A portavoz nacional e candidata á presidencia da Xunta, Ana Pontón, defendeu a intervención pública de Alcoa como a "vía definitiva para rematar coa chantaxe e os continuos incumprimentos da multinacional" e "garantir a produción e o emprego".
"Se foi posible con Telefónica é posible con Alcoa para garantir a produción e os miles de empregos desta factoría", di Pontón
“Como presidenta, defenderei a intervención pública da Xunta en Alcoa e reclamarei que o Estado tamén participe, unha intervención conxunta de ambas administracións que despexe dunha vez por todas o futuro desta factoría, tanto en termos de produción como de emprego”, declarou durante unha visita ao concello mariñao de Barreiros, advertindo que esta intervención será "un asunto prioritario" se alcanza a presidencia da Xunta-
“Só fai falta vontade política, a mesma que levou ao Goberno central a entrar en Telefónica facéndose co 10% da compañía”, alegou. "Se foi posible con Telefónica é posible con Alcoa para garantir a produción e os miles de empregos desta factoría", insistiu.
Pontón lembrou que asume este compromiso despois de que este mesmo mes se coñecese que a multinacional se negaba a cumprir o acordo asinado cos sindicatos, en particular deixando no aire os investimentos máis importantes, "un novo incumprimento que volve colocar na indefensión ós traballadores e ás traballadoras e, por derivación, á comarca da Mariña, coa repercusión económica e social que iso implica".
“No BNG pensamos que nin A Mariña, nin Galiza pode estar sometida a unha chantaxe permanente por parte da multinacional, sobre todo porque estamos ante unha empresa estratéxica para o noso país e a única fábrica de produción de aluminio de todo o Estado”, concluíu.