En Marea contempla unha votación da militancia sobre a dimisión de Paula Quinteiro se non deixa o escano

Asistentes ao plenario de En Marea, o pasado 17 de marzo CC-BY-SA En Marea

Unha votación entre a militancia. É a fórmula que a dirección de En Marea como partido instrumental contempla para determinar a súa postura definitiva e procurar dirimir o conflito interno sobre a deputada Paula Quinteiro tras reclamarlle a súa dimisión como consecuencia do altercado coa policía local de Santiago no que se viu implicada a noite do 17 de marzo. Así o anunciou este luns o voceiro da formación, Luís Villares, na súa primeira comparecencia pública ao respecto tras o incidente. Consultas coma esa, detallou, están previstas nas normas internas de En Marea para asuntos de especial relevancia e celebraríase se "nun período razoable" non existe unha "solución" para este conflito, a cal ao seu xuízo debería pasar pola dimisión de Quinteiro polo que considera un "uso indebido da condición de parlamentaria para un asunto privado" que "o noso código ético non permite".

Despois de dúas semanas de "silencio" por "razóns de prudencia" Villares asegura confiar nunha "resposta serea e meditada" de Quinteiro que, en "coherencia cos valores que defendemos", pase pola súa renuncia ao escano. A "conduta" de Quinteiro, coida, "compromete" a un espazo político cuxos membros "renunciamos a calquera abuso de poder na nosa condición de parlamentarios". "Xeramos expectativas de cambio e de comportamento diferente", abonda Villares, e sería "inxusto facer cargar ao colectivo cunha responsabilidade individual".

Luís Villares agarda unha "resposta serea e meditada" de Quinteiro que pase pola súa dimisión polo altercado coa policía "en coherencia" co "código ético" da formación

A petición da dimisión de Quinteiro chegara xa dende a coordinadora de En Marea apenas catro días despois do suceso no que, segundo o atestado policial revelado por Europa Press e La Voz de Galicia, a deputada esgrimiu a credencial que a identifica como membro da Cámara para entorpecer a identificación dun home que a acompañaba, presuntamente implicado na rotura de varios espellos de vehículos estacionados nunha rúa do Ensanche compostelán. A deputada tamén membro de Podemos, pola súa banda, veu asegurando que só intervira para "mediar" no conflito, sen ánimo de atrancar o labor dos axentes.

Con este pano de fondo o Consello das Mareas, máximo órgano da organización entre plenarios, uniuse despois á petición de dimisión aínda que sen o apoio do sector crítico, entre o que foi gañando peso a interpretación de que o altercado fora empregado para tentar alterar os equilibrios internos de En Marea, se ben Villares reitera que "non hai ningunha outra razón" para apostar pola dimisión que o propio altercado. Foi así como chegou o que ata este luns fora o último pronunciamento público sobre o caso, o escrito no que o grupo parlamentario acordou non pedir a dimisión de Quinteiro xunto á apertura dun expediente para que ela mesma detallase "todos os elementos que concorren no caso".

A pasada semana a maioría do grupo rexeitara a petición de dimisión de Quinteiro formulada pola coordinadora e o Consello das Mareas

O texto fora aprobado por maioría do grupo con dous votos en contra e unha abstención, a do propio Villares, ao termo dunha tensa e maratoniana xuntanza. Nel incluíase o que internamente foi lido como unha mostra da fenda entre o grupo parlamentario e parte da organización do partido instrumental: "con independencia" do resultado do expediente, indicaban, Quinteiro "debe seguir desenvolvendo as súas funcións como parlamentaria de En Marea, tal e como xa afirmou en anteriores ocasións o grupo parlamentario", concluía. Para Villares ese apoio á deputada é "comprensible" por mor dos "afectos" tecidos no seo do grupo tras dous anos de andaina, pero non debera determinar unha decisión na que, pide, debe primar a "madurez" política.

Neste contexto e sen desbotar a devandita votación entre "as persoas inscritas", Villares agarda que este episodio non derive nunha ruptura do grupo ou da propia organización. "Pareceríame triste que por unha diferenza de interpretación do código ético se producise esa situación, é un escenario que non contemplo", afirma.

Luís Villares, voceiro de En Marea CC-BY-SA En Marea

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.