Contas reclama "transparencia" e "control público" na empresa da Xunta e Abanca para captar fondos europeos

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, conversa con Rosa Sánchez-Yebra, conselleira de Impulsa Galicia, durante unha presentación da empresa en Madrid CC-BY-SA Xunta

En abril de 2021 a Xunta lanzou a creación da Sociedade para o Desenvolvemento de Proxectos Estratéxicos de Galicia, unha empresa público-privada denominada comercialmente como Impulsa Galicia destinada, segundo declarou no seu nacemento, a "apoiar a maduración" de propostas de empresas que optasen dende Galicia aos fondos europeos de recuperación Next Generation e mais a "axudar na busca de futuros investidores para o seu desenvolvemento".

Impulsa Galicia naceu cun capital de 5 millóns de euros. O 40% correspondía á propia Xunta, que ten a Abanca como segundo principal socio (38%) O accionariado complétano Sogama, a empresa de xestión de residuos na que a Xunta é socia maioritaria xunto a Naturgy, e mais Reganosa, a regasificadora de Mugardos, onde o Goberno galego ten o 28,5% da empresa matriz, Reganosa Holdco, que controla o Grupo Tojeiro.

Consello de administración de Impulsa Galicia, reunido a finais de xuño en instalacións de Abanca tras ser presidido por primeira vez por Lorenzana como nova conselleira de Economía © Impulsa Galicia

Esta empresa comandada pola Xunta e Abanca, que como presidenta á conselleira de Economía, María Jesús Lorenzana -anteriormente foino o ex-vicepresidente Francisco Conde- naceu entre críticas da oposición parlamentaria e outras entidades por falta de transparencia en torno aos proxectos privados que o Goberno galego apoia para obter fondos europeos. Parte deles veñen sendo ocultados por "confidencialidade", reiterou o Executivo. Agora esas sombras son tamén evidenciadas polo Consello de Contas, o órgano encargado de fiscalizar as finanzas públicas galegas.

"A Xunta como accionista de referencia debe arbitrar as medidas oportunas para transparentar a actuación financeira desta entidade e para que a súa actuación sexa sometida a control público", di o Consello de Contas sobre Impulsa Galicia

Este 28 de xullo -como vén sendo habitual, en datas que limitan a súa repercusión pública- Contas entregou ao Parlamento unha decena de informes correspondentes ao exercicio 2021. Entre eles está a habitual análise da xestión da Administración paralela da Xunta, as coñecidas como "entidades instrumentais", isto é, axencias, fundacións, empresas públicas e outras entidades dependentes do Goberno galego. E, a respecto de Impulsa Galicia, o ente fiscalizador inclúe unha clara esixencia de "transparencia" e "control público".

Concretamente, Contas, advirte da necesidade de "establecer as medidas oportunas para transparentar a actuación financeira das entidades na que a Xunta sexa accionista, socio ou partícipe de referencia" aínda que "non posúa illadamente o control" e "para que a actuación destas entidades sexa sometida a control, supervisión pública e rendición de contas". "En particular", especifica o informe, é unha recomendación "aplicable" a Impulsa Galicia e tamén a Meisa (a Estación de Inverno de Manzaneda) e o parque eólico experimental Sotavento.

Referencia a Impulsa Galicia no informe de fiscalización das entidades instrumentais da Xunta correspondente a 2021, entregado por Contas ao Parlamento este 28 de xullo CC-BY-SA Praza.gal

No caso concreto de Impulsa Galicia, Contas detalla que a participación do 48% da Xunta no seu capital elévase ata o 50% dos "dereitos de voto", dada a participación de Sogama. Atendendo a esa participación e á presenza de ata tres membros do Consello da Xunta no seu comité executivo -ademais de Lorenzana, os conselleiros de Facenda e Medio Rural-, "a Xunta como accionista de referencia debe arbitrar as medidas oportunas para transparentar a actuación financeira desta entidade e para que a súa actuación sexa sometida a control público", advirte.

A Xunta alegou que a Intervención Xeral xa "desenvolve control financeiro" sobre Impulsa Galicia e outras sociedades, pero Contas discorda: pídelle medidas de "control, supervisión pública e rendición de contas" e "non foron tomadas"

Durante o trámite de alegacións -prazo no que a Xunta pode realizar as achegas ou obxeccións que considere aos informes de Contas-, o Goberno galego reclamou conxuntamente sobre Impulsa Galicia, Meisa e Sotavento "a supresión desta recomendación" porque, argumentou, "a Intervención Xeral está a desenvolver o control financeiro" sobre estas e as demais entidades conforme á lexislación vixente. Pero Contas discorda: Impulsa Galicia é unha empresa "promovida pola Xunta, polo que a Xunta (...), como accionista de referencia, debe arbitrar as medidas oportunas para transparentar a actuación financeira desta entidade e para que a súa actuación sexa sometida a control público", reitera.

Contas non acepta a alegación da Xunta porque , evidencia, está a instar a "establecer as medidas que considere oportunas para que a actuación destas entidades sexa sometida a control, supervisión pública e rendición de contas". "E as devanditas medidas non foron tomadas", remata.

Alén dos devanditos cargos e do organigrama xa coñecido nos últimos anos, dende o pasado 24 de xullo Impulsa Galicia ten como director xeral a Julio Pombo, que substituíu no cargo a Enyd López. Pombo, quen segundo destaca a empresa é doutor en Economía e "experto en enerxía renovable e en análise económica e financeira", era dende o pasado marzo asesor económico no gabinete do presidente da Xunta. Anteriormente traballara, en diferentes períodos, para as tres universidades galegas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.