0 Gardados para despois

A oposición lembra a amizade de Feijóo con Dorado e minimiza a súa proxección estatal en plena crise de Cifuentes

David ReineroDavid Reinero | @DReinero


A crise do master de Cristina Cifuentes non permitirá a Feijóo medrar como líder estatal no PP porque ten ás súas costas unha polémica aínda maior, a da súa amizade con Marcial Dorado. Iso é o que transmitiron este mércores no Parlamento de Galicia  os portavoces de En Marea e BNG e o que se pensa na cúpula do PSdeG. “Vexo difícil que a solución ao master de Cifuentes vaian ser as fotos de Feijóo no iate dun narcotraficante”, verbalizou a nacionalista Ana Pontón nunha sesión de control ao Goberno galego na que Feijóo recorreu novamente a culpar á herdanza deixada polos gobernos de Zapatero en Madrid e do bipartito de PSdeG e BNG na Xunta, hai seis e nove anos respectivamente.

“Vexo difícil que a solución ao master de Cifuentes vaian ser as fotos de Feijóo no iate dun narcotraficante”, díxolle Ana Pontón a Feijóo

A coidada ambigüidade coa que o presidente Feijóo vén referíndose á actuación da presidenta da Comunidade de Madrid, Cristina Cifuentes, ao desvelar eldiario.es que obtivo un master de xeito fraudulento é vista tanto no seu partido como por analistas externos como un xeito de presentarse a si mesmo como máis limpo e mellor colocado na carreira sucesoria de Mariano Rajoy dentro do PP. Porén, este mércores Pontón centrou a súa pregunta ao presidente na conxelación dos orzamentos do Estado para Galicia, que presentou como exemplo do pouco peso do PP galego en Madrid. Pontón lembroulle a Feijóo que hai un ano prometeu presidir el mesmo unha comisión de seguimento dos investimentos do Estado en Galicia da que pouco se volveu saber, “unha comisión que nunca existiu, e iso que ía estar presidida por vostede mesmo, xa vemos que a súa palabra ten a mesma credibilidade que o máster de Cifuentes”, dixo a nacionalista, que posteriormente engadiría a antedita frase: “Vexo difícil que a solución ao master de Cifuentes vaian ser as fotos de Feijóo no iate dun narcotraficante”.

As resposta de Feijóo comezaron acusando a Pontón de “facer o ridículo” e de non saber “sumar e restar” ou calcular porcentaxes, mesmo explicándolle en que momentos do sistema educativo se aprenden esas cuestións. Feijóo defendeu o seu propio peso político e nivel de esixencia ante Madrid asegurando que “esta Xunta é máis esixente co Goberno Rajoy que a deputada Pontón co Goberno Zapatero”.

Villares acusou a Feijóo de gardar "silencios cómplices das cousas que pasan no seu partido”, entre as que citou a revelación que lle fixo un delegado do Goberno da existencia das súas fotos con Dorado

Tamén o portavoz de En Marea, Luís Villares, tentou fiscalizar a actuación do Goberno galego en materia de investimentos ao cuestionar o seu apoio á construción dunha nova autovía paralela á autoestrada de peaxe AP-9 cun trazado que ao seu ver non terá utilidade. “Eses mapas fannos desde Madrid os mesmos que falsifican os master”, dixo Villares, que acusou a Feijóo de “gardar silencio” ante o deseño errado das infraestruturas por parte do Goberno central igual que “garda silencios cómplices das cousas que pasan no seu partido”, entre as que citou a revelación a Feijóo por parte dun delegado do Goberno da existencia das súas fotos con Dorado, como contou o propio presidente na súa entrevista no programa Salvados. Para Villares ese feito supón unha “revelación de secretos que están baixo sumario” o que o levou a acusar a Feijóo: “Está vostede encubrindo delitos”, dixo, ao tempo que lle preguntou que delegado do Goberno o avisara das fotos.

Na súa resposta Feijóo volveu eludir responder a esa cuestión e cargou contra Villares por “imputar delitos de forma continuada valéndose da súa inviolabilidade”, algo que considera “lamentable para calquera deputada da Cámara” pero máis no caso dun xuíz en excedencia como o portavoz de En Marea. Feijóo tamén volveu cuestionar a falta de liderado de Villares en En Marea, grupo do que dixo que nel “ninguén defende a ninguén”, en velada referencia á crise interna entre os que consideran que a deputada Paula Quinteiro debe dimitir tras o seu altercado coa Policía Local de Santiago e os que a defenden, e nunha xornada na que a Coordinadora da formación prevé pedir que sexan as bases da formación as que se pronuncien ao respecto.

Precariedade na sanidade pública

O presidente volveu botar man da herdanza dos gobernos de Zapatero e do bipartito, finalizados hai seis e nove anos

Foi en resposta a unha terceira pregunta, formulada polo portavoz socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, sobre a precariedade do persoal na sanidade pública galega, cando Feijóo, como xa fixera para responder a Pontón, volveu tirar da herdanza recibida para xustificar as eivas actuais. Leiceaga salientou que, segundo os propios datos estatísticos do Goberno galego, o 26% do persoal sanitario ten contratos eventuais, porcentaxe que aumenta ata ao 30% se se ten en conta tamén ao persoal en formación.

Feijóo centrou a súa réplica en salientar o investimento en obra pública coa renovación ou construción de novos hospitais e centros sanitarios ao tempo que se preguntou “canto tempo leva Andalucía sen sacar prazas?” O presidente reiterou o seu obxectivo de que en 2020 a porcentaxe de interinidade na sanidade pública galega sexa do 5% e atribuíu a lentitude ao “pufo” que herdou do bipartito de PSdeG e BNG na Xunta e a que o Goberno central de Zapatero “nos deixou unha sanidade sen planificar”.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.