0 Gardados para despois

Feijóo contradí o seu gabinete e di que o comité de control do orzamento do Estado "funciona con normalidade"

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


David ReineroDavid Reinero | @DReinero


O pasado 6 de abril o presidente da Xunta deu conta tras a reunión semanal do seu Goberno dun asunto que non figurou na referencia pública de asuntos tratados. O Goberno, dixo, viña de crear un "comité de seguimento da execución orzamentaria real" dos Orzamentos Xerais do Estado para Galicia. Este órgano, "presidido" por el mesmo, ía fiscalizar se os investimentos previstos polos diferentes ministerios en territorio galego durante 2017, especialmente o de Fomento, se executaban segundo o previsto. Malia anunciar que esta comisión se ía reunir cada tres meses o pasado xullo non houbo noticia pública ningunha do seu labor de control e o mesmo sucedeu neste mes de outubro, cando dende a propia Xunta foi confirmado a este diario que o comité non chegara a crearse por razóns de "operatividade". Este xoves o propio Feijóo contradixo o seu gabinete para afirmar que a comisión existe e funciona con "normalidade".

Segundo a explicación ofrecida a Praza.gal por un voceiro oficial do Goberno tras transitar a pregunta por varios departamentos, o Executivo non prescindira do "seguimento" anunciado do cumprimento dos investimentos estatais, senón que decidira facelo de xeito "continuo" nas sucesivas xuntanzas do Consello da Xunta e non cos formalismos de composición e periodicidade anunciados de xeito público por Feijóo. Alí, abondou a mesma fonte oficial, "cada conselleiro", e moi especialmente a de Infraestruturas, Ethel Vázquez, adoita ofrecer un "reporte" periódico ao respecto. Segundo esta mesma información non existiría como tal, daquela, a comisión anunciada polo presidente, na que sentarían ademais o vicepresidente, Alfonso Rueda, o titular de Facenda, Valeriano Martínez, a devandita responsable de Infraestruturas e mais a conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato.

A Xunta confirmou a Praza.gal que o comité non se creara ao ser substituído por un "seguimento continuo" no Consello

Pero a versión oficial do Goberno foi rectificada en público polo seu máximo responsable. "A comisión funciona con absoluta normalidade", retrucou este xoves Feijóo a preguntas deste diario. "A Consellería de Infraestruturas, basicamente, nos informa ás persoas que formamos parte desa comisión do grao de execución" das obras do Estado en Galicia. Fronte á versión oficial previa o presidente mesmo detalla algúns dos traballos dese organismo: "o primeiro que fixo foi monitorizar todos e cada un dos 14 tramos" do AVE que tiñan as súas obras "paradas". Ademais, agrega, "foinos informando de cando se desbloqueaba cada un deles".

Feijóo asegura que "a comisión funciona con absoluta normalidade" e foi "útil" para "levantar o parón" de 14 treitos do AVE

"Monitorizamos todo isto -abonda Feijóo- porque cando anunciamos esa comisión tiñamos 14 tramos parados" e "se non monitorizamos como se vai levantando o parón, hoxe poderíamos ter tramos parados". Así as cousas, o comité que segundo foi confirmado dende o propio Goberno non existía, é considerado polo xefe do Executivo como "útil", xa que "entre outras cousas", ao ser creada "o Goberno central soubo que nos tiña que dadr información de cando solucionaba cada un dos tramos" do AVE que non estaban en execución. "Cando remate o ano", sinala, "daremos o grao de execución" dos traballos.

O enredo interno no seo do Goberno galego prodúcese en torno a un órgano que o presidente anunciara en plena controversia pola caída dun 32% dos investimentos reais previstos para Galicia nos Orzamentos Xerais do Estado, 924 millóns de euros que supuñan o montante máis baixo dende o ano 2004. Naquela intervención do pasado abril Feijóo avanzara, ademais, que este "comité de seguimento" non ía cinguir o seu labor ás contas estatais de 2017, senón que tamén tiña intención de realizar a mesma fiscalización cos Orzamentos estatais dos anos seguintes.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.