcos?: 'Clanes' e 'Fariña', dúas series que contan Galicia

Unha escena da serie 'Clanes' na que desembarcan un alixo de droga na costa galega © Jaime Olmedo / Vaca Films

Tamar Novas, Cris Iglesias e Xosé A. Touriñán comparten a súa experiencia nestas series que acadaron unha gran repercusión. "Converter todo iso en linguaxe popular, en algo que te identifique, é verdade que non é para nada positivo, pero é o que hai"

Máis alá do xornalismo, é a ficción audiovisual quen está a colocar as historias derivadas do tráfico de drogas en Galicia no debate público. “Creo que é bo non varrer a merda toda para debaixo da alfombra, hai que ir abrindo as fiestras e sacando todo iso de aí. E contalo, sobre todo, contalo. Pódese contar de moitas maneiras, converter todo iso en linguaxe popular, en algo que te identifique, é verdade que non é para nada positivo, pero é o que hai. Creo que contar cousas reais é algo que nos atrae a todos como espectadores”, asegura o actor Xosé A. Touriñán.

“Levamos toda a vida vendo películas de Hollywood coas mafias dos italianos ou dos irlandeses, e que nós poidamos facer ficción dun tema que acontece aquí, cando parecía que era un tabú, que non se podía sacar en ningures e estaba escondido... Pois prefiro mil veces que se fale, que se conte e que xere historias porque é real. Está pasando”, engade Touriñán, que participa en dúas series clave para entender a maneira actual de contar o narcotráfico desde Galicia: Fariña e Clanes.

Esta mesma semana, unha operación antidroga conxunta entre a Policía Nacional e Vixilancia Aduaneira saldouse con nove detidos na Illa de Arousa, Carballo, Carnota, Cee, Coristanco e Fisterra, dos cales catro permanecen en prisión provisional, comunicada e sen fianza e cinco quedaron en liberdade con obriga de comparecer cada quince días no xulgado e retirada de pasaporte. Todos investigados por delitos contra a saúde pública por presuntamente participar no tráfico de drogas, a gran e pequena escala, con substancias como a cocaína e o haxix.

Tamar Novas nas series 'Fariña' e 'Clanes', onde comparte protagonismo con Clara Lago © Bambú Producciones/Vaca Films Montaxe:Praza.gal

“O rol do contrabandista e, máis concretamente, do narco, vén sendo unha constante no paradigma de representación dos galegos –e utilizo acó o masculino de forma consciente, porque nos máis dos casos son papeis representados por homes– no ámbito audiovisual en xeral, tanto nas longametraxes cinematográficas como nas series, e tanto nas producións galegas como naquelas con capital e equipos maioritariamente foráneos”, explica Silvia Roca Baamonde, xornalista e investigadora colaboradora do Grupo de Estudos Audiovisuais da Universidade de Santiago de Compostela.

Silvia Roca destaca que as ficcións de narcos, en xeral, empregan "un retrato do pobo galego marcado por un status socioeconómico e nivel educativo medio-baixo, con escasas posibilidades de mellora e unha notoria desafección política"

Series como Clanes (2024), Operación Marea Negra (2022), Fariña (2018) e Vivir sin permiso (2018), ou o filme Quien a hierro mata (2019), son exemplos recentes da narrativa audiovisual sobre o narcotráfico en Galicia. Sen dúbida, foi a ficción Fariña, de Bambú Producciones e baseada no libro homónimo do xornalista Nacho Carretero, a que marcou un antes e un despois tanto na audiencia como na repercusión social. A serie mantivo cotas de público arredor do 40% en Galicia durante a súa emisión en Antena 3 e despois converteuse nun fenómeno internacional desde a plataforma Netflix. Pero non só iso, chegou a ser motivo de debate no Parlamento.

Silvia Roca Baamonde lembra que xa houbera casos de éxito previamente en series da TVG como Matalobos (2009-2013), ou en películas como Todo es silencio (2012), Heroína (2005) e mesmo Airbag (1997), “sen esquecer Continental (1989), un filme que formou parte de CineGalicia, aquel evento co que o cinema galego reivindicaba, a piques de entrar na década dos noventa, un espazo de seu”.

Non sempre se trata de historias reais, hai casos de pura ficción e outros, quizá unha maioría, mesturan ambas en diferentes doses. “Batemos con exemplos que cando menos tocan as consecuencias sociais do narcotráfico e as que redundan case que exclusivamente na romantización do narco, pero coido que, moitas delas si empregan como contexto, e por veces como argumento, un retrato do pobo galego marcado por un status socioeconómico e nivel educativo medio-baixo, con escasas posibilidades de mellora e unha notoria desafección política”, argumenta a investigadora, autora da tese A representación do pobo galego a través da creación de personaxes de ficción das longametraxes cinematográficas.

Cris Iglesias como sobriña de narco en 'Fariña' e como inspectora de policía en 'Clanes' © Bambú Producciones/Vaca Films Montaxe:Praza.gal

Segundo detalla Roca Baamonde, esta caracterización xa era unha constante no cinema feito en Galicia nos anos noventa e “conecta cun paradigma representacional do pobo galego que xa fora estabelecido a través da literatura e outros medios e que incide en temáticas vencelladas ao subdesenvolvemento económico e cultural, ao ruralismo e á servidume, ao inmobilismo e á indiferenza política, ao caciquismo e ao contrabando”.

Clanes permaneceu once semanas entre as series máis vistas de Netflix no Estado español, un logro normalmente ao alcance de proxectos internacionais de maior envergadura ou de series que van estreando os seus capítulos semanalmente, algo que non sucedeu coa produción de Vaca Films e Netflix, que puxo ao dispor do público os seus sete episodios á vez. Esta ficción inspírase, entre outras historias, na relación entre a avogada Tania Varela e David Pérez Lago, fillo do narco Laureano Oubiña e Esther Lago.

"Paréceme ben que a xente se moleste porque pareza que somos así todos; vale, pois a ver se somos capaces de deixar de selo. Saiamos á rúa para que todos os que están facendo negocio con iso deixen de facelo", di Touriñán

O actor Tamar Novas, que tamén interpreta papeis de narco en Fariña e Clanes, define esta última como unha historia “sobre vinganzas, busca de identidades e familias, enmarcada nun ecosistema con relacións mafiosas no que a droga está presente porque é a materia prima coa que se lucra moita xente”. 

“Creo que o máis universal non é tanto o narcotráfico, se non este sistema no que estamos que fai que onde se moven cartos pasen moitas cousas atractivas para mirar desde o punto de vista social. Historias que ao final teñen que ver coa vida e a morte, coas vinganzas, co poder... De feito, penso que Clanes fala máis diso, pero o estigma do narcotráfico ímolo ter mentres siga sucedendo (e non só en Galicia). O que estaría ben sería ter ollos para analizar como afecta a Galicia que iso pase, máis aló de como sexa cada historia concreta”, razoa Novas. “Encántanos ver aos malos, contaba Carlos Blanco na primeira parte de Somos Criminais que nos interesa máis a historia de Sito Miñanco que a de San Juan de la Cruz, e iso non é un problema noso, en todo caso será un problema da sociedade en xeral”, apunta Xosé A. Touriñán.

Xosé A. Touriñán nos seus papeis en 'Fariña' e 'Clanes' © Bambú Producciones/Vaca Films Montaxe:Praza.gal

“É que parecemos todos narcos” é a crítica máis repetida nas redes sociais a raíz do éxito internacional destas dúas series. Touriñán defende que é un síntoma de boa saúde da industria audiovisual galega que se conten estas historias, tamén as máis escuras e truculentas: “Se alguén se sinte identificado co do narcotráfico... eu non o sinto porque teño claro que non o son. Tamén vexo As Bestas e non penso que porque un tío veña vivir á miña aldea ímolo matar. Ou Rapa, a xente non mata máis en Ferrol ou en Cedeira. Vivimos nun lugar pegados ao mar e a droga vén do lado de Colombia, quedámoslle ben situados; en Huesca igual é máis difícil rodar algo de narcos. Paréceme ben que a xente se moleste porque pareza que somos así todos; vale, pois a ver se somos capaces de deixar de selo. Saiamos á rúa para que todos os que están facendo negocio con iso deixen de facelo. Contar isto desde o audiovisual é unha maneira de denuncialo tamén. Nós facemos entretemento e ficción e comprendo que a xente se enfade porque é certo, e é normal que nos pareza mal porque non somos todos narcos”.

"Vexo que todo o mundo destaca a verdade coa que intentamos traballar as actrices e actores galegos, ao final somos xente conectada coa terra e coa realidade destas historias", salienta Cris Iglesias

O presidente da Academia Galega do Audiovisual, Álvaro Pérez Becerra, observa con preocupación esas críticas xenéricas que sitúan o narcotráfico no centro do relato do audiovisual galego e pregúntase: “De que forma queremos contar Galicia? Queremos contar Galicia como unha postal? Como un sitio verde, fermoso, con mar e montaña, onde todo marabilloso? Pois ao mellor hai que contar Galicia tamén a través de historias como as que pasan en Rapa, onde hai moito de infraestrutura militar e do que é realmente a cidade de Ferrol, ou como en Cuñados coa vida no Ribeiro en Ourense. Eu sería máis partidario de pensar como é o país real e como o trasladamos, a centrarnos en que só queremos vender a Galicia idílica. Non sei, o país é bastante máis complexo que esa postal á que moitas veces nos referimos”.

“Se eu participei nunhas quince producións en Galicia, entre películas e series, as dúas que realmente teñen que ver co narcotráfico son Clanes e Fariña. Entón, na miña experiencia persoal, a porcentaxe de historias sobre o narcotráfico non me parece desmesurada. Entendo as críticas, pero as historias do narcotráfico está claro que funcionan. Comprendo que a alguén lle poida molestar que a imaxe do noso país –aínda que non sexa a nosa culpa– saia vinculada con estes temas e que sexan estas historias as que pareza que máis chegan fóra, pero non sei se ten moito percorrido esa crítica porque hai moitísimas outras historias que se contan do noso país”, debulla Tamar Novas, para engadir: “Se hai este problema, canto máis o contemos mellor”.

“Para min foi moi enriquecedor facer Fariña, como actriz sempre investigas sobre o que vas interpretar e, neste caso, falei con moita xente do tema. Creo que para a miña xeración esta historia non era coñecida e foi moi interesante porque realmente estaba moi silenciada. É importante situalo e contalo para entender tamén como funciona a nosa sociedade. Fariña é ficción, certo, pero o que conta segue pasando. Que pasa coa nosa sociedade? A ficción ten moito poder de reflexión e creo que o espectador e a espectadora a aprecian cada vez máis”, conta Cris Iglesias.

Carteis de 'Fariña' e 'Clanes' para o mercado internacional CC-BY-SA Montaxe:Praza.gal

Tamar Novas fai fincapé no alto nivel dos técnicos do audiovisual e vincúlao cos que se formaron traballando para a Televisión de Galicia: "Estaría ben que iso non deixase de suceder e que as produtoras galegas teñan esa oportunidade na TVG"

Para a actriz coruñesa resulta esencial que se coñeza esta historia máis alá das nosas fronteiras, pero tamén a maneira de traballar das actrices e actores galegos. “Vexo que todo o mundo destaca a verdade coa que intentamos traballar, ao final somos xente conectada coa terra e coa realidade destas historias. En Fariña eramos un equipo artístico galego de diferentes xeracións e unímonos moito para sacar o proxecto adiante. Lembro con moito agarimo aquela unión, eramos moi conscientes de que estabamos contando por primeira vez esta historia ao mundo e sentimos moita responsabilidade”, salienta.

Tamar Novas tamén destaca que con series como Fariña, Clanes –da que xa se fala dunha segunda temporada– ou El desorden que dejas –tamén de Vaca Films co apoio de Netflix– “moita xente decatouse de que Galicia é un plató cinematográfico incrible e oxalá poida seguir séndoo, que se respecte a natureza. Nas rodaxes estase poñendo moito esforzo en que sexan respectuosas co medio ambiente e que non pase con outros grandes negocios, como é o turismo ás veces, que acaban arrasando a normalidade e a vida cotiá da xente”.

“Acabo de rodar Rondallas con Daniel Sánchez Arévalo en Galicia, que non ten nada que ver co narcotráfico, e cun equipo técnico galego de altísimo nivel. Hai moitos anos que aquí traballan profesionais de gran nivel grazas a que temos moito e bo traballo no audiovisual. Iso é bo para todos, para as plataformas tamén. E penso que é así polas producións que había antes ligadas á Televisión de Galicia, que formaron a moitos profesionais que agora están traballando dentro e fóra do país. Estaría ben que iso non deixase de suceder e que as produtoras galegas teñan esa oportunidade na TVG. Na miña experiencia é marabilloso poder rodar na casa”, celebra o actor compostelán, dúas veces gañador do Mestre Mateo á mellor interepretación masculina protagonista. 

Álvaro Pérez Becerra sinala que as historias que funcionan son propostas por produtoras e creadoras galegas, que as levan ás plataformas. “Somos nós os que somos conscientes das potencialidades que teñen as historias e os que somos capaces de vendelas, e se grazas a iso somos quen de vender moitas máis cousas, pois xenial, porque iso tamén favorecerá que haxa máis rodaxes, máis industria e que vaia cara a arriba todo o sector”, incide.

Fariña marcou “un antes e un despois” para demostrar que o lugar desde o que se contan as historias é importante, pero sobre todo para demostrar o valor das diferentes maneiras de expresión. A pesar de que ningunha das dúas series rodouse na nosa lingua, incorpórase a maneira de falar o castelán desde aquí, mesturando expresións propias e variantes dialectais, así como o sentido do humor e a retranca.

"As historias de cine máis independente gañan premios e as de cine ‘máis comercial’ triunfan nas plataformas e teñen moitísimo público. Que se dean as dúas cousas é un bo síntoma", celebra Álvaro Pérez Becerra

“Eu estudei na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, pero pasaba en todas partes: dicíanche que cando traballases aquí non había problema, pero que ao traballar en castelán había que ter un acento neutro. Era a esixencia da televisión, o estilo interpretativo, máis alá de cuestións políticas. Porén, Fariña supuxo un toque de atención moi grande neste sentido. A industria decatouse de que se permitían que as personaxes mantiveran a súa esencia e o seu acento, entendendo o Estado español como o que é, plurilingüe e multicultural, non podían falar todos os personaxes como os de Madrid”, relata Cris Iglesias, que xa experimentou en traballos posteriores unha maior flexibilidade nesta cuestión.

O produtor e presidente da Academia afirma que o sector audiovisual está nun bo momento, pero que hai que consolidalo. “Dá a sensación de que cunha pequena crise pode cambalear todo”, di. Por outro lado, celebra que hai un montón de creadores sacando os seus produtos fóra, e ademais desde dúas vertentes: “As historias de cine máis independente gañan premios e as de cine ‘máis comercial’ triunfan nas plataformas e teñen moitísimo público. Que se dean as dúas cousas é un bo síntoma porque quere dicir que somos capaces de traballar para todo o arco de xéneros e de formatos que se poden facer”.

“O que queda agora–engade Pérez Becerra– é que sexamos quen de valorar todo no seu conxunto, que nos creamos que todas as producións teñen valor, gañen un premio no Festival de San Sebastián ou triunfen en Netflix, porque as dúas cousas son necesarias para que o sector siga medrando”.

Aínda quedan moitas historias por contar sobre o mundo do narcotráfico en Galicia. As xeracións arrasadas pola droga, e as súas consecuencias, e a connivencia cos poderes son dous enfoques posibles. En todo caso, a realidade segue a superar a ficción no que a este asunto se refire.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.