A líder do BNG quere utilizar máis recursos comunitarios para a innovación e combater o despoboamento
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, mantivo este martes diversas reunións en Estrasburgo, entre elas coas comisarias europeas de Cohesión e Reformas, Elisa Ferreira, e de Ciencia, Investigación, Cultura, Educación e Mocidade, Iliana Ivanova. Nos encontros a nacionalista, que estivo acompañada da eurodeputada do BNG Ana Miranda, reclamou ás defendeu ante as responsables comunitarias a necesidade dunha maior axilidade na xestión dos fondos europeos e unha maior participación neles dos concellos.
Segundo o BNG, Pontón subliñou a necesidade de "axilizar a xestión e investimento" de todos os fondos europeos que corresponden a Galicia, un total de 3.150 millóns de euros no período 2022-2027 entre os xestionados pola Xunta e os que administra o Estado, así como de financiar a formación do persoal encargado da súa xestión en todo tipo de administracións para acelerar o seu acceso ás e aos destinatarios e incrementar o número de profesionais que se dedican a este labor. De igual xeito, avogou por "incrementar a participación dos concellos" reforzando a política de cohesión desde abaixo, dado que máis do 81% dos concellos galegos son receptores destes recursos.
A líder nacionalista salientou a importancia en concreto dos fondos de cohesión na loita contra o despoboamento e a dinamización do medio rural e considerou necesarias medidas específicas para garantir un rural vivo, sustentable e dixital, máis tendo en conta que o FEADER-Rexional Galicia está destinado ao fomento da competitividade na agricultura, a xestión sustentable dos recursos e a loita contra o cambio climático.
Pontón tamén trasladou á comisaria Ferreira a preocupación do BNG polo baixo nivel de execución de todos os fondos europeos que corresponden a Galicia e recordou que mentres xa está en marcha o novo marco de financiamento europeo 2021-2027, a Xunta aínda está tentando investir os fondos do período anterior, consumindo a prórroga de tres anos que finaliza o 31 deste mes. Segundo dixo, "a mala xestión do Goberno do PP faille perder oportunidades aos sectores produtivos, ás empresas e ao conxunto da cidadanía". Advertiu tamén de que os Executivos do PP "non fixeron investimentos estruturais de calado, nin puxeron en marcha proxectos innovadoras que serviran de panca modernizadora" nos últimos anos cando o que necesita Galicia son "proxectos e investimentos a longo prazo".
Pontón reafirmou o seu compromiso de impulsar un Pacto pola Ciencia que incremente o investimento en innovación
Pontón e Miranda valoraron como moi positivas tanto a reunión coa comisaria Ferreira como a mantida coa comisaria Ivanova, á que trasladaron a necesidade de destinar máis fondos á innovación e á investigación, claves para o desenvolvemento económico e a creación de emprego en Galiza.
A portavoz nacional lamentou a situación da ciencia en Galicia, moi por debaixo do investimento da media europea, polo que reafirmou o seu compromiso nun goberno do cambio liderado polo BNG de incrementar o investimento a través dun Pacto pola Ciencia co obxectivo de alcanzar o 2,5% do PIB nos próximos anos, así como a promoción da ciencia aberta e as misións, en liña co Programa Marco do Horizonte Europa, nos ámbitos marcados como estratéxicos pola UE, como o cambio climático, as cidades intelixentes ou a alimentación.
Ademais de deseñar unha carreira investigadora que dote de estabilidade e condicións de traballo dignas ao persoal investigador e reducir a fenda de xénero, Pontón tamén comprometeu a creación dun programa de retorno e captación de talento, a posta en marcha dunha rede galega para a ciencia, a tecnoloxía e a innovación co obxectivo de coordinar todo o sistema investigador do País, e a mellora da transferencia de coñecemento para promover unha economía máis innovadora e resiliente.
Ademais das xuntanzas de traballo coas comisarias, Pontón mantivo tamén un encontro con deputados e deputadas do Grupo Verdes-ALE, no que está integrado o BNG dentro da Eurocámara.