- EN VINTE | Cris Iglesias. Compromiso, talento e orgullo de barrio
- EN VINTE | Vinte almorzando con Cris Iglesias
Cris Iglesias (A Coruña, 1993) entrou na década dos trinta estreando películas. Participa no primeiro filme como directora de Clara Bilbao –gañadora de tres premios Goya como directora de vestiario– que xa está nas salas de cine: Tratamos demasiado bien a las mujeres. Con produción galega por parte de Ficción Producciones, guión de Miguel Barros baseado na obra On est toujours trop bon avec les femmes de Raymond Queneau e rodada en Vilalba, a cinta conta cun reparto capitaneado por Carmen Machi e Antonio de la Torre, coa participación de Luis Tosar e Gonzalo de Castro, con Diego Anido, Iván Marcos, Óscar Ladoire, Julián Villagrán e Isak Férriz, entre outros.
“En canto chegan proxectos que son grandes e con xente tan experimentada da industria do cine como Clara Bilbao sempre fai ilusión. Cando fas o casting tes pouca información pero unha vez que te collen xa tes todo o guión. Cando me colleron foi un flipe porque para min o elenco é un soño: unha mestura de actores que admiro desde pequena sumado a compañeiros galegos . É unha marabilla facer algo grande e poder facelo desde aquí, na casa. Agora estou empezando a facer películas e para min é máxico, son proxectos moi complicados de sacar adiante nos que pasas moitas horas para que todo estea perfecto no minuto no que ten que estar”, conta Cris Iglesias sobre o filme, que conta con apoio da Xunta, da CRTVG e de TVE.
A rodaxe decorreu na parroquia de San Simón da Costa, que pertence a Vilalba, onde se montou toda unha escenografía natural para simular a fronteira con Francia no Val d'Aran, que é o lugar no que sucede a historia da película. “A xente de alí implicouse totalmente connosco para sacar adiante a película, a todos os niveis. Acolléronnos como unha familia, estivemos súper a gusto. E foi un gran traballo do equipo de arte, colleron o que fora unha antiga escola unitaria e reconstruírono por dentro. En Galicia temos un material idílico para rodaxes pola nosa paisaxe natural e iso é un valor de produción incrible”, explica.
"É unha marabilla facer algo grande e poder facelo desde aquí, na casa", di sobre a película 'Tratamos demasiado bien a las mujeres', rodada en San Simón da Costa
Aprendeu no teatro, coa xa mítica obra Eroski Paraíso de Chévere, coa que despois debutou na gran pantalla. Vén de participar noutra película que puidemos ver o ano pasado, ¡Salta!, dirixida por Olga Osorio e na súa carreira destacan proxectos como o da serie Fariña, que tamén lle deu a oportunidade de saltar ao teatro desde a pequena pantalla. Asiste a como segue medrando o audiovisual galego como actriz e espectadora e reivindica que as creadoras e creadores galegos deben “seguir facendo ficción propia” e non só exportala. “O bo de que as industrias crezan é que temos traballo, pero tamén aumentan as opcións de perderse polo camiño. Están chamando moito á porta para facer cousas aquí en Galicia, pero non podemos de deixar nós de facelas. Eu quero poder gozar dos contidos de ficción da televisión pública galega”, defende.
“A xente nova non pode perder aquilo que eu vivín, que foi criarme coa TVG, coa televisión en galego. Isto é fundamental. Precisabamos de plataformas dixitais como Agalega que acheguen os contidos as xeracións máis novas que non ven a tele, para que non se perda isto e teñan referentes coma min, que tiña a Son Goku ou a Shin Chan, e series como A Nanny, Pratos combinados ou A vida por diante, que foi a primeira serie que vin con todo mulleres e que ademais se rodaba en Sada ao lado da casa da miña avoa. Empecei co teatro moi pequena, pero as primeiras sensacións de pensar en ser actriz profesional chegaron con esta serie porque alí había moitas mulleres referentes do audiovisual e do teatro galego, e ademais estaban ao lado da casa. Entón, pensei que eu tamén podía chegar ata aí. Casualmente esa serie dirixiuna Carlos Sedes, que foi o meu director en Fariña, así que todo se conectou finalmente”, celebra.
"Benditas as contradicións, senón estariamos colocadas nun lugar aburrido e non avanzaríamos"
Tratamos demasiado bien a las mujeres rodouse en castelán, pero ten unha versión dobrada ao galego na que a actriz puido dobrarse a si mesma. “Non quero perder a oportunidade de visibilizar as reivindicacións das actores e actrices de dobraxe, que se organizaron na asociación ADA, porque levan moitos anos cun convenio desactualizado. Maniféstanse este domingo para loitar polos seus dereitos e pola dobraxe, grazas á que accedemos a moitos contidos. Non é incompatible a versión orixinal con que exista unha dobraxe profesional na que a xente poida traballar en condicións dignas”, apunta Cris Iglesias.
Como feminista, a coruñesa colle o título do filme con ironía e concede que pese a ser unha historia ambientada na posguerra civil española, está enfocada cun ton distinto e certamente novo. “Estase a situar na comedia negra, pero creo que deberá ser o público que a vaia ver ás salas de cine quen decida onde quere situala”, salienta Iglesias.
No mundo da interpretación, como en moitas outras disciplinas artísticas, é preciso abrazar a contradición para traballar. “Todos somos seres contraditorios, é moi importante ser consciente disto. Benditas as contradicións, senón estariamos colocadas nun lugar aburrido e non avanzaríamos. Formo parte dunha industria, dun sistema, dunha sociedade e da miña casa e o meu entorno. Intento ser o máis coherente que a vida, o día a día e o traballo me permiten, pero non son responsable de todo o que me rodea. Intento facer o meu traballo coa maior das sensibilidades, creo que todas e todos avanzamos cara a aí e agardo que así sexa, pero é importante non cargarnos a nós mesmas e que non se nos cargue coa responsabilidade de todo o que facemos porque non esquezamos que estamos nun mundo complicado e nunha industria precaria”, destaca.
"Ata que se asuma a parte do opresor nada cambia, ademais pola nosa parte é esgotador porque se nos pon en dúbida todo o tempo"
Esas contradicións están moi presentes na curtametraxe que rodou no programa Actrices en acción de CIMA, a Asociación de mujeres cineastas y de medios audiovisuales, coa actriz Celia de Molina como titora e a dirección de Teresa Bellón. En Hazlo por mí [que se pode ver baixo estas liñas] interpreta xunto a Violeta Orgaz a unha actriz que pensa que vai asinar un contrato para unha serie e que non poderá ser nai nese tempo, mentres o reloxo biolóxico segue o seu curso, polo que lle fai unha proposta á súa amiga, tamén actriz pero que traballa na hostalería. “Podiamos contar unha historia tal e como nós quixeramos e eu quixen contar unha idea que tiña que nace das contradicións que temos como mulleres e como traballadoras, e sobre todo as contradicións que se nos botan enriba”, lembra Cris Iglesias.
A industria do cine atravesa unha revolución –interna e externa– desde que se publicou en El País unha reportaxe de Ana Marcos, Gregorio Belinchón e Elena Reina na que varias mulleres denunciaban agresións sexuais por parte do cineasta Carlos Vermut. “É moi triste que o mundo siga así, pero algo se está movendo para que as cousas comecen a saír e a irse colocando. Creo que o abuso e a desigualdade aféctannos en todos os contornos da vida social e política, e creo que ata que o xénero masculino se decate de que hai determinados comportamentos e actitudes que hai que desestruturar para volver estruturar non poden mudar as cousas. Ata que se asuma a parte do opresor nada cambia, ademais pola nosa parte é esgotador porque se nos pon en dúbida todo o tempo”, sinala Iglesias, quen incide tamén noutra conduta repetida, a de minusvalorar unha denuncia pública dunha muller que non acudiu á xustiza: “Para denunciar a nivel xudicial hai que estar ben economicamente, ter unha rede afectiva, de coidados e de traballo moi potente e estar ben psicoloxicamente. E non todo o mundo pode facelo, quen pasou por procesos de denuncia sabe o esgotador, desgarrador e complicado que é. Por iso creo que está moi ben que as novas xeracións nos ensinen estes outros modos de alzar a voz que permiten o acceso a máis xente. Sabemos que importa moito a denuncia xudicial, pero entón a xustiza ten que cambiar para ser menos inaccesible”.
"Este traballo é unha forma de vida, pero é importante ter redes fóra del para non perderte e manter a perspectiva"
A actriz coruñesa ten varios proxectos en marcha dos que aínda non pode falar, segue aprendendo a aproveitar os momentos de parón provocados polas intermitencias do sector e asegura que o seu sistema pasa por “non esperar chamadas” e manterse ocupada desenvolvendo as súas propias ideas ou formándose “para non perder a ilusión”. “Hai que enriquecer o espírito artístico e estar sempre buscando, creando e intentando sacar cousas adiante, que ás veces quedan nun caderno, pero é importante non conformarse”, razoa.
Proxectos como a curta realizada con CIMA ábrenlle a porta a explorar máis facetas profesionais ademais da interpretación: “Apetéceme moito gobernar as miñas ideas. Creo que nos pasa a moitas mulleres que dubidamos moito das nosas capacidades e de confiar en que podemos sacar proxectos adiante. Aínda que aquí sempre hai outros factores máis técnicos relacionados co financiamento, a precariedade ou incluso o feito de estar perdida no sistema. Pero teño ideas, teño experiencia e apetéceme probar; e por sorte teño un círculo de amigas e de persoas coas que traballo que tamén son amigas que me dá moita forza e sei que tamén lles podo pedir axuda. Este traballo é unha forma de vida, pero é importante ter redes fóra del para non perderte e manter a perspectiva de como son as cousas máis alá dunha mesma como traballadora cultural”.