A reunión que no verán de 1984 mantivo en Portugal o daquela presidente da Xunta, Gerardo Fernández Albor, de Alianza Popular, cun grupo de contrabandistas despois convertidos en narcotraficantes foi relativizada este xoves polo actual titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, cando se lle preguntou se a serie Fariña, baseada no libro homónimo que conta a historia do contrabando e o narcotráfico en Galicia, está volvendo a manchar a imaxe do seu partido.
“Unha cousa é a licencia para facer un guión televisivo e outra cousa é construír uns feitos en base a realidades e datos obxectivos”, responde o presidente preguntado por se a serie Fariña está volvendo a manchar a imaxe do seu partido
Este mércores o portavoz de En Marea, Luís Villares, mencionou durante as súas preguntas a Feijóo no Parlamento de Galicia o encontro entre Albor e os contrabandistas, relatado unha semana antes na serie televisiva. Feijóo respondeu a Villares acusándoo de manchar a imaxe do ex-presidente e asegurando que aínda que o portavoz de En Marea vivira dúas vidas “non lle chegaría á altura da dignidade ao presidente Albor”. Nesa mesma sesión, tanto Villares como a portavoz do BNG, Ana Pontón, volveron lembrar a amizade de Feijóo con Marcial Dorado.
Este xoves a Feijóo preguntóuselle se a lembranza que fai a serie Fariña da relación do PP co contrabando está volvendo a manchar a imaxe do partido. Malia que a pregunta era xeral, a resposta de Feijóo foi a de remitirse ao debate do día anterior asegurando que “hai formacións políticas que fan as preguntas ao presidente en función dos guións televisivos”. Segundo Feijóo, no debate parlamentario “se intentaba trasladar un guión televisivo á realidade dos acontecementos daquela en Galicia, volvendo unha vez máis a falsear a realidade e a mentir, unha cousa é a licencia para facer un guión televisivo e outra cousa é construír uns feitos en base a realidades e datos obxectivos”.
“Hai formacións políticas que fan as preguntas ao presidente en función dos guións televisivos”, di Feijóo en referencia a En Marea
Albor si se reuniu cos contrabandistas, do mesmo xeito que outros cargos autonómicos seguiron aparecendo en anos posteriores en actos con contrabandistas e narcotraficantes, o que levou ao Parlamento de Galicia a aprobar en 1990 que os cargos da Xunta se afastasen desas persoas.