Un plan de rexeneración das rías, un seguro público para as mariscadoras, a ampliación das axudas individuais ata acadar o SMI ou a redución das cotizacións á Seguridade Social foron as principais medidas propostas pola candidata nacionalista
Garantir as rendas dignas para as persoas mariscadoras e evitar así a descapitalización do sector. A creación dun seguro público para as traballadoras e traballadores do sector marisqueiro foi unha das principais medidas propostas por Ana Pontón durante unha reunión mantida con profesionais deste eido na Illa de Arousa.
A candidata do BNG á Presidencia da Xunta acudiu ao encontro na ría de Arousa cargada de propostas para poñerlle freo á caída de ingresos e de produtividade do sector nos últimos anos, segundo debullou, en declaracións aos medios, antes da reunión. Un plan de rexeneración das rías, un seguro público para as mariscadoras, a ampliación das axudas individuais ata acadar o Salario Mínimo Interprofesional (SMI), a redución das cotizacións á Seguridade Social, a creación dun consorcio mixto de investigación do medio mariño ou a aposta pola transformación dos produtos do mar para dotalos de máis valor engadido, serían as principais medidas para implementar desde o Goberno galego neste eido.
“Nós comprometémos a poñer en marcha axudas mensuais para as mariscadoras pola perda de produtividade", subliñou Ana Pontón
“No relativo á produción, é básico poñer en marcha un plan de rexeneración e recuperación da nosas rías”, anunciou Pontón, á vista da perda de produtividade, non só no sector do bivalvo, senón tamén da pesca e noutros sectores do marisqueo, dixo.
“Entendemos que é fundamental que a próxima lexislatura sexa a da rexeneración das nosas rías cun plan no que ten que participar economicamente non só a Xunta senón tamén o Estado e os propios fondos da UE”, indicou. Con este plan búscase facer fronte á “brutal” perda de produtividade, que afecta os bivalvos pero tamén o mexillón, o percebe, o polbo ou os crustáceos, perda de produtividade que en algunhas especies está por riba do 80%.
A candidata defende que este apoio á produción pasa tamén pola aposta polas hatcheries, “que teñamos semente propia neste país, que se regule o baleirado de encoros, que é un dos problemas que afecta moito á produtividade nas nosas rías”, explicou.
Ademais da posta en marcha dun seguro público para cubrir as perdas do sector marisqueiro e garantir unhas “rendas dignas” a quen está traballando neste ámbito, Pontón defendeu máis axudas ao sector para que non se descapitalice. “Nós comprometémos a poñer en marcha axudas mensuais para as mariscadoras pola perda de produtividade. Imos reclamarlle ao Estado tamén que lles reduza as cotizacións á Seguridade Social”, dixo. A candidata propón a ampliación das axudas individuais ata acadar o salario mínimo interprofesional (SMI) para cada mariscadora ata que recupere o ritmo de traballo e de ingresos habitual e evitar que siga en aumento o abandono desta actividade.
A candidata defendeu a posta en marcha dunha comercializadora mixta dos productos galegos para que se identifiquen cunha marca propia
No ámbito da investigación, a forza nacionalista propón a creación dun consorcio científico de estudo e coñecemento do medio mariño no que participen centros de investigación, universidades e o propio sector. “Temos diferentes centros que traballan de maneira descordinada e temos que facer unha gran invesvestigación para saber que está pasando nas rías”, alertou.
Con respecto á comercialización, a candidata defendeu a posta en marcha dunha comercializadora mixta dos productos galegos para que se identifiquen cunha marca propia que garanta que ese produto que se vende como galego é realmente produto que sae das nosas rías e do noso mar.
Pontón tamén apostou por unha maior transformación do produto para redundar nos beneficios económicos do sector. “Nós temos un produto fresco de moita calidade pero sabemos que a súa transformación pode darlle moito máis valor engadido e que cheguen rendas máis dignas para as persoas que están traballando”. “É un traballo duro e complexo que ten que ter rendas dignas”, subliñou.
Limpeza de plásticos todo o ano
Xa durante o mitin celebrado en Ribeira na tarde do martes a candidata puxo o énfase na necesidade de mellorar a calidade das augas para axudar a remontar a produtividade no sector marisqueiro. Pontón comprometeuse a pór en marcha un plan de rexeneración das rías, incluíndo a limpeza e recollida de plásticos os 365 días do ano, co obxectivo de recuperar a produtividade perdida. “Galiza é unha nación pesqueira e marisqueira e queremos que siga sendo así, e iso pasa pola limpeza integral das nosas rías, tanto por razóns ambientais como de xeración de riqueza e emprego”, proclamou.
Pontón comprometeuse a pór en marcha un plan de rexeneración das rías, incluíndo a limpeza e recollida de plásticos os 365 días do ano
A candidata nacionalista subliñou que entre as prioridades do Goberno do BNG vai estar a defensa do sector da pesca e o marisqueo, clave para a economía galega e que hoxe, asegurou, está en risco debido á perda de produtividade das rías, que en algunhas especies pode chegar a ser do 80%, polo elevadísimo nivel de mortaldade de ameixa, berberecho ou navalla. “Non podemos permitir que se poñan en risco centos de postos de traballo mentres o Partido Popular está cruzado de brazos”, engadiu.
O apoio de Anxo Quintana
O exvicepresidente da Xunta Anxo Quintana fixo explícito este martes o seu apoio a Ana Pontón coa súa participación no mitin celebrado polo BNG en Xinzo. “Moitos queren unha presidenta como Ana Pontón, independentemente da súa condición partidaria”, afirmou.
A candidata conta así coa adhesión doutro "peso pesado" da forza nacionalista e segue a aglutinar forzas de cara ao 18F, logo do histórico acordo asinado o 14 de xaneiro con Anova e o correspondente achegamento a Martiño Noriega e Xosé Manuel Beiras, co que se fundiu nunha aperta para o recordo ao finalizar o acto.