O Goberno de España remitiu este venres á Comisión Europea a listaxe dos 100 maiores perceptores finais dos fondos Next Generation, cumprindo así cunha das esixencias de Bruxelas para supervisar o uso que se fai das axudas. Segundo explica o Ministerio de Asuntos Económicos, os meirandes beneficiarios dos fondos europeos no Estado recibiron 5.100 millóns en axudas, o 14% da cantidade total concedida, de 37.000 millóns ata o momento polo cumprimento dos obxectivos marcados.
As entidades públicas son as grandes beneficiadas dos fondos europeos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, especialmente Adif que, como noutros moitos casos, emprega os cartos para concursos que logo adxudican obras e proxectos a compañías privadas.
Entre Adif e Adif Alta Velocidade recibiron 2.500 millóns de euros, sendo os dous organismos con maior montante. O Ministerio de Transportes, con algo máis de 300 millóns, é o seguinte neste podio no que as tres institucións estatais asumen as axudas comunitarias para proxectos de "mobilidade sostible, segura e conectada".
O Porto da Coruña é a sétima entidade que máis fondos recibiu, con 107,6 millóns, que sufragan na súa maioría proxectos no peirao exterior de Arteixo
A continuación sitúase o Instituto Nacional de Ciberseguridade, con 171 millóns dos fondos Next Generation, a Empresa municipal de Transportes de Madrid (163 millóns), a Cámara de Comercio de España (121) e, xa na sétima posición, a Autoridade Portuaria da Coruña, con 107,6 millóns de euros.
O Concello de Vigo é o sétimo concello do Estado que máis fondos de recuperación da UE capta
Xa que logo, é o Porto coruñés a entidade que máis fondos destas axudas capta en Galicia, ao ser o peirao exterior de Punta Lagosteira, no municipio de Arteixo, unha da referencia en proxectos estratéxicos de transición a unha economía verde. Os fondos Next Generation sufragan distintos investimentos que teñen que ver coa eficienca enerxética o acceso ferroviario ou a sostibilidade nunha dársena que acolle iniciativas como as de Enerfin ou a nova terminal de Repsol, entre moitos outros.
Para atopar o seguinte receptor das axudas comunitarias dentro desta lista dos 100 primeiros temos que chegar case ao posto número 40 para encontrar o Concello de Vigo, que suma máis de 16 millóns ao abeiro do Plan de choque de mobilidade sostible, segura e conectada con contornos urbanos e metropolitanos e do Plan de rehabilitación de vivenda e rexeneración urbana.
Na lista dos cen maiores perceptores dnon figuran as comunidades autónomas, con preto de 24.500 millóns en total
O vigués é o sétimo concello do Estado que máis fondos capta, só por tras de Madrid, Zaragoza, Alacant, Valladolid, Murcia e Bilbao. Nesta listaxe dos 100 maiores receptores destas axudas comunitarias post-COVID sitúanse outros tres municipios de Galicia: Ourense, con 12,2 millóns; A Coruña, con 10,2; e Lugo, con case 7 millóns de euros. En todos os casos son cartos destinados á mobilidade sostible e a mellora das conexións.
Na listaxe, tal e como aclara o Executivo central, non figuran as comunidades autónomas, que no seu conxunto recibiron preto de 24.500 millóns dos fondos europeos para a xestión de investimentos. En Galicia, ata febreiro de 2022, os diferentes ministerios do Goberno de España implicados na xestión dos fondos europeos de recuperación achegaran a Galicia 1.144,18 millóns de euros.
Segundo os últimos datos achegados no pasado mes de marzo sobre as asignacións destes fondos comunitarios ás comunidades autónomas para a xestión dos investimentos, Galicia disporía xa de case 1.300 millóns, sendo o sexto territorio que máis cartos tería recibido.
Por outra banda, tal e como destaca o Goberno de España, o Plan de Recuperación abrangue en España máis de 500.000 proxectos financiados cun investimento de 30.000 millóns de euros en convocatorias de axudas e licitacións resoltas.
A maioría dos proxectos no listado dos primeiros cen receptores "destínanse á transición verde, cun peso significativo da mobilidade sostible, na tripla vertente de rede ferroviaria convencional e alta velocidade, creación de zonas de baixas emisións urbanas, substitución do parque automobilístico e de autobuses eléctricos e cadea de valor do vehículo eléctrico e conectado". Tamén destacan os importantes investimentos na dixitalización das administracións públicas.
Na lista que presentou o Goberno de España hai 40 empresas privadas, "fundamentalmente entidades de gran tamaño que, pola súa capacidade, levan a cabo proxectos de envergadura".