O BNG propón "impulsar a I+D+i como panca de desenvolvemento social, económico e cultural", poñer en marcha o INNOGAL, reter o talento investigador e destinar á ciencia e innovación o equivalente ao 2,5% do PIB de aquí a 2030
O BNG quere converter a ciencia e da investigación nun dos piares dun hipotético goberno de esquerdas na Xunta a partir da vindeira primavera. A portavoz nacional, Ana Pontón, prometeu este sábado que se é elixida presidenta impulsará “un gran Pacto galego pola ciencia” nos primeiros cen días de goberno.
A líder da formación nacionalista propón "impulsar a I+D+i como panca de desenvolvemento social, económico e cultural", poñer en marcha o INNOGAL (unha entidade pública que buscaría potenciar a investigación) para facilitar a xeración de ciencia básica e aplicada, reter o talento investigador e destinar á ciencia e innovación o equivalente ao 2,5% do PIB de aquí a 2030.
Pontón participou nunha xornada de traballo de ciencia e innovación coa comunidade do ámbito científico e da investigación, tanto no ámbito académico como empresarial, de cara a coñecer e recoller as súas propostas para a elaboración do programa do Bloque nesa materia
Pontón participou, con outros e outras integrantes do BNG, nunha xornada de traballo de ciencia e innovación coa comunidade do ámbito científico e da investigación, tanto no ámbito académico como empresarial, de cara a coñecer e recoller as súas propostas para a elaboración do programa do Bloque nesa materia. No encontro participaron, entre outras persoas, Salustiano Mato (ex reitor da Uvigo), Paula López (Directora Adxunta do CITIUS) e Luís Otero (Delegado para a Transferencia do coñecemento da USC).
Na apertura da xornada, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón avanzou que o programa de goberno do BNG recollerá as propostas e alternativas da comunidade científica. E defendeu “un gran gran pacto pola ciencia que coloque a Galiza na vangarda dos países máis avanzados en investigación e innovación e quero darlle a Galiza un goberno que aposte pola ciencia”.
"Se realmente pensamos que a ciencia é unha aposta estratéxica, ten que contar con recursos económicos e humanos", salientou Pontón
Na súa intervención, a líder do BNG fixo fincapé nos "grandes retos" aos que se enfronta a nosa sociedade: o cambio climático, a xestión de residuos, o envellecemento da poboación; a biomedicina ou a intelixencia artificial.
"Se realmente pensamos que a ciencia é unha aposta estratéxica, ten que contar con recursos económicos e humanos. Para acadar este obxectivo urxe un financiamento estable e suficiente, achegándose á media da Unión Europea, un programa de recursos humanos integral para todas as etapas da carreira investigadora e que aporte estabilidade e planificación aos nosos investigadores e investigadoras", sinalou Pontón.
Tamén promete poñer en marcha un programa de retención, captación e retorno de talento investigador, semellante aos xa existentes en Euskadi (Ikerbasque) e Catalunya (iCrea)
O BNG aposta por "impulsar a I+D+i como sector estratéxico e panca de desenvolvemento social, económico e cultural". "Temos claro que xerar coñecemento é en si mesmo un sector produtivo dos máis importantes para o presente e futuro do País”, engade a formación, que defende crear o INNOGAL, un “organismo público concibido como plataforma estábel para facilitar a xeración de ciencia”. Tamén promete poñer en marcha un programa de retención, captación e retorno de talento investigador, semellante aos xa existentes en Euskadi (Ikerbasque) e Catalunya (iCrea).
Outra das propostas que integran a alternativa do BNG é crear o Consorcio galego de captación e competencias dixitais coa participación da Xunta, as entidades locais e o sistema universitario.