Pontón, do aprendido na cociña da casa á presidencia: "Un goberno da miña filla mellorará a vida dos galegos"

Ana Pontón, flanqueada polos seus pais, Aurita e Luis, na casa familiar de Chorente (Sarria) este 2 de febreiro CC-BY-SA Praza.gal

A candidata do BNG volve comezar a carreira electoral na aldea onde se criou flanqueada polos seus pais, desta volta ao pé da cociña onde "aprendín moito do que me gustaría facer como presidenta"

No comezo da campaña das eleccións galegas de xullo de 2020, o PP virou á cabeza cara á campaña do BNG cando soubo da decisión de que a súa candidata á presidencia, Ana Pontón, principiaría a carreira electoral na aldea onde se criou e flanqueada polos seus pais. O Bloque, analizaran os populares, dera unha viraxe ao seu ton de campaña e acrecentaba o perfil presidenciable da súa portavoz nacional.

Catro anos despois, este 2 de febreiro, Pontón volveu poñer rumbo ás urnas dende a casa familiar de Chorente (Sarria). Antes daquel 12X no que o Bloque triplicou amplamente representación parlamentaria ata liderar a oposición fora na leira da casa e desta volta, na cociña. A mesma cociña dende a que felicitou as festas hai dous anos e outra volta cos pais, Aurita e Luis, pero con moita máis concorrencia de xornalistas que en 2020.

Ana Pontón colle da man o seu pai, emocionado, durante a súa intervención na cociña da casa familiar de Chorente CC-BY-SA Praza.gal

"Moito do que me gustaría facer como presidenta aprendino nesta cociña: coidar dos demais, cooperar, saber que dende aquí non temos que poñernos límites, senón aspirar a todo", explicou Pontón ante unha mesa con café, bica de castañas e filloas na que, se cadra, a prensa agardaba con maior expectación as declaracións da nai da candidata que da candidata mesma.

"Se Ana é presidenta, traballará con honestidade para mellorar a vida dos galegos", di Aurita Mondelo, nai da líder do Bloque, que pide ao electorado indeciso que lle dea "unha oportunidade"

E Aurita Mondelo falou. Desta volta, explicou, decidiu anotalo no móbil para que os nervios non a traizoasen ante tanta prensa, pero non precisou moito do guión. "Un goberno liderado pola miña filla mellorará a vida de todas as persoas en Galiza", resumiu. 

"Se Ana é presidenta, traballará con honestidade e intensidade para mellorar a vida dos galegos e galegas", explicou antes de volver pedir "unha oportunidade" para a candidata do BNG, tamén a esa "moita xente" que pode "non saber a quen votar". "Non se van arrepentir, é unha gran persoa e unha gran política cun gran corazón". Na propia familia de Pontón "votabamos ao PSOE e dende que ti empezaches co teu, cambiamos todos", confesou entre risos da aspirante á presidencia.

Ana Pontón, cos seus pais na cociña da casa familiar de Chorente (Sarria), este 2 de febreiro CC-BY-NC-SA BNG

Mentres o pai da nacionalista procuraba conter as bágoas da emoción, Pontón evocou a súa infancia e mocidade. Ten interese, di, en que o electorado poida saber "de onde vén a candidata" porque nesa información tamén poden ver reflectido "o que quero facer con este país", dende as políticas específicas para o ámbito rural ata o "valor do traballo das mulleres" que, di, sempre lle inculcou a súa avoa, "semente das mulleres que abriron camiño e nos aprenderon a aspirar a todo".

"O 18 de febreiro vai comezar a primavera", augura Pontón. "É que vale, eh!", agrega a súa nai

"Algúns ven o mundo dende Madrid e cren que todo é un escenario para as súas batallitas", agrega. Pero ela prefire observar o país dende Chorente para afrontar unhas eleccións que "van de Galiza" e trazan "un escenario moi aberto" cunha "posibilidade real" de acabar sendo investida presidenta. 

"Hai moitas persoas cansas de 15 anos do PP e é o momento de aspirar por algo diferente", conclúe a líder do Bloque, quen augura que este ano, en Galicia "o 18 de febreiro vai comezar a primavera". "É que vale, eh, vale para todo!", exclamou a súa nai.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.