Tras Inditex e Stellantis hai ano e medio, nos últimos meses Pontón vén visitando diversas firmas nunha xira que desde o BNG compatibilizan co tradicional apoio da formación ás reivindicacións de traballadoras e traballadores
"A diferenza de Rueda e do PP, que só teñen tempo para os empresarios, nós reunímonos tanto con empresas como con traballadoras afectadas por conflitos nelas" porque "se queres presidir o país tes que reunirte cos empresarios". Así explican dúas responsables do BNG a estratexia na que vén afondando hai meses a súa candidata á presidencia da Xunta, Ana Pontón. A vocación da formación nacionalista de estar a carón das traballadoras e traballadores do país nas súas mobilizacións laborais está a verse complementada por reunións e visitas a destacadas empresas galegas coas que Pontón tenta reforzar o seu perfil económico e trasladar a mensaxe de que aposta por fortalecer e industrializar a economía galega.
Unha estratexia que non é nova, como demostran os encontros desde hai anos de Pontón cos clubes financeiros galegos -reeditados nesta mesma campaña electoral- ou con diversas empresas, aínda que se vén acelerando nesta última lexislatura xa como líder da oposición e especialmente nos últimos meses.
Os grandes fito da aproximación de Pontón ao eido da gran empresa non xa só en Galicia senón mesmo a nivel mundial foron as visitas que realizou hai ano e medio, en xullo e outubro de 2022, á fábrica de Stellantis en Vigo e á sede de Inditex en Arteixo, onde foi guiada polo director da factoría viguesa e polo conselleiro delegado da textil coruñesa. Seguía así o ronsel doutros líderes do BNG que xa fixeran o mesmo no pasado, como as visitas a Inditex de Xosé Manuel Beiras en abril de 2001, acompañado por Camilo Nogueira, ou de Anxo Quintana en 2002 e 2009, como portavoz nacional do BNG e como vicepresidente da Xunta.
Tras o pasado verán, unha vez que o PP e Alfonso Rueda lanzaron a precampaña electoral, Pontón mantivo encontros con empresas pesqueiras na feira Conxemar de Vigo; no sector lácteo visitou tanto a cooperativa CLUN como o Grupo Lence, propietario de Leite Río; recorreu as instalacións de Finsa en Santiago; ou acudiu a Piensos Alborés en Mazaricos para comprobar as súas melloras enerxéticas. Visitas nas que Pontón puxo o foco na importancia desas empresas para os sectores produtivos galegos, de xeito que o lácteo mellore os ingresos dos gandeiros ou o sector forestal permita unha "ordenación multifuncional do monte" e "pechar os ciclos produtivos no sector da madeira".
Estas visitas e reunións con empresas de todos os tamaños ven alternándoas Pontón con encontros tamén con outros sectores da economía como o comercio de proximidade, firmas enerxéticas alternativas ou que apostan pola innovación. Ou con reunións como as de hai un mes con dúas comisarias europeas, de Cohesión e Reformas e de Ciencia e Investigación, nas que puxo en valor os fondos europeos para modernizar o tecido produtivo galego.
"O empresariado do país non está confiando no actual Goberno da Xunta, porque non está investindo en Galiza", sinalan desde o BNG
Desde o BNG sinálase que "o tecido empresarial é fundamental para o país, clave para unha Galiza con futuro, e Pontón quere coñecer de primeira man tanto a gran empresa como a pequena empresa, que é a gran maioría do tecido empresarial do país". Unha portavoz da formación nacionalista tamén sinala que "o empresariado do país non está confiando no actual Goberno da Xunta, porque non está investindo en Galiza", cuestión que o BNG quere reverter.
Para iso, Pontón vén poñendo o foco na innovación do tecido produtivo. "Recorreu todos os principais institutos ou centros de investigación do país, ademais de centros de referencia no Estado como o ICREA catalán ou o Ikerbasque de Euskadi", salienta o BNG, que lembra que presentou, e foi rexeitada polo PP, unha proposición de lei para crear Innogal, unha entidade que promova e coordine a investigación e o desenvolvemento en Galicia.
Nesa liña, o BNG xa divulgou algunhas das medidas propostas polo consello asesor que creou para conformar o seu programa de goberno de cara ao 18F. Entre elas, no eido empresarial e produtivo destacan instrumentos como o Instituto Galego de Crédito e Investimento ou o desenvolvemento dunha "estratexia de compra pública responsable que sirva para apoiar o tecido produtivo de base territorial".
Tamén se propón poñer en marcha un Plan de Fomento da Actividade Tecnolóxica e Industrial para incrementar en sete puntos o peso da industria no PIB e xerar 12.000 empregos en sectores estratéxicos da industria galega ata 2030, e un Pacto Galego pola Ciencia co obxectivo de "alcanzar un investimento do 3% do PIB en 2030 para que a I+D+i sexa motor e panca de desenvolvemento económico, social e cultural". Ou un "impulso ao medio rural e costeiro e á produción de alimentos para avanzar cara á soberanía alimentaria".