Milleiros de persoas saíron á rúa hoxe en Compostela "en defensa do mar" e para denunciar a "indefensión" do litoral galego e a xestión ante o vertido de pellets por parte da Xunta, a quen os convocantes da marcha acusaron de "minimizar os problemas, ignorar os datos científicos e resolver con mentiras e incompetencia". Unha marcha na que traballadores e traballadoras do sector deixaron claro tamén que o recente vertido é só un problema engadido á situación "crítica" desde hai anos das rías galegas, pola que tamén sinalan o "desleixo" da Administración autonómica.
"Os nosos gobernantes estanse a trabucar; volven cometer os erros de hai vinte anos co Prestige", advertiron os convocantes dunha marcha apoiada por 130 colectivos, máis de 40 deles do sector do mar, ademais de por entidades socioculturais, ecoloxistas ou sindicais, e que contou coa presenza dos principais líderes de BNG, PSdeG ou Sumar Galicia.
Milleiros, 15.000 segundo a policía local, rebordaron a zona vella de Santiago contra a xestión dos pellets e o desleixo da Xunta ante a "crise" no litoral galego
Foron milleiros —15.000 segundo a policía local de Santiago— e seguramente máis xente mesmo da agardada, nunha marcha que rebordou as previsións e colapsou a zona vella. "Mentiras e incompetencia, nunca máis", resumiuse nunha marcha que rematou na praza do Obradoiro, que había ben tempo que non recibiu unha mobilización tan multitudinaria, que incluíu moitos traballadores e traballadoras do mar e alcaldes e alcaldesas de localidades costeiras. Desde Ourense, pola contra, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, acusaba "o nacionalismo" de acudir a Santiago "erguendo bulos" e intentar sacar "réditos electorais".
"Unha vez máis, é a cidadanía, somos a cidadanía quen temos que resolver os problemas. Unha vez máis fomos nós que acudimos ás praias retirar os pellets, sen medios de protección e sen contedores", aseguraron Sandra Lorenzo e Sandra González, dúas voluntarias encargadas de ler o manifesto final, que deixou claro tamén que a mobilización non ten que ver só coa crise dos granulados plásticos. "Antes de que chegara a marea de pellets, o noso mar xa estaba danado, leva moitos anos enfermo, dixerindo toneladas de contaminación, augas residuais, verteduras da autoestrada mundial das mercadorías, que son os océanos", dixeron.
Con todo, preguntáronse como fora posible que a Xunta "tardase un mes en activar o plan de continxencias" ou onde están "os medios de oceanografía operacional para determinar o movemento dos sacos no mar", e pediron "unha xestión profesional, coordinada e transparente do noso mar", ademais dun "maior control" dos buques que pasan diante da costa de Galicia.
Así, a manifestación ergueu a voz e pediu "á Xunta e ao Estado" coordinación para actuar, transparencia na información e "a retirada dos sacos de pellets no mar e a achega de medios para apañalos na costa". Tamén medios de protección "axeitados" para o voluntariado e contedores específicos nas praias, ademais de "transparencia sobre a toxicidade dos materiais e os seus efectos sobre a saúde e os ecosistemas mariños". "Non podemos permitir que o noso mar, que os océanos, se convertan nun vertedoiro de plásticos. Esiximos á UE e á Organización Marítima Internacional que declaren os pellets de plástico como mercadoría perigosa", di un manifesto que lanzo un novo berro de "nunca máis" contra "as mentiras e a incompetencia".
Os convocantes advirten que "as rías galegas levan décadas soportando a falta de saneamento ou a falta de regulación dos caudais dos ríos"
Pero a manifestación non se cinguiu só ao episodio dos granulados plásticos e quixo poñer o foco tamén en que as rías galegas "levan décadas soportando a falta de saneamento ou a falta de regulación dos caudais dos ríos". "Cando chegaron os pellets, nós xa estabamos en pe, organizándonos, para reclamar unha vez máis á Xunta que asuma as súas competencias", dixeron, tras alertar da situación actual "crítica" do marisqueo en Galicia, cun "devalo produtivo alarmante dos bivalvos" nos últimos dez anos.
"A suba das temperaturas, o descenso de nutrientes nas rías e o impacto da contaminación, xunto coas caídas de salinidade pola falta de regulación dos encoros, crean unhas nefastas condicións para a produtividade das rías", denuncian, ao que se une, aseguran, "o desleixo da Consellería do Mar e de Augas de Galicia" ante o que "as mariscadoras e mariscadores quedan sen traballo" e as confrarías afectadas "sen entradas económicas".
"Hai un perigo real de que o actual modelo produtivo tradicional desapareza e se introduza a acuicultura industrial. A Xunta debe resolver canto antes o saneamento das rías e a rexeneración dos bancos marisqueiros, na vez de procurar desculpas na crise climática. Ten que dar solucións aos vertidos industriais, ás deficiencias das EDAR, ás avalanchas de auga dos encoros que producen un dano irreparable ao noso marisco", expresou María Porto Maneiro, presidenta da Agrupación de Mariscadoras de Carril.
"Hai un perigo real de que o actual modelo produtivo tradicional desapareza e se introduza a acuicultura industrial"
No manifesto, os 130 colectivos criticaron que a Xunta, en lugar de "asumir os problemas concretos galegos" se "dedicase a aprobar leis que facilitan os recortes dos nosos dereitos ambientais e axilizan iniciativas empresariais de fóra ben depredadoras" que, segundo din, "traerán máis contaminación aos ríos e ás rías e ocuparán o espazo marítimo dos caladoiros e actividades" da xente do mar.
Por todo iso, os convocantes "exixen" á Xunta un "plan urxente de actuación", que inclúa un estudo interdisciplinar, independente e integral das rías e un plan de saneamento e de rexeneración dos bancos marisqueiros con dotación económica, así como a regulación do protocolo dos desencoros. Tamén cobertura económica a todo o sector do mar mentres manteña o cesamento de actividade, axudas para cubrir a mortaldade do mexillón e actuacións ante as verteduras a mar e ríos, ademais dun control sanitario das importacións de marisco.
Á marcha asistiron varios líderes políticos. Ana Pontón, candidata do BNG á presidencia da Xunta, dixo apoiar aos que se "rebelan contra as mentiras" e amosan "o seu amor polo mar e o medioambiente". Ademais, destacou que a Xunta "repetiu" durante esta crise dos pellets a "ocultación, a mentira, a manipulación a falta de respecto e a desprotección" dos ecosistemas que levou a cabo durante o Prestige.
Pola súa banda, o candidato do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, chamou a limpar o mar de pellets e de "contaminación de mentiras". Ademais, a aspirante á Xunta por Sumar Galicia, Marta Lois, reivindicou a marcha deste domingo, unha "marea contra os plásticos e contra a incompetencia de Rueda e do PP".
Tamén asistiu á marcha a secretaria política de Podemos, Irene Montero, que criticou o "desastre de xestión" da Xunta: "Co PP sempre é outra vez".