O Festival de Cine Europeo de Sevilla (SEFF) proxecta este ano, na súa sección Resistencias, os filmes de dúas directoras galegas. Anxos Fazáns presenta A estación violenta, adaptación -libre- da novela homónima de Manuel Jabois, e de Ana Domínguez pode verse o documental Os fillos da vide. N'A estación violenta, Manuel, (Alberto Rolán), un mozo con vocación de escritor, vive atrapado nunha rutina que fica moi lonxe de facelo feliz. Mais o reencontro con dous amigos do pasado, Claudia (Nerea Barros) e David (Xosé Barato), fará que comece a mudar o rumbo.
Anxos Fazáns, Daniel Froiz e Ángel Santos escribiron o guión deste filme, que conta tamén con Laura LaMontagne, Xiana Arias e Antonio Durán "Morris" no reparto e con Diana Toucedo, Iria Silvosa e a propia Fazáns na montaxe, ademais de con Alberte Branco na fotografía, son de Xavi Souto e Sound Troop, banda sonora orixinal de Charles Rapante e temas das bandas The Limboos, Pantis, Rabuda, The Soul Jacket, Atrás Tigre, Chicharrón e Contenedor de Mierda. Falamos con Anxos Fazáns.
O produtor, Daniel Froiz, proponche facer unha película coa novela de Jabois. Que che interesou a ti da historia?
Si. El comprara os dereitos do libro había xa anos e xa estivera traballando en propostas de guión. Veume coa novela, que eu xa coñecía, e con eses traballos previos de guión. O que me atrapou a min foron os personaxes, o seu lado escuro, a súa tendencia á autodestrución. Nun principio eu pensaba que era unha novela sobre unha xeración que non é a miña -pois o libro leva escrito dez anos- pero despois decateime de que é unha historia moi de hoxe, que representa tamén os dramas vitais e existenciais da miña xeración.
"O que me atrapou a min foron os personaxes, o seu lado escuro, a súa tendencia á autodestrución"
De feito, na película, os personaxes de Manuel e o de Daniela, entre os que hai bastante diferenza de idade, teñen un conflito semellante. Non saben moi ben que facer coa súa vida, ante un mercado laboral que deixa pouco lugar para a esperanza.
Os dous personaxes son un pouco un exemplo dun estado vital que calquera pode pasar nalgún momento da súa vida. Un período de crise, de non saber que facer. Iso é algo que está aí, e que eu quería representar. Na miña xeración, e non só na miña, a desesperanza está moi presente, porque é difícil crer nun futuro que che dá tan poucas oportunidades. Mais, ante unha situación parecida, Manuel está atrapado nese estado e Daniela, coa súa xuventude, acepta a situación e busca a maneira de afrontala o mellor posible.
"Os dous personaxes son un pouco un exemplo dun estado vital que calquera pode pasar nalgún momento da súa vida"
Manuel vai evolucionando un pouco cara a saír do pozo, mentres a relación entre David e Claudia vaise complicando máis -tamén polas circunstancias-.
É interesante o enfoque que formulas. Nós partimos do punto de que Manuel e Claudia son máis parecidos, na súa esencia, do que en principio pode parecer. Claudia é, en aparencia, unha persoa máis extravertida, con enerxía, que move a narrativa, que fai avanzar a historia, pero por dentro está igual ca Manuel, non sabe nin que facer nin se lle gusta o que fixo coa súa vida. Manuel comeza perdido, atrapado na noite, na droga, e pouco a pouco vai evolucionando, polo menos ao aceptarse a si mesmo.
"Manuel comeza perdido, atrapado na noite, na droga, e pouco a pouco vai evolucionando, polo menos ao aceptarse a si mesmo"
A novela é, claro, máis complexa. Escollestes contar a historia con Claudia como fío… Por que? A súa relación con David tampouco é doada e iso vese ben, por exemplo, na escena na que el vai tapala cando ela está a tomar o sol sen roupa…
É unha novela escrita en primeira persoa, que fala de moitos temas. Nós tivemos que facer unha escolla. Escollemos o punto de vista de Manuel, que na novela non se nomea. Claudia é o motor de cambio da historia. Para min era importante que aparecese un personaxe feminino como punto clave, que move a narración. Manuel non toma decisións. Máis ben déixase levar, deixa que pase o tempo.
"Para min era importante que aparecese un personaxe feminino como punto clave, que move a narración"
A relación entre David e Claudia implica, si, unha certa violencia contida: cousas non ditas, conflitos non resoltos, unha tensión entre eles. Tamén quería que estivese iso, como nunha relación de parella pode haber certa tensión e non por iso -non sei como dicilo- deixar de ser unha relación romántica. A escena que dis é case como unha danza, un xogo, pero nótase esa tensión. E penso que esa é unha forma de relacionarnos, de amar, que está presente na vida pero non está moi representada no cine, e que sae un pouco do esquema establecido sobre como ten que ser unha relación. Despois, podemos falar tamén de por que saen tanto espidos…
Pode ser unha metáfora da fraxilidade.
Si, é iso. A fraxilidade, a debilidade… O corpo pode darnos tanta ou máis información que as palabras…
Hai outros personaxes secundarios, pero moi importantes na historia. Dante (Morris) e Xia (Xiana Arias), que fai de si mesma…
O personaxe de Dante é moi importante porque é parte do pasado común de Claudia e Manuel, aínda que na película xógase a non contarlle ao espectador o que sucedeu no pasado. Dante representa o nexo de Manuel co malo: as drogas. Morris fixo un traballo moi bo de construción da personaxe: con só tres secuencias enténdese perfectamente esa tensión, e como Dante é motor do drama.
Xiana non ía ser, en principio, unha xornalista de radio, pero eu empecei a pensar en Xiana Arias e entón, claro, tiña que ser. Manuel vive nesa dualidade, atrapado no lado escuro, e ten unha amiga, que é Xiana, que o apoia e que podería axudalo. Ela representa a luz á que el podería collerse, pero decide non facelo. Polo que o que lle pasa tamén é, en parte, froito da súa escolla.
Nunha conversa entre Dante e Manuel sae unha afirmación dura: “Ti nunca serás feliz”. Pode entenderse que a película vai, no fondo, diso. Que pensas ti?
Si, a película fala de tristeza, de estar atrapado na tristeza. A película foi, tamén, evolucionando, e eu non son tan negativa, pero si que fala diso, de personaxes que son incapaces de ser felices. Manuel parece que só o negativo, pero ten moitas cousas: ten traballo, ten talento, ten amigos… pero está pechado en si mesmo. Dante comeza a ver un pouco de luz cando se acepta a si mesmo, acepta que está triste, que lle pasa algo. Despois coñece a Daniela, que tamén o ten difícil, pero acepta a súa situación e tenta cambiala.
"Si, a película fala de tristeza, de estar atrapado na tristeza"
A película está rodada en Santiago -que se recoñece moi ben- nas Rías Baixas e na illa de San Simón, onde montastes un concerto de Sinsal para a rodaxe. Debeu ser complicado…
A película é complexa nese sentido. Santiago é unha cidade difícil para rodar: hai moito ruído, e xa nin tentamos cortar a rúa: preferimos incorporar o que pasa na rúa. Santiago é parte da historia: a maneira de mirar, de camiñar de Manuel perdido polas rúas. Rodamos tamén no Grove e en Portonovo… O Sinsal, en San Simón, está porque a música é unha parte importante da miña vida e tamén o é da vida do personaxe de Manuel. É unha illa na que, ademais, cambia a historia cara a unha aparente festa, unha aparente explosión de enerxía, de actividade, de felicidade, que despois se ve que non é tanto así. Gustábame que fose un sitio illado…
A música é, tamén, bastante importante na película. Bandas galegas actuais.
É moi importante, si. A música que se escoita no Sinsal, nos bares, na viaxe en coche... , que é de grupos galegos actuais, si. Despois hai unha banda sonora, utilizada bastante sutilmente. Temos o son do vento, do mar… Unha parte do son que fomos construíndo musicalmente.
Ángel Santos traballou no guión. Algún nexo hai entre Las altas presiones de Ángel Santos e A estación violenta.
Hai algunhas similitudes nas localizacións ou no tema, pero o meu estilo e o de Ángel son moi diferentes. Creo que o meu é máis explosivo. En calquera caso, o obxectivo era facer unha película de autora a partir da novela. Algo que eu levase ao meu estilo.
"O obxectivo era facer unha película de autora a partir da novela. Algo que eu levase ao meu estilo"
Falaches algo con Manuel Jabois?
Pouco, a verdade. Algo ao principio. Pero el non formou parte do proceso da película, polo menos desde que eu entrei. Facer unha película é un proceso moi longo… E a idea de Dani, como dicía, era facer unha película de autora, que se desprendese incluso da novela para contar a historia que eu quixese contar.