A candidata do BNG á presidencia da Xunta, Ana Pontón, chamou a toda a xente que "quere cambio" na Xunta a "concentrar" o voto na súa formación porque "un goberno liderado polo BNG é a mellor lotaría que lle pode a tocar a Galicia" nas eleccións do vindeiro 18 de febreiro.
Nunha comparecencia ante os medios en Santiago, e apoiada por varios membros da executiva nacionalista, como a alcaldesa compostelá Goretti Sanmartín ou o deputado no Congreso, Néstor Rego, Pontón insistiu na idea de concentrar o voto no Bloque, non dispersalo e en apelar á participación para "facer historia".
Pontón chama a toda a xente que "quere cambio" na Xunta a "concentrar" o voto no BNG
"Quero dirixirme aos que non se conforman con malo coñecido, os que queren unha Galicia mellor, que avance e progrese", insistiu a candidata á Xunta, que manifestou que o BNG "sae a gañar" para que ela se converta na primeira muller da historia en asumir a presidencia do Goberno galego.
"A Galicia vaille ir mellor cunha presidenta do BNG", dixo, antes de advertir de que o país "merece" un goberno liderado por unha muller á fronte dun "proxecto sólido, con ideas de transformación e a capacidade para levalas adiante".
Ademais, Pontón tamén quixo alertar contra "as batallitas madrileñas" que, dixo, serán "trasladadas" á campaña das autonómicas por parte das forzas estatais. "Non nos merecemos que se traslade aquí a crispación madrileña", dixo, asegurando a extrapolación de polémicas e debates alleos "demostra que Galicia é o menos importante" para PSOE e PP.
"As eleccións non van de (Pedro) Sánchez e de (Alberto Núñez) Feijóo" senón que "van de poder avanzar" desde Galicia para "deixar atrás" 14 anos de "retrocesos" e "recortes" en sanidade ou servizos públicos, insistiu para logo alertar das "mensaxes desmobilizadoras" que, di, chegan "dos de sempre".
"Imos escoitar aos de sempre que non, que non hai nada que facer en Galicia, que non é posible un cambio", alertou, antes de apelar a combater aos "predicadores do non" que buscan "desmobilizar". Por iso, insistiu en combater esa mensaxe "concentrando o apio no BNG" como "garantía" de que exista un goberno na Xunta con capacidade para "mellorar a vida" dos galegos.
Nesa idea incide, ademais, a carta á militancia do Bloque remitida pola dirección nacionalista, que chama ás bases a aproveitar a oportunidade de "facer historia".
"Os datos internos que temos confirman que a maioría da sociedade galega quere un cambio na Xunta, e que Ana Pontón e o BNG son a referencia dese cambio", di a carta, na que chama a esforzarse en trasladar a idea de que o BNG representa a opción do "voto útil". Así, incide en que "dispersar o voto" supón "facerlle un favor ao PP", polo que insta as bases a traballar nunha campaña que será "intensa" para incrementar os apoios a unha forza que se ve "á alza" e que cre que "xera confianza, ilusión e ofrece seguridade e solvencia".