A Xunta decidiu premer o botón da transferencia bancaria a tres días das eleccións. Este pasado xoves, centos de mariscadoras e mariscadores comezaron a recibir o ingreso do cheque de 550 euros, a axuda extraordinaria para paliar a crise marisqueira acentuada no outono pasado e que o Goberno galego anunciara en precampaña.
Serán máis de 4.300 profesionais do sector marisqueiro os que recibirán nestes días ese pago que equivale, como advertira a Consellería do Mar, "a algo máis de dúas cotas mensuais á Seguridade Social" e que se activou "para paliar os custos básicos do sector" e "en resposta ao brutal impacto dos temporais de finais de 2023". Unha elevada e repentina mortaldade, sobre todo de bivalvos como o berberecho ou a ameixa, que agudizou unha crise na produción que leva anos, influída pola suba das temperaturas e o impacto do cambio climático.
A poucas horas do 18F, milleiros de mariscadoras e mariscadores están a recibir o aviso das súas entidades bancarias dun ingreso mobilizado a través dunhas axudas extraordinarias e directas da Xunta por 4,4 millóns de euros. Os primeiros en percibir o abono, segundo explican desde agrupacións marisqueiras, foron aqueles que máis axiña presentaron a solicitude, o pasado 5 de febreiro, polo que nas vindeiras horas será a quenda dos que esperaron aos últimos días de prazo.
Milleiros de mariscadoras e mariscadores reciben o ingreso da axuda extraordinaria da Xunta a poucas horas das eleccións
"Están chegando ingresos mesmo a xente xa xubilada... Non sei se é que non controlaron demasiado ou que non o quixeron controlar porque estamos nas datas que estamos, antes dunhas eleccións", denuncia desde as Rías Baixas unha veterana mariscadora sobre un cheque que a Xunta tiña previsto pagar, tal e como anunciou, "en febreiro a 7.000 profesionais tanto a pé como a flote".
Finalmente, e segundo datos da Consellería do Mar, serán seis de cada dez profesionais do sector do marisqueo os que reciban o cheque. 3.027 mariscadoras e mariscadores a pé, medio cento que extraen moluscos a pé cunha embarcación auxiliar e 1.286 armadores ou barcos de marisqueo a flote, que rexistraron preto de 1.500 tripulantes a xornada completa.
Mariscadoras cualifican de "esmola" un cheque que "non soluciona nada"
Eses 4.362 profesionais son os que cumpriron cos requisitos impostos para a axuda, que é outorgada a aqueles que ingresaron menos de 3.000 euros brutos durante os pasados meses de outubro e novembro (cinco veces o IPREM, Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples). O abono da axuda, adiantado por O Salto e confirmado por este diario co sector, chega agora a pouco dos comicios.
Desde a Agrupación de Mariscadoras a Pé de Carril, a súa presidenta, María Porto, cualifica de "esmola" unha axuda que "non soluciona nada". "Quen a reciba vai ter para pagar dúas mensualidades da Seguridade Social, pero en abril temos que abrir as zonas outra vez logo dun paro temporal... Que vai pasar?", que reclama que se vinculen as axudas ao "traballo de rexeneración" dos bancos marisqueiros que se fará no futuro e no que as traballadoras aspiran a colaborar.
Da mesma opinión son desde a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA), que advirte dun cheque que supón "unha esmola electoral" previa ao 18F pero que alerta da necesidade de plans e solucións a longo prazo e estruturais para un problema, o devalo da produción, que leva anos agudizándose.
A PDRA e Plademar Muros-Noia insisten na necesidade da "exención" das cotas da Seguridade Social e de axudas directas sen condicionantes ata recuperar a actividade
Precisamente, nun acto público celebrado este xoves pola PDRA e a asociación Plademar (Plataforma en Defensa do Mar) Muros-Noia, ambos colectivos insistiron na necesidade de activar medidas socioeconómicas ata que se recupere a actividade, como "a exención das cotas da Seguridade Social para todas as mariscadoras e mariscadores", axudas directas do SMI con cargo á Xunta e "exentas de condicionantes e compatibles coa rexeneración dos bancos marisqueiros". Tamén axudas directas ao sector do mexillón e ás confrarías con actividade marisqueira para poder "manter todos os postos de traballo".
Tamén reclaman un "plan de actuación en defensa dos sectores tradicionais", medidas medioambientais para a recuperación das rías, a regulación dos desencoros e o control dos vertidos.
Críticas da ministra Ribera
Mesmo a ministra para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, criticou a medida da Xunta, á que lembrou en redes sociais que "rachou o acordo de Rajoy e Feijóo" respecto ao dragado da ría do Burgo e "deixo só" ao Goberno central neses traballos e "non apoio aos mariscadores durante os longos meses de parada". "A tres días das eleccións, de súpeto, recupera o interese e activa unha paga ao sector", denunciou.
En canto á aprobación da axuda de 550 euros no pasado mes de xaneiro, tamén provocara críticas ás confrarías por teren aceptado esa cantidade. A Consellería especificara que a mobilización destes cartos para unha achega directa ao sector fora acordada "despois de media ducia de contactos cos representantes da Federación Galega de Confrarías de Pescadores e as federacións provincias da Coruña, Pontevedra e Lugo".
Os reproches foron a máis logo de que representantes dalgunhas confrarías e mesmo dalgunha federación provincial censurasen por "politizada" a manifestación do pasado 23 de xaneiro en Compostela "en defensa do mar", para días despois acompañar o candidato do PP á presidencia da Xunta, Alfonso Rueda, nun mitin popular en Pontevedra.