0 Gardados para despois

"A desesperanza está moi presente porque é difícil crer nun futuro que che dá tan poucas oportunidades"

Montse DopicoMontse Dopico | @montsedopico


O Festival de Cine Europeo de Sevilla (SEFF) proxecta este ano, na súa sección Resistencias, os filmes de dúas directoras galegas. Anxos Fazáns presenta A estación violenta, adaptación -libre- da novela homónima de Manuel Jabois, e de Ana Domínguez pode verse o documental Os fillos da vide. N'A estación violenta, Manuel, (Alberto Rolán), un mozo con vocación de escritor, vive atrapado nunha rutina que fica moi lonxe de facelo feliz. Mais o reencontro con dous amigos do pasado, Claudia (Nerea Barros) e David (Xosé Barato), fará que comece a mudar o rumbo.

Anxos Fazáns, Daniel Froiz e Ángel Santos escribiron o guión deste filme, que conta tamén con Laura LaMontagne, Xiana Arias e Antonio Durán "Morris" no reparto e con Diana Toucedo, Iria Silvosa e a propia Fazáns na montaxe, ademais de con Alberte Branco na fotografía, son de Xavi Souto e Sound Troop, banda sonora orixinal de Charles Rapante e temas das bandas The Limboos, Pantis, Rabuda, The Soul Jacket, Atrás Tigre, Chicharrón e Contenedor de Mierda. Falamos con Anxos Fazáns.

O produtor, Daniel Froiz, proponche facer unha película coa novela de Jabois. Que che interesou a ti da historia?

Si. El comprara os dereitos do libro había xa anos e xa estivera traballando en propostas de guión. Veume coa novela, que eu xa coñecía, e con eses traballos previos de guión. O que me atrapou a min foron os personaxes, o seu lado escuro, a súa tendencia á autodestrución. Nun principio eu pensaba que era unha novela sobre unha xeración que non é a miña -pois o libro leva escrito dez anos- pero despois decateime de que é unha historia moi de hoxe, que representa tamén os dramas vitais e existenciais da miña xeración.

"O que me atrapou a min foron os personaxes, o seu lado escuro, a súa tendencia á autodestrución"

De feito, na película, os personaxes de Manuel e o de Daniela, entre os que hai bastante diferenza de idade, teñen un conflito semellante. Non saben moi ben que facer coa súa vida, ante un mercado laboral que deixa pouco lugar para a esperanza.

Os dous personaxes son un pouco un exemplo dun estado vital que calquera pode pasar nalgún momento da súa vida. Un período de crise, de non saber que facer. Iso é algo que está aí, e que eu quería representar. Na miña xeración, e non só na miña, a desesperanza está moi presente, porque é difícil crer nun futuro que che dá tan poucas oportunidades. Mais, ante unha situación parecida, Manuel está atrapado nese estado e Daniela, coa súa xuventude, acepta a situación e busca a maneira de afrontala o mellor posible.

"Os dous personaxes son un pouco un exemplo dun estado vital que calquera pode pasar nalgún momento da súa vida"

Manuel vai evolucionando un pouco cara a saír do pozo, mentres a relación entre David e Claudia vaise complicando máis -tamén polas circunstancias-.

É interesante o enfoque que formulas. Nós partimos do punto de que Manuel e Claudia son máis parecidos, na súa esencia, do que en principio pode parecer. Claudia é, en aparencia, unha persoa máis extravertida, con enerxía, que move a narrativa, que fai avanzar a historia, pero por dentro está igual ca Manuel, non sabe nin que facer nin se lle gusta o que fixo coa súa vida. Manuel comeza perdido, atrapado na noite, na droga, e pouco a pouco vai evolucionando, polo menos ao aceptarse a si mesmo.

"Manuel comeza perdido, atrapado na noite, na droga, e pouco a pouco vai evolucionando, polo menos ao aceptarse a si mesmo"

A novela é, claro, máis complexa. Escollestes contar a historia con Claudia como fío… Por que? A súa relación con David tampouco é doada e iso vese ben, por exemplo, na escena na que el vai tapala cando ela está a tomar o sol sen roupa…

É unha novela escrita en primeira persoa, que fala de moitos temas. Nós tivemos que facer unha escolla. Escollemos o punto de vista de Manuel, que na novela non se nomea. Claudia é o motor de cambio da historia. Para min era importante que aparecese un personaxe feminino como punto clave, que move a narración. Manuel non toma decisións. Máis ben déixase levar, deixa que pase o tempo.

"Para min era importante que aparecese un personaxe feminino como punto clave, que move a narración"

A relación entre David e Claudia implica, si, unha certa violencia contida: cousas non ditas, conflitos non resoltos, unha tensión entre eles. Tamén quería que estivese iso, como nunha relación de parella pode haber certa tensión e non por iso -non sei como dicilo- deixar de ser unha relación romántica. A escena que dis é case como unha danza, un xogo, pero nótase esa tensión. E penso que esa é unha forma de relacionarnos, de amar, que está presente na vida pero non está moi representada no cine, e que sae un pouco do esquema establecido sobre como ten que ser unha relación. Despois, podemos falar tamén de por que saen tanto espidos…

Pode ser unha metáfora da fraxilidade.

Si, é iso. A fraxilidade, a debilidade… O corpo pode darnos tanta ou máis información que as palabras…

Hai outros personaxes secundarios, pero moi importantes na historia. Dante (Morris) e Xia (Xiana Arias), que fai de si mesma…

O personaxe de Dante é moi importante porque é parte do pasado común de Claudia e Manuel, aínda que na película xógase a non contarlle ao espectador o que sucedeu no pasado. Dante representa o nexo de Manuel co malo: as drogas. Morris fixo un traballo moi bo de construción da personaxe: con só tres secuencias enténdese perfectamente esa tensión, e como Dante é motor do drama.

Xiana non ía ser, en principio, unha xornalista de radio, pero eu empecei a pensar en Xiana Arias e entón, claro, tiña que ser. Manuel vive nesa dualidade, atrapado no lado escuro, e ten unha amiga, que é Xiana, que o apoia e que podería axudalo. Ela representa a luz á que el podería collerse, pero decide non facelo. Polo que o que lle pasa tamén é, en parte, froito da súa escolla.

Nunha conversa entre Dante e Manuel sae unha afirmación dura: “Ti nunca serás feliz”. Pode entenderse que a película vai, no fondo, diso. Que pensas ti?

Si, a película fala de tristeza, de estar atrapado na tristeza. A película foi, tamén, evolucionando, e eu non son tan negativa, pero si que fala diso, de personaxes que son incapaces de ser felices. Manuel parece que só o negativo, pero ten moitas cousas: ten traballo, ten talento, ten amigos… pero está pechado en si mesmo. Dante comeza a ver un pouco de luz cando se acepta a si mesmo, acepta que está triste, que lle pasa algo. Despois coñece a Daniela, que tamén o ten difícil, pero acepta a súa situación e tenta cambiala.

"Si, a película fala de tristeza, de estar atrapado na tristeza"

A película está rodada en Santiago -que se recoñece moi ben- nas Rías Baixas e na illa de San Simón, onde montastes un concerto de Sinsal para a rodaxe. Debeu ser complicado…

A película é complexa nese sentido. Santiago é unha cidade difícil para rodar: hai moito ruído, e xa nin tentamos cortar a rúa: preferimos incorporar o que pasa na rúa. Santiago é parte da historia: a maneira de mirar, de camiñar de Manuel perdido polas rúas. Rodamos tamén no Grove e en Portonovo… O Sinsal, en San Simón, está porque a música é unha parte importante da miña vida e tamén o é da vida do personaxe de Manuel. É unha illa na que, ademais, cambia a historia cara a unha aparente festa, unha aparente explosión de enerxía, de actividade, de felicidade, que despois se ve que non é tanto así. Gustábame que fose un sitio illado…

A música é, tamén, bastante importante na película. Bandas galegas actuais.

É moi importante, si. A música que se escoita no Sinsal, nos bares, na viaxe en coche... , que é de grupos galegos actuais, si. Despois hai unha banda sonora, utilizada bastante sutilmente. Temos o son do vento, do mar… Unha parte do son que fomos construíndo musicalmente.

Ángel Santos traballou no guión. Algún nexo hai entre Las altas presiones de Ángel Santos e A estación violenta.

Hai algunhas similitudes nas localizacións ou no tema, pero o meu estilo e o de Ángel son moi diferentes. Creo que o meu é máis explosivo. En calquera caso, o obxectivo era facer unha película de autora a partir da novela. Algo que eu levase ao meu estilo.

"O obxectivo era facer unha película de autora a partir da novela. Algo que eu levase ao meu estilo"

Falaches algo con Manuel Jabois?

Pouco, a verdade. Algo ao principio. Pero el non formou parte do proceso da película, polo menos desde que eu entrei. Facer unha película é un proceso moi longo… E a idea de Dani, como dicía, era facer unha película de autora, que se desprendese incluso da novela para contar a historia que eu quixese contar.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.

Ana Domínguez: “O rural vaise convertendo en pequenas cidades caóticas e absurdas”

Ana Domínguez realiza en Os fillos da vide unha “viaxe en clave persoal á tradición ancestral dos viñedos, a vendima e o viño, na súa relación cos ciclos da vida e coas raíces pagás da festa”. Con discurso entre o etnográfico e o íntimo, con algún trazo rousseauniano e moita reivindicación dun xeito de entender a vida e a relación coa natureza. Con imaxe e son directo de Ángel Rueda, música e deseño gráfico de Lucía Rolle, montaxe de Ángel Rueda, posprodución de son de Sisco Lariño, etalonaxe de César Seijas e guión, produción e dirección de Ana Domínguez -que tamén traballou na montaxe-. Falamos con ela.

A película comeza con imaxes que parecen de vídeo doméstico. Fala de filmar para o recordo, do arquivo fílmico da vida…

Eu veño da pintura. Son pintora e empecei a traballar no audiovisual hai uns anos, en cine e en series de televisión. Utilizaba a cámara como caderno de apuntes de artista, para tomar notas, facer debuxos… O salto foi moi fácil, de usar a cámara como caderno de apuntes a coller a cámara e e contar o que quería contar a través dela. Teño, así, moito arquivo de imaxes, por exemplo sobre o tema das estacións. Que non é só o cambio de estación e o paso do tempo. É a emoción, a parte máis íntima e persoal, o que quería reflectir.

Na sinopse da directora fálase da infancia en Valdeorras, da tradición vitinícola, da montaña sagrada onde se xuntan o mito e o ancestral…

O punto de partida é un pouco a morriña daquel rural da nenez, un xeito de vida en confraternización coa natureza: o noso vínculo ancestral coa terra, cos ciclos vitais de transformación, o traballo en comunidade -na vendima, na matanza-, o xeito de traballar xuntos e facer grupo a través da cooperación. A natureza como algo máxico, primixenio, que a nosa civilización foi deixando de lado, rexeitándoo.

"Unha identidade dun ser humano integrado na natureza, que na nosa sociedade actual está totalmente perdida"

Un tipo de identidade que vai máis alá do político, do social. Unha identidade dun ser humano integrado na natureza, que na nosa sociedade actual está totalmente perdida. Xa non participamos neses ciclos vitais, o cal prexudica a sociedade… O rural vaise convertendo en pequenas cidades caóticas e absurdas. Está perdida esa unión coa natureza. Iso sempre está aí, da mesma maneira que está o mito, e a festa. O Entroido rural é o único campo no que se mantén ese pulso vital.

Nese sentido, na película pode pulsarse iso: vida: os ciclos da natureza -as estacións- e os ciclos da vida en relación con eles, a festa, o Entroido… A celebración da vida, en fin.

Si, claro. E as festas non son as institucionais, as organizadas polos concellos, senón as auténticas, as festas do rural organizadas pola xente. A vendima era unha forma de traballo comunitario que se convertía en festa, nun ambiente de alegría, de celebración. A alegría do cambio de ciclo, da transformación…

No documental saen uns “personaxes” -que son persoas reais- principais. Como os escolliches?

Eu son da zona de Valdeorras e tiven, por iso, un acceso fácil á xente. O que fago é un retrato de tres xeracións: os avós, os pais, a nena. Eu quería, en primeiro lugar, a alguén que traballase na viña -non me valía un adegueiro-, en contacto coa terra. Antonio, que é a persoa finalmente escollida, é familiar meu: primo de meu avó. Non nos coñeciamos moito, pero aceptou encantado. Eu díxenlle que non tiña que actuar, que tiña que facer o que fai alí sempre. Só lle dixen que me avisase cando fose traballar: podar, sulfatar..

Despois están a señora Manuela -a do molicro- e Otilia, a que canta, que son da Rúa de Valdeorras, do barrio de Fontei. Pregunteille a unha amiga que vive alí e a través dela coñecín estas dúas mulleres encantadoras. A primeira vez que quedei con Otilia faloume, con toda a naturalidade, dos homes e as mulleres que se xuntaban na palleira, durante a vendima, para facer as súas cousas. Xa o tiña, título e todo: os fillos da vide. Tiven moita sorte. As outras dúas señoras que saen son miña nai e miña tía.

Falabas de tres xeracións. A nena que colabora na vendima; Manuela, Otilia e Antonio que serían os avós…

Os avós, a nai… A xeración intermedia sería a miña, a que sae nunha comida, debaixo dunha parra, falando de como era a vendima. A nena que sae, que se supón que son eu, a que colabora na vendima e cos cartos que lle dan compra unha boneca Nancy, sería a xeración máis nova. Traballar na vendima era algo normal cando nós eramos máis novos. Traballabas unhas semanas antes de comezar o curso e así tiñas cartos para comezar: para mercar roupa, libros…

"Para unha nena axudar na vendima era un rito de incursión no mundo adulto"

Hoxe sería imposible que unha rapaza colaborase na vendima. Tes que estar dado de alta… A min paréceme normal no caso das adegas: contratan xente para a vendima. Pero quen ten vides para autoconsumo teno complicado. Antes chamabas os veciños e todo o mundo axudaba. E para unha nena axudar na vendima era un rito de incursión no mundo adulto. Tamén na matanza: estabas alí axudando a facer os chourizos e escoitando as conversas dos maiores…

Si, agora mesmo hai control de Facenda dun xeito de traballo comunal que a administración española non comprende. Mais, volvendo ao filme, fálase de ritos pagáns, de “bacanais”, hai unha parte ficcionada sobre o Deus do viño e as bacantes…

É que a Galicia rural é moi pagá. Hai moitos ritos pagáns que se manteñen. Poñían Igrexas nos cumios, enriba de onde houbera castros… A lápida cunha inscrición dedicada a Baco que sae no filme non a inventamos: está no altar da Igrexa de San Xusto, no Barco de Valdeorras. Mantéñense ritos pagáns, esa sabedoría, como a tradición das sanadoras… E é moi importante o ritual, como se ve na festa, relacionadas coa celebración dos ciclos da natureza. Era tamén unha vía de escape, de liberarse do status social, de poder ser un mesmo, en liberdade, por uns días. Se vas ao Entroido de Vilariño de Conso, co ruído e a ambiente acabas entrando como en trance. É unha sensación de comuñón brutal.

"Se vas ao Entroido de Vilariño de Conso, co ruído e a ambiente acabas entrando como en trance. É unha sensación de comuñón brutal"

Citabamos antes a Manuela, que explica como levaban cestos de 25 ou 30 quilos de uva sobre as cervicais, cun saco colocado sobre a cabeza para amortiguar o peso e magoarse menos. É incrible. Nese sentido, o filme -mesmo sen pretendelo- fálanos da posición das mulleres naquela sociedade. Tamén cando Otilia fala de sexualidade…

Si, elas carrexaban cestos de uva moi pesados. Parece incrible. Todo acontece de xeito sinxelo e natural, e elas cóntano ademais dun xeito divertido. Otilia xa di que ela á vendima non ía de boa gana, que tiña medo das cobras.

"Refírese á perda do mito, da tribo, da unión coa natureza"

Falas de identidade e de domesticación. Por que?

Cando a voz narradora fala de domesticación móstrase un río encauzado, un can -lobo domesticado-. Refírese á perda do mito, da tribo, da unión coa natureza. Ao sometemento á sociedade, aos roles sociais aos que temos que adaptarnos. A esencia natural que está perdida. A dificultade de liberarse do lastre social, de independizarse dos roles impostos. Ao principio sae un amigo meu, Yoso, que é un anacoreta, unha persoa que vive nun pobo perdido, en unión coa natureza e en función das súas emocións e non de imposicións sociais.

Algo máis?

Quizais a importancia que demos ás estacións, que en Valdeorras están moi marcadas. A natureza, a vide, dan imaxes moi plásticas. As cepas núas no inverno, as follas verdes na primavera, os froitos no verán, o amarelo do outono… Fixemos posprodución de cor para marcar ben isto. A vide é unha das plantas máis plásticas. A película comeza a remata en outono, amosando os ciclos vitais. Hai unhas pinturas que marcan as transicións…