A poucas semanas do inicio da campaña electoral, a Xunta de Galicia anunciou axudas extraordinarias e directas por 4,4 millóns de euros para compensar a catástrofe marisqueira do pasado outono, cando unha elevada e repentina mortaldade, sobre todo de bivalvos como o berberecho ou a ameixa, agudizou unha crise na produción que leva anos, influída pola suba das temperaturas e o impacto do cambio climático.
A Consellería do Mar, tal e como anunciou en precampaña, quixo "contribuír a paliar os custos básicos do sector" e pretendía así "pagar en febreiro 550 euros a 7.000 profesionais tanto a pé como a flote", un cheque que "equivale a algo máis de dúas cotas mensuais á Seguridade Social" e que se activou "en resposta ao brutal impacto dos temporais de finais de 2023".
Seis de cada dez profesionais do sector marisqueiro cobrarán os 550 euros prometidos pola Xunta en precampaña
Finalmente, e segundo datos da Consellería do Mar, serán seis de cada dez profesionais do sector do marisqueo os que reciban este cheque. Algo máis de 4.300: 3.027 mariscadoras e mariscadores a pé, medio cento que extraen moluscos a pé cunha embarcación auxiliar e 1.286 armadores ou barcos de marisqueo a flote, que rexistraron preto de 1.500 tripulantes a xornada completa.
Eses 4.362 profesionais son os que cumpriron cos requisitos impostos para a axuda, que é outorgada a aqueles que ingresaron menos de 3.000 euros brutos durante os pasados meses de outubro e novembro (cinco veces o IPREM, Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples).
A listaxe definitiva das axudas, publicada hai unha semana, provocou queixas, por exemplo, no marisqueo da Arousa, desde onde profesionais criticaron que ao computarse os ingresos brutos quedasen fóra da convocatoria moitas traballadoras.
Desde algunha agrupación de mariscadoras, ademais, censurouse unha axuda que consideraron unha "tomadura de pelo", ademais de reclamar "axuda seria" e un plan a longo prazo. Tamén houbo críticas ás confrarías por teren aceptado esa cantidade, logo de que a Consellería especificase que a mobilización destes cartos para unha achega directa ao sector fose acordada "despois de media ducia de contactos cos representantes da Federación Galega de Confrarías de Pescadores e as federacións provincias da Coruña, Pontevedra e Lugo".
As críticas foron a máis, logo de que representantes dalgunhas confrarías e mesmo dalgunha federación provincial censurasen por "politizada" a manifestación do pasado 23 de xaneiro en Compostela "en defensa do mar", para días despois acompañar o candidato do PP á presidencia da Xunta, Alfonso Rueda, nun mitin popular en Pontevedra.
“O problema da caída de produción nas nosas rías non se amaña cun cheque de 550 euros a un mes das eleccións", advirte o PSdeG
Na campaña, tamén a cabeza de lista pola Coruña do PSdeG, Patricia Iglesias, advertiu que “o problema da caída de produción nas nosas rías non se amaña cun cheque de 550 euros a un mes das eleccións". "Son necesarias medidas transversais: plans de rexeneración das rías, regulación do baleirado dos encoros que afectan á salinidade das augas, un plan de axudas que atenda á realidade da crítica situación que atravesa o sector e melloras nas condicións laborais das traballadoras e traballadores do mar”, dixo nun mitin.
Desde o BNG, ademais da posta en marcha dun seguro público para cubrir as perdas do sector marisqueiro e garantir unhas “rendas dignas” a quen está traballando neste ámbito, a súa candidta, Ana Pontón, defendeu máis axudas ao sector para que non se descapitalice. “Nós comprometémos a poñer en marcha axudas mensuais para as mariscadoras pola perda de produtividade. Imos reclamarlle ao Estado tamén que lles reduza as cotizacións á Seguridade Social”, dixo. A candidata propón a ampliación das axudas individuais ata acadar o salario mínimo interprofesional (SMI) para cada mariscadora ata que recupere o ritmo de traballo e de ingresos habitual e evitar que siga en aumento o abandono desta actividade.