"Hai algo transgresor en simplemente facer unha película bonita e tenra"

Anxos Fazáns no set de rodaxe de 'As liñas descontinuas' © Sétima / Elamedia

'As liñas descontinuas', a segunda longametraxe de Anxos Fazáns, aposta pola tenrura no encontro breve de dúas persoas con realidades e idades distintas, que conectan entre si dunha forma inesperada. En cines desde o 20 de febreiro

Un encontro breve que che cambia a vida. Como? Como ti decidas que cha cambie. A premisa é coñecida, no desenvolvemento está a chave da segunda longametraxe de Anxos Fazáns, As liñas descontinuas, que a propia directora resume nunha palabra (ou un estado vital): a tenrura. Se a tenrura é o novo punk, como dixo en Cannes o cineasta Joachim Trier, esta película non pode estar máis de actualidade.

A mirada de Anxos Fazáns coloca no centro a personaxes que acostuman ser secundarios, con realidades e idades distintas, que conectan entre si dunha forma inesperada. Recupera a actriz Mara Sánchez, que levaba varios anos sen proxectos no audiovisual, para ser a súa protagonista xunto a Adam Prieto, quen debuta na interpretación neste filme que acumula once candidaturas nos Premios Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual, que para a directora xa son un premio. 

Desde que se estreou a súa primeira película, A estación violenta, en 2017 a cineasta pontevedresa presentou dúas curtametraxes, Analóxica (2019) e Habitar (2023), así como a instalación de vídeo Sed, e fundou a produtora Sétima xunto a Silvia Fuentes, coa que produce esta película en colaboración con Sideral. A cinta conta co apoio do ICAA, AGADIC, CSAG, HBO e as Deputacións de Pontevedra e da Coruña.

As liñas descontinuas, rodada entre Vigo e Marín, estreouse na sección oficial da 29ª edición do Tallinn Black Nights Festival en Estonia e pasou polo Festival Internacional de Cinema de Xixón, o Rizoma de Madrid e o Novos Cinemas de Pontevedra, onde se proxectou por primeira vez en Galicia. Chega ás salas de cinema o venres 20 de febreiro e haberá diferentes pases coa presenza do equipo, o primeiro será o sábado 21 ás 18.40 horas en Numax (Santiago de Compostela). 

Anxos Fazáns dando indicacións aos protagonistas do filme, Mara Sánchez e Adam Prieto © Sétima / Elamedia

Un ladrón queda durmido na casa que entra roubar”. Con ese titular dun xornal comezou o guión da película?

Si. Produciume moita curiosidade, se lin a nova completa non o lembro, pero non acontecía nada extraordinario. Con todo, eu comecei a facerme preguntas sobre quen pode ser esa persoa que se queda durmida nunha casa na que entra roubar. Para min hai algo moi tenro nese despiste. Á vez, tamén pensei en como sería chegar a casa e atopar durmindo unha persoa que entrou para roubar. Que pasa nese momento? A pesar das circunstancias, nada comúns e un pouco violentas, podería existir un punto de encontro e o inicio dunha relación de amizade? A partir desas preguntas empezo construír a historia, pero o encontro inesperado pasa a ser unha premisa para indagar en quen son esas dúas persoas.

"Máis que un proceso centrado en ter un bo resultado, no que todos teñamos que sufrir para un fin (supostamente) glorioso e de éxito, quería que o propio proceso da película pagase a pena"

Afirma que fixo As liñas descontinuas coa intención de pasalo ben e compartir iso tamén co equipo.

É que facer unha película é durísimo e esgotador en todas as fases. Implicas moito de ti mesma, moita enerxía, tempo, esforzo e ilusións, coa frustración que tamén podes vivir nalgúns momentos... Despois da primeira película, que tiña moitas personaxes e localizacións diferentes, pensaba en que a seguinte fose máis ‘accesible’, de aí a idea de que gran parte da película sexan dous personaxes nunha casa, o que me permite traballar moito as interpretacións e traballar a outro ritmo, porque non hai que estar movéndose.

Tras pasar a fase inicial de levantar a película, tamén comezas a pensar en algo que creo que temos moi en conta as mulleres que nos dedicamos ao audiovisual: ter en conta os coidados e que a xente estea ben traballando e ti mesma estar ben. Máis que un proceso centrado en ter un bo resultado, no que todos teñamos que sufrir para un fin (supostamente) glorioso e de éxito, quería que o propio proceso da película pagase a pena e que fose bonito para todas as implicadas. Obviamente o resultado sempre preocupa, traballamos para iso, pero intentei que puideramos desfrutalo. Estou moi satisfeita porque, pase o que pase nas salas e nos festivais, o proceso foi fermoso.

Fala de tenrura para definir a enerxía deste filme e coloca no centro a dúas persoas que estarían a priori case excluídas de seren protagonistas: unha muller de máis de cincuenta anos e un rapaz trans cuxa historia non se centra neste aspecto da súa vida. Por que?

Hai algo transgresor en simplemente facer unha película que sexa bonita e tenra. Agora coa película rematada e vendo como a xente a recibe reafírmome nisto. Non sei se era tan consciente mentres a estaba facendo, pero si quería que fose luminosa e lixeira. Penso que ten valor hoxe en día, en lugar de intelectualizar e complicar, apelar a algo máis directo e sensible. Quería que fose fácil, aínda que nada o é. Rodar con dúas personaxes nunha casa é das cousas máis difíciles que fixen nunca.

"As mulleres maiores de cincuenta están infrarrepresentadas no audiovisual en xeral, e as representacións que existen están moi estereotipadas"

Sobre a escolla das personaxes, despois de decidir que quero contar esta película en base a esa premisa o encontro o seguinte paso era decidir como teñen que ser esas dúas persoas que se necesitan e que se van a escoitar. Todo o traballo de guión, que comezou en 2019 e foron varios anos, tivo moito que ver con construír esas personaxes e ir moldeándoas para que isto puidese suceder. Decidín que tiña que haber diferencia de idade porque unha persoa sería dona da casa á que vai roubar a outra e a cuestión de xénero era algo que xusto estaba explorando nese momento, obviamente desde ideas feministas e que buscan repensar os xéneros. 

Rapidamente souben que quería a unha muller no papel da dona da casa porque as mulleres maiores de cincuenta están infrarrepresentadas no audiovisual en xeral, e as representacións que existen están moi estereotipadas. Para a personaxe da persoa máis nova dinlle moitas voltas, pero como estaba vitalmente atravesada pola cuestión de xénero, e coñecendo a persoas que estaban comezando a súa transición, quixen aportar algo aí, porque tamén están infrarrepresentadas no audiovisual e hai moitísimos estereotipos e clixés ao seu arredor. Todos son ingredientes que non fan que a historia sexa fácil de contar porque había que conseguir que a pesar de todas as súas circunstancias poidan coñecerse, permitirse ese encontro e mudar as súas vidas. Paréceme importante construír novos referentes, por iso tamén aposto por personaxes que me gustaría ver en pantalla.

Cartel da película, que se estrea o 20 de febreiro nas salas de cinema © Sétima / Elamedia / Sideral

"Resúltame importante que esta película estea atravesada pola realidade das persoas trans e das mulleres, porque seguimos loitando pola igualdade, pero o conflito das personaxes non é ese"

Entendo que aí reside a maior dificultade, facer esa película que querería ver nunha sala de cine.

Hai moita responsabilidade e para min a primeira pregunta é que película merece a pena facer, porque levantar un proxecto deste tipo é moi difícil a moitos niveis, no persoal pero tamén a nivel social porque o cinema está apoiado por cartos públicos.

O esforzo ten que pagar a pena, por iso me parece importante sempre vincularme a cuestións sociais que me preocupan e me interesan, sobre as que vexo a posibilidade de construír algo novo, pero desde o pequeno e non de xeito panfletario. Resúltame importante que esta película estea atravesada pola realidade das persoas trans e das mulleres, porque seguimos loitando pola igualdade, pero o conflito das personaxes non é ese. Si considero que é un xesto reivindicativo poñelas como protagonistas, pero a película fala doutra cousa.

"Como estaba vitalmente atravesada pola cuestión de xénero, e coñecendo a persoas que estaban comezando a súa transición, quixen aportar algo aí, porque tamén están infrarrepresentadas"

Quería mesturar unha actriz profesional cun intérprete sen experiencia previa?

Creo que xorden cousas moi interesantes cando se mesturan intérpretes profesionais e sen experiencia. Precisamente como a personaxe dela é unha muller moi conectada co seu traballo e que constrúe a súa personalidade con moita vinculación a isto, pensei que tiña que ser unha actriz profesional para aportar esa bagaxe e esa forza necesarias. Non sabía quen, foi unha busca con Sonia Méndez, que fai a dirección de casting, como chegamos a Mara.

Curioso ademais que a película sexa dalgunha forma un rescate desta actriz para a pantalla.

Si porque hai un vínculo tamén coa personaxe. Unha actriz que leva anos sen actuar que interpreta a unha produtora musical que xa non escoita música. Hai aí un proceso de recuperar aquilo que te apaixona.

E no caso de Adam Prieto?

Aí foi máis difícil, foi un proceso longo de casting. Lembro o momento no que entrou pola porta, pero non podo dicir que tomei a decisión nese instante porque hai moitos factores que teñen que estar ben para poder escollelo, máis aínda sendo un actor non profesional. Con todo, en ambos casos sentín unha enerxía dos personaxes neles. No caso de Adam un sorriso vibrante, é unha persoa que che fai sorrir. Mara ten moita forza e solidez, e a miña personaxe tamén tiña iso.

"Ela está conectada ao mundo máis do rock e punk clásico e el ao mundo da electrónica. Son dous universos musicais que te conectan rápido cos personaxes, que á súa vez permiten a fusión, e iso dá moito xogo"

A música é un piar fundamental da película. Vai ligado á profesión da protagonista, mais tamén coa súa traxectoria, pois vostede mesma formou parte dun grupo.

Narrativamente interésame moito utilizar a música porque me conecta moito coas emocións e sinto que é unha canle de conexión emocional para o público. A min a música trasládame moi rápido a emocións concretas. Gústame que haxa música porque vivo rodeada dela.

Tamén inflúe, claro, o feito de que coñezo un pouco a cultura musical underground de Galicia e é un mundo que me interesa, por iso quixen construír unha personaxe desde aí. Non sei como é a escena fóra de Galicia, pero o contexto de aquí si e iso sérveme para construír os universos dos dous protagonistas. Ela está conectada ao mundo máis do rock e punk clásico e el ao mundo da electrónica. Son dous universos musicais que te conectan rápido cos personaxes, que á súa vez permiten a fusión, e iso dá moito xogo. Hai varias cancións que son tan importantes na película que sabíamos que tiñamos os dereitos xa antes de rodar, e que soaron na rodaxe para axudar a crear as escenas. 

O feito de producir o filme con Sétima, na que é coprodutora, cambia moito a experiencia?

Na miña primeira película xa tiven a sorte de escoller o equipo e realmente foi unha experiencia moi positiva. O que pasa é que era moi nova e, por moito que escollas a xente, son moitas primeiras veces. Agora esta película xa se fai desde outro lugar, vivo todo o proceso de desenvolvemento e a estratexia de produción. É moi distinto porque acompañas o proxecto desde os pasos que vas dando para financialo e que funcione. É certo que teño sorte porque a produtora executiva do filme é Silvia e hai moitas cousas que podo delegar nela. Pero o feito de estar na produtora permíteche acompañar a película en todas as fases, se estás só na dirección quedas fóra de moitas decisións. 

O audiovisual galego rachou moitas barreiras co filme Sirât, de Oliver Laxe, como está a ser a fase de distribución de As liñas discontinuas?

Como directora, e é algo que teño falado con outras cineastas, é unhas das fases máis duras porque non está na túa man, incluso sendo a produtora. Non tes o control. Podes facer cousas e, de feito, traballas moito, pero máis a cegas. E en realidade xa non estás cobrando pola película, pero podes pasar un ano viaxando para acompañar a película. Ten unha parte moi bonita, pero é difícil de xestionar. O éxito ou non éxito dunha película tamén é unha xestión emocional, depende moito dos obxectivos que te poñas.

"O éxito ou non éxito dunha película tamén é unha xestión emocional, depende moito dos obxectivos que te poñas"

A cuestión é que ti fas a mellor película posible, deseñas unha estratexia de distribución que inclúe varias opcións e chamas a moitas portas, pero xa non depende de ti. Hai moitos factores que inflúen e penso que se a película gusta ou non é decisivo, non vai todo polos contactos porque senón eu non tería feito nada na miña vida. Van pasando cousas cando as películas funcionan, pero é certo que é moi difícil.

Nós estamos moi satisfeitas co percorrido de festivais e con estrear nun dos máis importantes do mundo, a pesar de que non teña tanto impacto mediático como outros, e a película vai seguir indo a festivais. Chegar ás salas é outra dificultade porque os cines tampouco están esperando coas portas abertas a que cheguen as películas en galego... Estamos nun momento moi bo para o cinema, pero á vez mete un pouco de medo, porque está a haber moitas películas dunha calidade incrible, e como consecuencia as salas están cheas, polo que aínda resulta máis complexo atopar oco. Cando comecei hai dez anos penso que había máis espazo para proxectos intermedios, que non están en ningún extremo, nin son un éxito total nin a cousa máis punki; pero agora todo vai moi rápido e case non hai tempo para ver as películas. O consumo de cinema está cambiando e aínda non somos quen de analizalo. 

Unha escena do filme, con 11 candidaturas nos Mestre Mateo © Sétima / Elamedia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.